Entrou a traballar con só 14 anos no estaleiro de Astano, en Fene. O seu compromiso político naceu moi cedo, comezou a militar nas Comisións Obreiras, en 1962 participou na súa primeira gran folga e en 1969 foi detido e de novo foi enviado á cadea en 1972
Suso Díaz morreu este martes aos 81 anos de idade. Ex-secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia, o propio sindicato comunicou o seu falecemento. A Comisión Executiva Nacional sinalou que "as Comisións Obreiras están hoxe de loito" e trasladou as súas "máis sentidas condolencias" á familia e amizades de Suso Díaz, en especial ao seu fillo José —delegado sindical de CCOO— e á ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Este mércores 9 de xullo celebrarase un acto de despedida no tanatorio Albia, na Coruña (Rúa Madame Curie, 3, Polígono de Agrela). Será ás seis e media da tarde. Posteriormente terá lugar a cremación na intimidade familiar.
Nacido en Ferrol en 1944, Xesús Díaz entrou a traballar con só 14 anos no estaleiro de ASTANO (actual Navantia-Fene) como aprendiz, como tantos outros rapaces de Ferrolterra. Aos vinte anos ingresou na oficina de métodos, na que traballou ata a súa xubilación. O seu compromiso político naceu moi cedo, comezou a militar nas Comisións Obreiras, en 1962 participou na súa primeira gran folga na factoría fenesa, de catro días, e xa en 1969, con 25 anos, foi detido por primeira vez, un caso que pasou ao Tribunal de Orden Público.
A súa filla, Yolanda Díaz, sempre puxo o seu pai e a súa nai como referencias persoais e políticas: "a democracia apréndese na casa, e aí foi onde eu a aprendín"
Volveu ser detido en 1972, no marco da represión que seguiu ás protestas obreiras do 10 de marzo nas que a policía franquista acabou coa vida de Amador Rey e Daniel Niebla. Nese momento foi enviado xunto con outros presos políticos ao cárcere provincial da Coruña. Alí ían visitalos os seus tres fillos, entre eles a actual vicepresidenta do Goberno do Estado e Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que daquela tiña apenas un ano de idade, e que sempre puxo o seu pai e a súa nai como referencias persoais e políticas: "a democracia apréndese na casa, e aí foi onde eu a aprendín", dixo nalgunha ocasión.
Suso Díaz lembra ese paso pola cadea como un espazo de solidariedade compartida e de aprendizaxe recíproca: “alí estivemos 50 ou 60 persoas. Un leva estas cousas moito mellor cando está con camaradas. Nas cadeas tamén facías oposición, dalgún xeito: protestabamos nas celas, no 1º de maio levantabámonos cantando a Internacional...”, lembraba nesta entrevista, na que reivindicaba que "cando se fala da Transición, esquécese a mobilización dos traballadores, que foi o que fixo que neste país teñamos democracia".
Xesús Díaz foi secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia entre 1992 e 2000
Pode que fose neses meses no cárcere onde Suso Díaz aprendeu a necesidade de estar unidos, da solidariedade por riba das siglas. Nesta entrevista lembraba a relación que alí establecían presos comunistas, socialistas, nacionalistas, dende Vicente Álvarez Areces a Paco Rodríguez. Como non habían estar unidos, se loitaban contra un réxime que seguía a reprimir con dureza os movementos opositores, especialmente o movemento obreiro?
Suso Díaz vivía nese momento en San Valentín, un barrio obreiro que naceu impulsado por unha cooperativa de traballadores de ASTANO en 1971.Yolanda Díaz foi, precisamente, a primeira nena que naceu alí. Un barrio de espírito operario que se ergue a carón do propio estaleiro e que sufriu os altos e baixos da carga de traballo para o sector naval e a reconversión e a propia evolución do movemento obreiro.
A democracia chegou e Suso Díaz foi primeiro secretario de Acción Sindical de CCOO na provincia da Coruña, da Federación de Metal do Sindicato e, finalmente, secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia entre 1992 e 2000, formando parte da comisión executiva e do Consello Confederal de CCOO a nivel estatal. Foi, ademais, fundador da Galeusca sindical de CCOO entre Galicia, Cataluña e Euskadi. Foi ademais membro da Comisión Executiva e do Comité Central do PCG e da Comisión Executiva e do Consello de Esquerda Unida de Galicia
Na súa etapa como secretario xeral, puxéronse os alicerces da Fundación Paz e Solidariedade, de Forem e da Fundación 10 de Marzo. Ao tempo, instituíronse os Premios 10 de Marzo e o Parlamento recoñeceu esta data como Día da Clase Obreira Galega. Posteriormente presidiu a Fundación Cultural 10 de Marzo.
A 'unidade', ese estar xuntos por riba das siglas na loita por un obxectivo común, foi se cadra unha das súas teimas nestes anos
Pouco a pouco vannos deixando as persoas que lideraron a oposición social á ditadura franquista e a organización sindical dos traballadores. Manuel Amor Deus (secretario xeral de CC.OO-Galicia entre 1978 e 1988) finou en 2007, José María Riobó fíxoo en 2004, Julio Aneiros en 2006, Rafael Pillado deixounos en 2023. Unha xeración de loitadores e loitadoras que pouco a pouco vai desaparecendo. Os imprescindibles. Din que cando morre un vello, desaparece unha biblioteca. Quen vai soster a memoria do movemento obreiro?
Xesús Díaz marcha co traballo feito. Mesmo despois da súa xubilación mantívose vencellado a numerosas iniciativas sociais e electorais (aínda en 2023 pechou a lista de Unidas Podemos na cidade da Coruña e no 2024 a de Sumar para as eleccións ao Parlamento Galego). E sempre que puido expresou a súa visión sobre a actualidade política e a situación das esquerdas, recollendo ademais recoñecementos como o premio 'Traballo Digno' da Fundación Luís Tilve, o pasado ano. A 'unidade', ese estar xuntos por riba das siglas na loita por un obxectivo común, foi se cadra unha das súas teimas nestes anos. Agora Suso únese á súa amada Carmela, que marchara en 2013.
Reaccións
O falecemento de Suso Díaz deixou numerosas reaccións no mundo político e sindical, tanto en Galicia coma no conxunto do Estado, con condolencias dirixidas sobre todo a Yolanda Díaz. O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, que xa escribira unha mensaxe a través das redes sociais, mesmo comezou o seu discurso na sesión de control do Congreso cunha "lembranza e un recoñecemento a un sindicalista, a un galeguista, a unha persoa profundamente de esquerdas, Suso Díaz. Todo o noso recoñcemento para a familia".
Tamén Alberto Núñez Feijóo, líder do PP, escribiu unha mensaxe de condolencias a través de X, o mesmo que Ana Pontón, voceira nacional do BNG, que destacou o carácter "antifranquista, histórico sindicalista de CCOO-Galiza e loitador polos dereitos e liberdades" de Suso Díaz.