"Non quero morrer en silencio". A principios de 2022, Rafael Pillado (San Cibrao, 1942) fixo público que lle detectaran un mesotelioma. Un cancro moi agresivo e cunha esperanza de vida de apenas un ano provocado pola exposición ao amianto nos estaleiros da antiga Bazán de Ferrol, o mesmo amianto sobre cuxos devastadores efectos Pillado levaba moito tempo alertando e loitando activamente.
"Non quero morrer en silencio"
Pero Pillado non freou. "Non quero morrer en silencio", resumía para Praza.gal nunha entrevista concedida pouco despois de lle confirmaren o diagnóstico. "O día que me toque, pois tocarame. Pero sempre coa convicción de que ao longo da miña vida transitei de forma honesta e poñendo todo o que tiña enriba da mesa", agregaba.
E ese día chegou. Este 20 de febreiro de 2023 Rafael Pillado faleceu tras unha vida de loita. De loita contra o franquismo, polos dereitos da clase traballadora, por un mundo máis xusto. A loita que o levou a ser a finais dos 60 un dos impulsores na clandestinidade das Comisións Obreiras nos estaleiros ferroláns e líder do sindicato durante as históricas mobilizacións do 10 de marzo de 1972, nas que a Policía da ditadura asasinou a Amador Rey e Daniel Niebla.
"O día que me toque, tocarame. Pero sempre coa convicción de que ao longo da miña vida transitei de forma honesta e poñendo todo o que tiña enriba da mesa", explicaba Pillado, histórico sindicalista e loitador contra a ditadura, tras saber en 2022 do cancro que lle provocou a exposición ao amianto
Por aqueles sucesos do 72 a ditadura encarcerouno e así estivo durante catro anos, ata 1976, cando se implicou activamente na vida sindical, política e social da Transición, chegando a liderar o Partido Comunista en Galicia en 1979, para despois militar no PSOE, ata hai unha década. Eses e tantos outros acontecementos lembrounos nas súas memorias, de cuxo primeiro volume falou para Praza en 2012, nunha entrevista que tamén acompaña estas liñas, mentres seguía militando en múltiplas causas, por exemplo, dende a Asociación Fuco Buxán, que este luns o despide con emoción.
Ata practicamente a fin, mentres as forzas o acompañaron, Pillado seguiu loitando. Tamén coa bandeira da súa doenza, que non aceptou vivir na clandestinidade. "Pretendo que a miña reclamación sexa ocasión para denunciar os responsables dos nosos asasinatos silenciosos", explicaba hai un ano. E iso implicaba volver sinalar á ditadura e á Banca March, a mesma que contribuíu a financiar o golpe de 1936 e que á que Franco outorgou "a autorización en exclusiva para importar sen límites o amianto, que a través de Uralita contaminou a auga, as terras, os tellados e edificacións, e que mata e segue matando a miles de persoas", explicaba.
A denuncia sobre os efectos do amianto que tivo que "tragar" durante catro décadas de traballo nos estaleiros -dende 1957 ata a súa prexubilación a finais dos 90- levou a Pillado a impulsar en 2004 a Asociación Galega de Víctimas do Amianto (Agavida), colectivo que na actualidade rolda os 600 socios. Dúas décadas despois da prohibición do uso deste material, explicaba hai un ano, a pugna seguía para lograr compensacións do Estado -como as acadadas nese mesmo ano-, pero tamén para vencer "resistencias" dalgunhas empresas.
Pillado loitou mentres o acompañaron as forzas. Tamén nos recoñecementos que recibiu nos derradeiros meses da súa vida, unhas homenaxes que dedicou ao "esforzo e sacrificio na defensa das liberdades"
Na que acabou sendo derradeira entrevista de Pillado con este xornal, o histórico loitador antifranquista non desligaba o traballo concreto da denuncia dos efectos mortais do amianto da loita obreira e da lembranza dos 50 anos anos dos sucesos de 1972. "Aquel 10 de marzo de 1972 non coñecíamos os problemas que había detrás do amianto, pero unha das reivindicacións que ese día poñíamos enriba da mesa era ter un traballo seguro e digno. Se o 10 de marzo ten sentido non é para regodearse no pasado, senón para que o pasado sirva de referencia ás novas xeracións, que están sendo maltratadas en todas partes, con baixos salarios, precariedade e inseguridade no traballo", salientaba.
O pasado setembro de 2022, un xulgado de Ferrol condenaba os estaleiros estatais de Navantia, herdeiros da antiga Bazán, a indemnizar a Pillado nunha sentenza que evidenciaba a neglixencia da empresa. Ao recibir o ditame, advertiu de que a súa intención era seguir loitando. Así o manifestou en todos e cada un dos foros nos que interveu nos últimos meses. Tamén cando, o pasado xaneiro, o Concello de Ferrol o homenaxeou coa súa Insignia de Ouro no día de San Xiao. Máis que para si mesmo, dixera, a condecoración foi para "o esforzo e sacrificio na defensa das liberdades". Pillado, ata a fin, fronte ao franquismo, o silencio e a morte.