Os imprescindibles (en recordo de Rafael Pillado)

Pillado, na antiga prisión provincial da Coruña © Xosé Abad

Pillado loitou, literalmente, ata o seu día derradeiro. Cando hai un ano soubo que padecía un cancro producido pola exposición ao amianto, decidiu que ía pasar ese último ano pelexando por denunciar a situación que levou á morte a milleiros de traballadores en Ferrol e no resto do Estado

Resulta un pouco tópico comezar un artigo sobre Rafael Pillado lembrando a frase de Bertolt Brecht de “hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai quen loitan moitos anos e son moi bos. Pero hai os que loitan toda la vida: eses son os imprescindibles”. Pero é que Pillado pertencía a esa estirpe de loitadores sociais que non saben vivir sen pelexar polo que é xusto. 

Pillado loitou, literalmente, ata o seu día derradeiro. Cando hai un ano soubo que padecía un mesotelioma pleural, un cancro producido pola exposición ao amianto que lle deixaba máis ou menos un ano de vida, decidiu que ía pasar ese último ano pelexando por denunciar a situación que levou á morte a milleiros de traballadores en Ferrol e no resto do Estado. “Non quero morrer en silencio”, dicía nesta entrevista, poñendo o foco na responsabilidade da antiga Bazán (hoxe Navantia) e do réxime franquista no uso do amianto na construción naval e noutros sectores mesmo unha vez que se soubo a súa elevada perigosidade para quen o manipulaba.

Así o fixo, e nestes últimos meses puxo sobre a mesa unha realidade que el mesmo axudara a destapar hai algo máis de 20 anos. Gañou un xuízo que lle recoñecía unha indemnización non pequena, pero recorreu a sentenza porque o que estaba en xogo era algo máis que diñeiro. Poucas enfermidades están tan ligadas ao mundo obreiro e revelan, ademais, a propia desigualdade da relación laboral e o desprezo á vida dos traballadores. A plusvalía empresarial por riba da saúde.

Cando se fala do cancro segue a empregarse moitas veces esa absurda fórmula de 'longa enfermidade' que só serve para agachar a principal causa de morte da nosa sociedade. No caso de Pillado, aínda que o seu mesotelioma foi diagnosticado hai pouco máis dun ano e o desenlace foi desgraciadamente rápido, pódese dicir en efecto que era unha enfermidade que viña de vello, incubada durante 30 anos ou máis dende que comezara a traballar nos estaleiros sendo un rapaz.

A denuncia dos efectos do amianto e o imprescindible traballo que realiza unha asociación como Agavida foron unha etapa máis na vida de compromiso de Pillado, unha continuidade necesaria da súa loita obreira e social sempre guiada pola defensa do traballador

A denuncia dos efectos do amianto e o imprescindible traballo que realiza unha asociación como Agavida foron unha etapa máis na vida de compromiso de Pillado, unha continuidade necesaria da súa loita obreira e social sempre guiada pola defensa do traballador, a defensa do ser humano ante os abusos dos grandes poderes.

Pillado vira morrer a moitos dos seus compañeiros nestes últimos anos, moitos deles por culpa do amianto. Se repasamos algunha foto dos protagonistas das loitas de 10 de marzo de 1972 e dos anos seguintes veremos que xa son moitos máis os que faltan que os que quedan. 

Pillado forma parte dunha xeración de loitadores á que lle debemos o regreso da democracia neste país e dereitos laborais que aínda non foron arrebatados. Persoas que na ditadura, na Transición Política e tamén nas décadas seguintes mantiveron unha ética do traballo, un compromiso inquebrantable coa xustiza social e unha dignidade de loita que aprenderon nos imprescindibles partidos comunistas. Este sería un país moito peor sen o traballo do PCG e das Comisións Obreiras.

Un compromiso que, como moitas veces demostrou, estaba máis ligado a unhas ideas e a unhas causas que a unhas siglas. Pillado pelexou conta todos, mesmo contra o seu propio sindicato, para denunciar nos primeiros momentos os efectos do amianto que finalmente tamén o matou a el.

Traballou no sindicato, pelexou na política e despois chegaron outras batallas: veciñais, en Fuco Buxán, contra Reganosa... Pillado pertencía a esa estirpe de loitadores sociais que non saben vivir sen pelexar polo que é xusto

Traballou no sindicato, pelexou na política e despois chegaron outras batallas: veciñais, pola memoria histórica dos represaliados pola ditadura (comezando polo seu pai), toda a inxente actividade da asociación Fuco Buxán ou a mobilización contra Reganosa, que aí segue no interior da ría e enriquecendo máis que nunca aos seus propietarios grazas á guerra de Ucraína. 

Hai un texto de Benedetti, El cumpleaños de Juan Ángel, no que unha das personaxes -Marcos-, que pertence a unha guerrilla urbana, se sacrifica para que os seus compañeiros escapen da Policía (“vayan bajando, yo me quedo a cubrir la retirada”), nunha homenaxe a esta estirpe de loitadores que poñen o corpo e a vida en defensa das causas polas que pelexan e en amparo dos seus. “Ojalá vivas, Marcos”, repite un tras outro ao descender por un pozo no final da novela mentres Marcos (“generoso como una hormiga”) sostén e vixía a abertura. Pillado non se salvou, pero a nós xa nos salvara. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.