Navantia terá que indemnizar a Pillado con 128.000 euros por non protexer o persoal dos estaleiros ante o amianto

Rafael Pillado, ás portas dos xulgados de Ferrol o día que comezaba o xuízo contra a empresa Navantia © Dez De Marzo Cincuenta Aniversario

Dende que hai uns 20 anos comezaron a denunciarse publicamente en Ferrol os efectos que durante décadas tivera o amianto na saúde de milleiros de obreiros dos estaleiros, moitos destes traballadores tiveron que iniciar unha peregrinaxe por centros médicos (nos que constataron a gravidade das súas afeccións, case sempre ligadas a cancros terminais) e tamén xulgados. 

Nas últimas dúas décadas houbo moito xuízos en Ferrol de antigos traballadores de Bazán contra a actual Navantia esixindo o recoñecemento da súa responsabilidade. Porén, poucos foron tan simbólicos coma o que na última semana enfrontou a Rafael Pillado coa empresa

As demandas presentadas contra as súas antigas empresas chocaron durante anos coas resistencias das compañías a recoñecer a súa responsabilidade no sucedido, argumentando en moitas ocasións que os tumores pulmonares que sufrían eras debidos ao tabaco ou a outros factores. Outras veces, cando a empresa mudara de denominación e estruturas (coma no caso de Bazán, convertida en Izar e despois en Navantia) as compañías buscaron a forma de eludir a súa responsabilidade pasada. Porén, sentenzas coma a do Tribunal Supremo en 2015 deixaron clara a responsabilidade solidaria de Navantia como empresa herdeira de Bazán e Izar no pagamento de indemnizacións ás familias dos traballadores que sufriron prexuízos de saúde polo uso de amianto como material illante. 

Concentración ás portas dos xulgados de Ferrol o día que comezaba o xuízo de Rafael Pillado contra a empresa Navantia © Dez de Marzo Cincuenta Aniversario

O ditame considera probado que a empresa “non realizaba medicións para coñecer a concentración de amianto no ambiente, nin proporcionaba aos traballadores equipos de protección específicos nin sistemas de ventilación ou filtrado do aire de espazos pechados, nin advertía aos traballadores do risco que o amianto supoñía”

Nas últimas dúas décadas houbo moito xuízos en Ferrol de antigos traballadores de Bazán contra a actual Navantia esixindo o recoñecemento da súa responsabilidade e o pagamento dunha compensación económica polo dano causado. Porén, poucos foron tan simbólicos coma o que nas últimas semanas enfrontou a Rafael Pillado coa empresa. Non só polo feito de ser Pillado un dirixente histórico do movemento obreiro (foi un dos creadores das Comisións Obreiras en Bazán, sendo o líder do sindicato durante as mobilizacións que o 10 de marzo de 1972), senón sobre todo por ser quen iniciou a denuncia pública do efecto mortal que o amianto tivera para milleiros de traballadores na comarca de Ferrolterra.

Vén de coñecerse a sentenza do proceso, no que o Xuzgado do Social nº 2 de Ferrol decidiu estimar parcialmente a demanda presentada por Pillado, condenando solidariamente a Navantia -que non compareceu no xuízo- a indemnizalo con 128.000 euros. O ditame considera probado que a empresa “non realizaba medicións para coñecer a concentración de amianto no ambiente, nin proporcionaba aos traballadores equipos de protección específicos fronte ao amianto nin sistemas de ventilación ou filtrado do aire de espazos pechados, nin advertía aos traballadores do risco que o amianto supoñía”.

Pillado estuda recorrer a sentenza, que xulga insuficiente, e busca converter o seu proceso en causa colectiva contra “os asasinatos silenciosos” causados polo amianto

Con todo, a cifra de indemnización fixada polo xuíz está moi por debaixo da solicitada por Pillado (uns 379 mil euros), que co seu avogado, Jesús Porta Dovalo, está estudando a posibilidade de recorrer a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Pillado destacou nestas últimas semanas que busca converter o seu proceso en causa colectiva contra “os asasinatos silenciosos” causados polo amianto. De igual xeito, dende o momento en que hai uns oito meses coñeceu a súa enfermidade, un mesotelioma mortal cunha esperanza de vida media dun ano, o ex-sindicalista anunciou que quería dedicar os seus últimos momentos de vida a denunciar publicamente esta situación: "Non quero morrer en silencio, a mellor defensa dunha persoa enferma de amianto é que se saiba".

Concentración de afectados polo amianto © AGAVIDA

No xuízo e nas súas denuncias, Rafael Pillado estivo acompañado pola Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) e as asociacións culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, o mesmo que pola avogada Cristina Almeida, clave nas defensa dos traballadores ferroláns en varios momentos históricos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.