Comeza o xuízo de Rafael Pillado contra Navantia pola responsabilidade da antiga Bazán no uso do amianto

Rafael Pillado © Xosé Abad

Este martes comeza en Ferrol o xuízo contra a empresa Navantia no que Pillado busca que a empresa herdeira de Bazán recoñeza que a doenza foi provocada pola súa exposición ao amianto durante os anos en que traballou no estaleiro

Nos primeiros días de febreiro, Rafael Pillado fixo público que se lle acababa de detectar un cancro producido polo amianto, un mesotelioma mortal cunha esperanza de vida media dun ano. Eses días o ex-traballador de Bazán destacaba que non quería "morrer en silencio", senón que a súa intención é que a súa enfermidade fose coñecida: "a mellor defensa dunha persoa enferma de amianto é que se saiba". 

Este martes comeza en Ferrol o xuízo contra a empresa Navantia no que Pillado busca que a empresa herdeira de Bazán recoñeza que a doenza foi provocada pola súa exposición ao amianto durante os anos en que traballou no estaleiro. Pillado entrou en Bazán aos 15 anos, en 1957, e con 17 xa estaba a bordo dos barcos, "uns barcos que estaban cargados de amianto ata os topes e que estaban aquí de reforma", relataba hai uns meses en entrevista con Praza.gal. O traballador prexubilouse en 1999, 40 anos despois. "Estiven 40 anos tragando amianto", dicía nesa conversa, na que tamén recoñecía que "eu xa me confiara en que a min non me ía pasar, porque os especialistas no tema do amianto falan dun período de latencia ata 30 anos". 

Carlos Piñeiro, Rafael Pillado e Antón Losada, na mesa redonda sobre o amianto celebrada hai uns días © Agavida

O de Pillado non é un xuízo máis, senón que se trata dun proceso moi simbólico por varios motivos

Calcúlase que só na comarca de Ferrolterra o número de afectados pola asbestose, enfermidade pulmonar causada pola inhalación de fibras de amianto, supera os 3.500, cun goteo de unha ou dúas ducias de mortes ao ano. Dende hai un par de décadas xuízos coma o que hoxe enfronta a Pillado e Navantia son relativamente frecuentes. Pero o de Pillado non é un xuízo máis, senón que se trata dun proceso moi simbólico por varios motivos. En primeiro lugar pola propia figura do afectado: Pillado foi un dos creadores das Comisións Obreiras en Bazán, sendo o líder do sindicato durante as mobilizacións que o 10 de marzo de 1972, e posteriormente liderou brevemente o PCG. 

Pero, ademais, foi Pillado unha das persoas que de forma máis destacada denunciaron publicamente o efecto mortal que o amianto tivera para milleiros de traballadores na comarca de Ferrolterra, rachando a partir do ano 2001 un ominoso silencio que empresas, administracións e algúns sindicatos gradaban ao respecto. Así mesmo, no ano 2004 Pillado impulsou a creación da Asociación Galega de Víctimas do Amianto (Agavida), que dende hai dúas décadas traballa apoiando nas súas reclamacións xudiciais ás persoas e familias afectadas e promovendo unha Lei Integral do Amianto que supoña un recoñecemento automático do dano producido a decenas de milleiros de traballadores e garanta a eliminación de todo o amianto aínda existente.

Un momento da mesa redonda sobre o amianto celebrada hai uns días © Agavida

Levouse a cabo unha concentración ás portas dos Xulgados de Ferrol e apoio de Pillado e de todos os afectados "por esta pandemia asasina e silenciosa"

Por este motivo a Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) e as asociacións culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática concentráronse este martes ás portas dos Xulgados de Ferrol en apoio a Pillado e en apoio "a todos os afectados por esta pandemia asasina e silenciosa", unha "enfermidade adquirida non de forma casual ou imprevisible senón cando as empresas e o goberno eran coñecedores do alcance tráxico e consecuencias do uso do amianto", denuncian.

Denuncian que a enfermidade foi "adquirida non de forma casual ou imprevisible senón cando as empresas e o goberno eran coñecedores do alcance tráxico e consecuencias do uso do amianto"

Hai uns días, ademais, Agavida, Fuco Buxán e outras entidades organizaron en Ferrol unha mesa redonda ao redor do amianto e da enfermidade profesional producida polo seu uso. Na mesa, celebrada no Centro Cultural Carvalho Calero, participaron ademais de Pillado, Antón Losada (profesor da USC e analista político) e Carlos Piñeiro (médico social experto nas afeccións causadas polo asbesto). Participaron tamén en representación dos sindicatos: Manuel Grandal (CIG), Xaquín García Sinde (CGT) e Celso Domínguez (USTG). Así mesmo, no acto houbo unha lembranza "a tantas mulleres vítimas desta enfermidade adquirida a través dos seus homes", e en representación delas participou Marichy Cuadrado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.