O segundo episodio de Fálase, o podcast informativo de Praza.gal que botou a andar co décimo aniversario do xornal, céntrase en dous dos temas que centrou a nosa actividade informativa nos últimos días. Por unha banda, mentres rexorden as protestas contra a exclusión financeira, repasamos os datos que acreditan que Galicia bate récords de cartos depositados nos bancos mentres o número de sucursais é o menor dende 1974. Por outra, escoitamos as reflexións de Rafael Pillado, veterano traballador e sindicalista do naval ferrolán que vén de revelar que padece un cancro provocado polos anos en que tivo que manipular amianto, como antes lles acontecera a tantos outros traballadores e ás súas familias.
Na primeira parte do programa, con David Lombao e Ana G. Liste, recompilamos os datos de depósitos bancarios, que xa superan os 70.000 millóns de euros, pero tamén poñemos o foco na sucesión de peches de sucursais bancarias en vilas e cidades. Sobre isto, en Fálase detémonos nas dúas grandes operacións de fusión que, dende o comezo do século, condicionaron o mapa financeiro galego.
Poñemos sons que nos levan dende a unión de Caixavigo, Caixa Ourense e Caixa de Pontevedra, que deu lugar a Caixanova, ata a ligazón desta con Caixa Galicia no ano 2010 para desembocar na quebrada Novacaixagalicia. Son sons de publicidade dos anos do gran crecemento, pero tamén o son da voz do alto executivo da consultora KPMG que, ante o Congreso dos Deputados, reiterou que a empresa non elaborara unha auditoría que avalara a fusión, como mantivo a Xunta -que pagou o traballo-.
Na segunda parte do programa, con Marcos Perez Pena escoitamos varios treitos da entrevista que mantivo con Rafael Pillado escasos días despois de que o veterano traballador e sindicalista do naval revelase que padece un cancro producido por manipular amianto. A causa dos traballadores afectados por esta doenza vén sendo unha das múltiples loitas de Pillado, quen tamén fora represaliado polo franquismo despois das mobilizacións do histórico 10 de marzo de 1972, tras as que foi encarcerado pola ditadura.
No transcurso da conversa con Praza.gal, Rafael Pillado lembra como comezou a ser consciente do fortísimo impacto que traballar co amianto tivo na saúde do persoal e tamén resalta a importancia de que as familias continúen mobilizándose polos dereitos dos afectados. Comparte ademais connosco os seus sentimentos no que é o tramo final da súa vida.
Todos os episodios de Fálase chegarán en primeiro lugar ás socias e socios de Praza.gal e, ao día seguinte, estarán dispoñibles no xornal para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.