Galicia bate récords de cartos depositados nos bancos mentres o número de sucursais é o menor dende 1974

Mostra dun billete de 100 euros e logotipos de entidades financeiras galegas xa desaparecidas CC-BY-NC-SA Foto: © Banco Central Europeo | Montaxe: Praza.gal

A campaña iniciada por Carlos San Juan, un xubilado valenciano de 78 anos, para reclamar atención "humana" nos bancos á poboación da terceira idade, devolveu nas últimas semanas á actualidade a cuestión da exclusión financeira, tanto pola redución de servizos presenciais como polo galopante peche de sucursais, acelerado polas últimas grandes fusións no sector. No caso galego, a cuestión volve ao primeiro plano en vésperas do décimo aniversario da fin definitiva de Novagalicia Banco, a entidade que resultara do rescate de Novacaixagalicia, resultado da fracasada fusión entre Caixanova e Caixa Galicia.

Contra finais de 2021 os depósitos bancarios superaron en Galicia os 70.000 millóns de euros por primeira vez dende que hai datos comparables

Mentres dende os gobernos agroman iniciativas para paliar este problema -dende os servizos bancarios incorporados a Correos ata os caixeiros subvencionados pola Xunta a Abanca-, o peche de sucursais e a retirada de servizos presenciais non cesa. Ata o punto de que o número de oficinas era contra finais de 2021 o máis baixo dende 1974 mentres aumenta o uso da banca a través de internet (o 67% da poboación galega de 16 a 74 anos utilizouna nalgún momento durante 2020, pero apenas o 7% de maiores de 75 anos, segundo o INE). Ao mesmo tempo, os cartos depositados nos bancos baten todos os récords despois de que, durante a pandemia, en Galicia se superasen durante a pandemia os 70.000 millóns en depósitos por primeira vez dende que hai datos comparables.

Os depósitos aumentaron o seu incremento tras a pandemia e o crédito aumentou por primeira vez dende a crise financeira de 2008, pero cun ritmo moito menor

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no terceiro trimestre de 2021 -último dato dispoñible no Banco de España-, os depósitos bancarios achegábanse en Galicia aos 74.000 millóns de euros. Sucede tras un pronunciado incremento durante o primeiro ano afectado pola pandemia, especialmente durante o segundo trimestre de 2020, o do confinamento domiciliario total. 

A tendencia á alza no volume de cartos depositados nos bancos é unha constante dende o outono de 2012. Dáse a circunstancia de que o total depositado xa supera o que fora o récord de crédito ofrecido por estas entidades ata o estourido da crise financeira de hai unha década, cun teito na contorna dos 72.000 millóns de euros no ano 2010. O crédito, non obstante, tamén experimentou un cambio de tendencia ao fío da pandemia, ascendendo con claridade por primeira vez en máis dunha década e no terceiro trimestre do pasado ano roldaba os 47.000 millóns.

Preto de baixar do limiar das mil sucursais abertas

O peche de oficinas acelerouse tras a quebra e rescate de Novacaixagalicia e a súa venda a Banesco

Mentres o volume de cartos depositados nos bancos bate récords, os datos oficiais do Banco de España constatan a aceleración nos peches de sucursais. Contra finais de 2021, Galicia estaba xa a piques de baixar do limiar do milleiro de oficinas bancarias en funcionamento. Eran, concretamente, 1.096 ao peche do terceiro trimestre do pasado ano (dato máis recente dispoñible), a cifra máis baixa dende finais de 1974.

A serie estatística do regulador amosa como as dúas anteriores perdas significativas de sucursais bancarias chegaran en Galicia despois de senllos procesos de fusión. A primeira chegou tras a fusión en dous tempos que deu lugar a Caixanova, primeiro mediante a unión de Caixavigo con Caixa Ourense (1999) e, xusto a continuación, a incorporación á operación da Caixa de Pontevedra. Todo, coa decisiva intervención do Goberno do PP de Manuel Fraga.

As desaparicións do Banco Pastor e do Banco Gallego e, máis recentemente, a absorción de Bankia por CaixaBank, contribuíron tamén á perda de oficinas

Aquel descenso fora compensado sobradamente nos anos seguintes, os da burbulla inmobiliaria e do crédito a fluír, tanto polas daquela grandes caixas de aforro galegas como pola banda do resto da banca, ata volver superar en 2008 as 2.500 sucursais en funcionamento. Tras o estourido da crise financeira internacional (a quebra do xigante estadounidense Lehman Brothers, en setembro daquel ano, vén sendo considerado como o seu desencadeante definitivo), o número de sucursais comezou un descenso que se agudizou a partir de 2010, co nacemento e posterior quebra e rescate (2012) de Novacaixagalicia

A caixa resultante de fusionar Caixa Galicia con Caixanova foi bancarizada e operou fugazmente como Novagalicia Banco ata a súa venda polo Estado ao venezolano Banesco (2013), que a transformou en Abanca mentres continuou co peche de sucursais. Dos máis de 9.000 millóns de euros públicos que custou o rescate foron recuperados apenas 1.000, segundo acreditou o propio Banco de España.

Fusións, absorcións e reestruturacións de entidades financeiras con sede en Galicia. Preme en cada unha para obteres máis información e utiliza os controis da parte superior esquerda para achegar ou afastar o gráfico

Alén das desaparecidas grandes caixas, a perda de oficinas acelerou nos últimos dous anos ao abeiro doutras fusións e absorcións, tanto as que contribuíron a enfraquecer o sistema financeiro galego como as que viñeron de fóra. Así, o Banco Gallego foi absorbido polo Sabadell e ao Pastor sucedeulle o propio co Popular, que pasou a ser parte do conglomerado do Banco Santander tras estar a piques de quebrar. Máis recentemente, CaixaBank quedou coa rescatada Bankia, co consecuente impacto en postos de traballo e oficinas. Todo, mentres o conxunto de entidades tenden cada vez máis cara aos servizos dixitais.

Neste tempo, só Caixa Rural Galega permaneceu como entidade financeira con sede no país allea a fusións e rescates. A cooperativa é tamén a única que, dende a súa pequena dimensión, continuou incrementando aos poucos tanto o seu cadro de persoal como o número de sucursais, con 47 ao remate do seu último ano con resultados dispoñibles, a maioría delas en vilas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.