Sete anos consecutivos de incremento de beneficios, un trienio de aumento de persoal e máximos en investimento crediticio e depósitos da clientela. Son algunhas das principais cifras expostas polo Consello Reitor da Caixa Rural Galega á súa Asemblea xeral, celebrada o pasado sábado en Lugo tras as xuntas preparatorias desenvolvidas en Chantada, Ribadeo, Santiago e na propia capital lucense, onde ten a súa sede a cooperativa de crédito que é tamén a única caixa de aforros que resistiu en Galicia tras a crise financeira da pasada década.
Os depósitos achéganse aos 1.280 millóns tras medraren case un 20% . O crédito aumenta un 23% e chega aos 686 millóns, a maior parte en Pemes e autónomos (45%) e particulares (44%)
O informe ás socias e socios presentado na asemblea polo presidente da entidade, Manuel Varela, evidencia que, tamén no ámbito económico, o 2020 estivo marcado pola pandemia. "Non recordamos unha caída do PIB de tal magnitude", resalta. E, malia todas as circunstancias derivadas da COVID-19, "Caixa Rural Galega presenta, unha vez máis, o mellor ano da súa historia" e así o reflicten os beneficios, 5,8 millóns fronte aos 5,5 do ano 2019, "co que seguimos reforzando a nosa solvencia".
Todos os indicadores detallados pola Caixa na súa asemblea xeral tocan máximos das series expostas. Os depósitos da clientela chegaron aos 1.279,9 millóns de euros (+18,74%) nun ano no que os fondos destinados a créditos roldaron os 686 millóns de euros (+23,70%). Segundo os datos expostos, o 45,06% do investimento crediticio da Caixa Rural está en pequenas e medianas empresas e mais en profesionais autónomos e o 44,22%, en particulares. Algo menos do 6% sitúase en proxectos inmobiliarios, o apenas o 3,6% en grandes empresas e algo máis do 1%, en Administracións públicas.
"Seguimos facendo un tipo de banca diferente, de proximidade, tradicional pero á cabeza da dixitalización", sinala o presidente da cooperativa de crédito, que atribúe os bos resultados malia á pandemia a que "a nosa prioridade foi sempre a xente e este ano, dun xeito especial"
Malia á pandemia, a ratio de morosidade soportada pola Caixa Rural continúa á baixa e queda no 3,51% (algo máis dun punto menos). Con todo este pano de fondo, a entidade cooperativa finalizou 2020 cun cadro de persoal composto por 158 persoas (90 mulleres e 68 homes), catro máis que en 2019.
Non devandito informe, o presidente da Caixa Rural considera que a entidade "pasou con éxito" polo ano máis duro da pandemia "especialmente", polo "seu compromiso e lealdade". "A nosa prioridade foi sempre a xente e este ano foino dun xeito especial", mantén. Nesta liña, asegura que "seguimos facendo un tipo de banca diferente, que ten aos nosos socios como centro" e mantén a liña "de proximidade, a banca tradicional, pero á cabeza da dixitalización". "En momentos de enorme crise como os que estamos a vivir, a Caixa adquire o seu verdadeiro significado; sabemos o que a sociedade espera de nós e os valores que profesamos mentres seguimos a consolidar a tendencia positiva dos depósitos e do investimento crediticio", mantén.
Alén da avaliación dos resultados de 2020, a Asemblea Xeral da Caixa Rural Galega elixiu o novo vicepresidente da entidade tras a baixa voluntaria do anterior, Venancio Rocha, que levaba máis de trinta anos no Consello Reitor. O novo vicepresidente é Ángel Ramil, membro do Consello ende 2002 e actual secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do queixo San Simón da Costa.