Caixa Rural Galega celebra os seus 50 anos "cos pés na terra"

Presentación do libro de Caixa Rural Galega © Caixa Rural Galega

A sede de Caixa Rural Galega en Lugo acolleu este xoves a presentación do libro 50 anos cos pés na terra, co que a entidade conmemora o seu 50º aniversario. A obra busca "deixar atrás datos, cifras e cronoloxías" para centrarse nos traballadores, socios e colaboradores que "fixeron realidade outra maneira de facer banca". 

Caixa Rural Galega celebra con este libro unha entidade que presume "doutra maneira de facer banca"

O presidente da entidade, Manuel Varela, destacou a obra para incidir en que todo o sucedido "non sería posible sen os máis de 15.000 socios, os case 160 empregados", así como "o cumprimento" dos seus principios fundamentais dende o primeiro día: "a estabilidade, a prudencia, a solvencia e o compromiso con Galicia e cos galegos”.

Pola súa banda, o director xeral de Caixa Rural, Méndez Álvarez-Cedrón destaca que o libro "capta perfectamente a filosofía da entidade", unha banca "caracterizada pola súa proximidade ao territorio, con produtos sinxelos, prudente e con continuo reinvestimento dos beneficios obtidos; unha banca, definitivamente, cos pés na terra". 

"Hai un ano todo isto comezou a tomar forma nunha xuntanza que mantiven cos catro pioneiros, Arcadio López Lens, Nely Quintás, Feliciano García Vila e Luis Cabana. Dende aquel día comezamos a tirar do fío das lembranzas da entidade e pouco a pouco fomos tecendo toda esta obra”, asegurou Marta Veiga, a xornalista autora da obra. 

“O noso obxectivo prioritario é o socio, o cliente. Non tanto o retorno de capital senón a axeitada oferta de produtos e o trato próximo”

A xente que fai posible Caixa Rural Galega "merecía esta homenaxe", apuntou Veiga, que destacou que na obra están representados persoeiros como Higinio Mougán, xerente de Agaca; Antonio Durán, fundador de Durán Maquinaria Agrícola; David Lombao, director de Praza Pública, ou Luis Falcón e Maruja Irigoyen, gandeiros de Vilaseca (Riotorto)”.

“O noso obxectivo prioritario é o socio, o cliente. Non tanto o retorno de capital senón a axeitada oferta de produtos e o trato próximo cara a todos eles”, rematou o director xeral de Caixa Rural Galega, que continúa este venres a conmemoración do seu cincuentenario coa celebración dunha gala e posterior cea na que se conta coa presenza de representantes da esfera social e política da nosa comunidade.

De Lugo a toda Galicia

A que empezou sendo denominada Caja Rural Provincial de Lugo –unha sociedade cooperativa de crédito dirixida aos gandeiros e aos labregos e creada en Lugo no ano 1966– fixo un percorrido neste medio século ata converterse na Caixa Rural Galega. Conta hoxe en día con máis de 15.000 socios e ofrécelles servizos financeiros a máis de 60.000 persoas en toda Galicia.

No verán de 1967 comezou a funcionar a primeira oficina no número 29 da rúa Montero Ríos de Lugo e o seu primeiro presidente foi Antonio Rosón. Pasadas máis de dúas décadas, e logo dunha importante reconversión bancaria no país, en 1989 a Caja Rural Provincial de Lugo quedou como única caixa rural en toda Galicia que, con posterioridade, estendería o seu ámbito de actuación ao conxunto de toda a comunidade autónoma.

A principios dos 90 créase o Grupo Caixa Rural, que responde a un modelo de banca confederada de entidades con base cooperativa de todo o Estado. Neses mesmos anos, a Caja Rural Provincial de Lugo modifica os seus estatutos para estender o ámbito de actuación a toda Galicia e adopta o nome de Caixa Rural de Lugo para, posteriormente, converterse en Caixa Rural Galega e espallarse controladamente por todo o país. 

Na actualidade conta con 46 oficinas abertas en toda Galicia distribuídas en 41 concellos, máis de 150 empregados, depósitos de clientes por importe de 770 millóns de euros e crédito vivo por importe de 465 millóns.

Presentación do libro de Caixa Rural Galega © Caixa Rural Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.