O colapso de Novacaixagalicia obrigou a desfacerse das participacións das antigas caixas en multitudes de empresas, moitas delas galegas
O colapso de Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, en plena crise financeira hai unha década, provocou importantes consecuencias no tecido industrial e empresarial de Galicia. A entidade fusionada, rescatada con máis de 9.000 millóns de euros dos que as arcas públicas apenas recuperaron 1.000, tivo que desfacerse da súa participación en múltiples empresas antes de ser privatizada, como tempo atrás foran facendo as caixas e como logo seguiría facendo Abanca.
Na lista, multitude de empresas de fóra e dentro do país das que as herdeiras das antigas caixas foron saíndo do seu capital, pero tamén a maior empresa de residencias de Galicia, a compañía de telecomunicacións R, a conserveira Calvo ou a vella Pescanova.
Porque a fusión das dúas caixas galegas en 2010 traía tamén consigo a enorme carteira empresarial de ambas, con máis de 200 empresas participadas e a necesidade de soltar lastre. Antes mesmo da súa unión, entre 2005 e 2010, a venda de diferentes participacións reportáralles ás dúas entidades 1.900 millóns de euros.
R pasou nunha década de ser propiedade de Caixanova a ser filial de Euskaltel para agora formar parte de MásMóvil tras a opa ao grupo vasco
Abandonado xa o capital de Unión Fenosa, tras a adquisición da enerxética por parte de Gas Natural, as caixas impulsaron aínda varias empresas galegas como R, da que esta semana se soubo que volvería cambiar de mans coa opa que MásMóvil lanzou sobre Euskaltel, o seu actual propietario.
En 2008, Caixanova mercou o 35,44% da compañía de cable que tiña Unión Fenosa, pasando a controlar a empresa co 66% das accións e co obxectivo, segundo manifestara a entidade, de manter a "galeguidade" da operadora
Menos de dous anos despois, e case a un tempo coa fusión das caixas, o fondo de capital risco CVC Capital Partners, con sede en Luxemburgo, facíase cunha participación do 35% e unha opción de compra doutro 35% que consumaría só uns meses máis tarde, ata alcanzar o 70% do accionariado. Caixanova volvía quedar co 30% ata que, xa en 2015, Euskaltel compra todas as accións por case 1.200 millóns de euros. Aquela venda achegoulle a Abanca máis de 265 millóns.
R, aínda mantendo marca e sede en Galicia, perdeu a súa galeguidade, a mesma á que aludira o presidente da Xunta sobre unhas caixas que viraron nun banco dun grupo venezolano. Por agora, Abanca conserva do pasado de Caixanova arredor de 8 millóns de accións en Euskaltel, o 4,5% do total, e aínda non está decidido se acudirá á opa de MásMóvil, que lles proporcionaría uns 90 millóns de euros.
Sería desfacerse do último vestixio das caixas na compañía de telecomunicacións, apenas un símbolo da participación que as antigas entidades de aforro tiñan en tantas empresas galegas --e non galegas-- e ás que o proceso de fusión, o plan de recapitalización, as exixencias de Bruxelas e a súa fonda crise obrigaron a soltar lastre.
A antiga Pescanova é un dos exemplos. En 2011, xa como Novacaixagalicia (NCG), a entidade pasou en poucos meses de controlar máis dun 30% das accións da empresa a quedar a practicamente cero en catro operacións de venda, abandonando a firma alimentaria que logo acabaría na quebra coñecida.
En poucos meses de 2011, Novacaixagalicia pasou de ter o 30% de Pescanova a quedar a cero
Foi case a un tempo no que se desfixo tamén das pequenas participacións que NCG tiña na principal eléctrica portuguesa, EDP (1,2%), ou na concesionaria Brisa (2,2%). Un proceso de desinvestimento que continuaría en 2012 cando Novacaixagalicia vendeu o 10% de Autovía del Barbanza, o 44,7% do Banco Etcheverría, o 13% de Allarluz, o 3,5% de Sacyr ou o 2,6% de T-Solar.
Naquela altura, antes da súa privatización total, Novagalicia Banco, a entidade propiedade de NCG, culminou a marcha dos restos das caixas galegas na conserveira galega Calvo tras longas negociacións para vender a un grupo italiano a participación indirecta que a entidade tiña a través de Ponto Inversiones, que ostentaba un 22,2% do grupo alimentario.
Pouco antes, fora a quenda de Geriatros. O colapso das caixas acabou por deixar en mans de multinacionais a empresa de residencias --agora denominada DomusVi-- con máis casos de coronavirus e máis polémica ao seu redor en Galicia. Foi outra das derivadas da desfeita das entidades e da súa fracasada fusión, que tamén se notou na dispoñibilidade de crédito no mundo da pequena empresa durante os últimos anos.
O colapso das caixas deixou en mans de multinacionais a empresa de residencias con máis casos de coronavirus en Galicia
As desaparecidas grandes caixas galegas entraron no sector das residencias de maiores en 2003, Caixanova e o Banco Gallego -entidade participada pola caixa do sur- mercaron a totalidade das accións de Geriatros, empresa galega fundada en 1994 que daquela facturaba uns 4 millóns de euros anuais.
Geriatros pasou a ser propiedade de Novacaixagalicia, que tamén xestionaba residencias de maiores a través de Sogaserso, sociedade creada dende a Xunta en 2006 en cuxo accionariado participaba cun 45% o Goberno galego. No ano 2010, tras o retorno do PP ao poder, o Executivo abandonou a entidade, que caeu nas mans das caixas pouco antes da fracasada fusión.
Con 27 residencias e unha vintena de centros de día, Geriatros pasou ao terreo da compra e a venda entre fondos de investimento multinacionais. NCG Banco vendeu na ao fondo de investimento portugués Magnum Capital. En 2015 foi vendida ao fondo francés PAI Partners por uns 300 millóns de euros, que tras formar un conglomerado no sector, acabou con Geriatros nas mans doutros dous fondos: o británico ICG e o francés SRS.
Á fronte da compañía, sempre Josefina Fernández, conselleira delegada, que se incorporou a Geriatros no ano 2000, que en 2017 presentaba a nova marca, DomusVi, con sede en Vigo e que hai só uns meses daba conta, eludindo calquera responsabilidade, do impacto da COVID nos seus centros e advertindo dos perigos dun sistema público.
Novagalicia non pararía aí, tras desfacerse pouco despois da súa participación en NH Hoteles e outras moitas compañías coas que foi saltando lastre ata que, a finais de 2013, o grupo venezolano Banesco quedaba cos restos das caixas galegas nunha venda na que foron recuperados apenas 1.000 millóns do rescate. Segundo acredita o Banco de España, outros 9.000 xa foron dados por perdidos.
A partir de aí, Abanca continuou cun proceso de desinvestimentos aínda pendentes e que, por exemplo en 2014, reportoulle ao banco 34 millóns en 17 operacións tras desfacerse do 100% de Resgal Ferrolterra ou do 50% de Novamab, para pouco despois saír tamén do capital de Adolfo Domínguez, onde mantiña un 5%.
Desde 2013 e ata 2018, a entidade bancaria sumou 800 millóns en vendas de importantes participacións industriais, sobre todo a través de grandes operacións anuais que empezaron con R en 2015 e seguiron logo con Cupa, CLH, Tecnocom ou Itínere.
A venda das accións de Sacyr, Abanca e Kutxabank en 2018 puxo fin ao derradeiro vínculo galego na propiedade da AP-9
No caso desta última, propietaria da Autoestrada do Atlántico (AP-9), o montante da operación foi duns 723 millóns de euros e significou a fin do derradeiro vínculo galego que quedaba nesa vía de comunicación. No verán de 2018, Sacyr oficializaba o acordo con Abanca e Kutxabank, as herdeiras das antigas grandes caixas de aforros galegas e vascas, a venda de cadansúas partes en Itínere Infraestructuras, o grupo empresarial propietario de Autopistas del Atlántico (Audasa). Xuntas sumaban o 55,6% do capital de Itínere e, no caso de Abanca, administraba as accións que foran de Novacaixagalicia.
Naquela altura, e á vez que estas grandes operacións, Abanca levaba a cabo tamén outras pequenas pero relevantes como as levadas a cabo no sector audiovisual galego, ao abandonar o capital de Filmax ou Filmanova, ou a saída de Cogami, de Vinum Terrae ou de aseguradoras como Artai.
Na actualidade, a maior participada de Abanca é Nueva Pescanova, cuxo control custoulle 41 millóns pero que ten un valor de 6,7. Ademais, a entidade herdeira das caixas galegas é a propietaria do Deportivo da Coruña, onde posúe algo máis do 76% dos títulos tras a capitalización da maior parte da débeda contraída e tras levar a cabo un rescate que evitou males maiores no club coruñés. Con ambas empresas endebedadas e en perdas, a folla de ruta marcada en ambos casos é case idéntica: a reestruturación máis axiña posible para unha futura venda e sen vocación de permanencia a longo prazo.