Abanca rescata o Deportivo e faise co control do club

Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, e Fernando Vidal, candidato á presidencia do Deportivo © RCDeportivo

Abanca sae ao rescate do Deportivo. A entidade financeira, resultado da compra por parte do grupo Banesco dos restos das caixas galegas, concederá ao club coruñés un préstamo participativo de cinco millóns de euros coa obriga da súa posterior capitalización antes do 30 de marzo. Esta é só unha primeira operación dun proceso máis amplo que acabará co banco como principal accionista do Dépor e rematará coa propiedade popular dunha institución deportiva atípica na súa repartición accionarial, arestora con máis de 25.000 donos e ningún deles cun control que supere o 8% do capital. 

Abanca concede ao Deportivo un préstamo participativo de cinco millóns de euros coa obriga da súa posterior capitalización

Así o explicaron este xoves en rolda de prensa Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, e Fernando Vidal, candidato á presidencia do Deportivo, ao presentar o acordo alcanzado para salvar un club nunha "situación crítica", en postos de descenso a Segunda B, camiño do terceiro consello de administración en menos dun ano, con tres adestradores en media tempada e máis de 83 millóns de euros de débeda. 

Escotet non aforrou cualificativos no seu intento por ser "franco e claro". "Unha empresa tan escarallada como esta non a vin, dígoo con sinceridade. Non hai maneira de facer sostible esta empresa cos números actuais e tan nivel de incerteza", dixo, tras advertir da "inviabilidade" do Deportivo "de non tomarse medidas de carácter inmediato". 

Publicidade de Abanca nunha camisola do Deportivo © RCDeportivo

Será Abanca quen as tome, logo de que a concesión dun préstamo duns 45 millóns que cancelou a importante débeda que o club mantiña coa Axencia Tributaria e evitou males maiores hai tan só uns anos. Os pagamentos pendentes ao banco (58 millóns en total) e a outros acredores eran asumibles cos ingresos en Primeira División, pero o fracaso deportivo do consello presidido por Tino Fernández e o descenso a Segunda fixeron aquel plan inviable e a ameaza da Segunda B tornou en utopía un camiño que dirixía á desaparición. Polo medio, un play-off perdido no último suspiro que mudou todo. 

"Unha empresa tan escarallada como esta non a vin. Non hai maneira de facer sostible esta empresa cos números actuais e tan nivel de incerteza", di Escotet

"Deuse a tormenta perfecta. O club está inmerso no maior concurso de acredores do fútbol", apuntou Vidal, tras lembrar que a débeda --reducida considerablemente nos últimos anos-- chegou a superar os 160 millóns de euros. Escotet engadiu que prefería "non personalizar", pero resumiu a situación do Deportivo como "o resultado dun proceso de moitos anos onde se foron acumulando niveis importantísimos de débeda", en referencia aos últimos anos da presidencia de Augusto César Lendoiro. En definitiva, e a tal hora, "un patrimonio negativo de 73 millóns e unha débeda superior a 83". 

Escotet xustifica a "operación de rescate" en que é un plan "similar" ao que Abanca fixo "para rescatar outras empresas galegas". "Non hai diferenza; a nosa vocación é estritamente bancaria, profesional, e non pretende outra cousa que asegurar xustamente a estabilidade de calquera empresa galega", insistiu, tras advertir de que o banco xa actuou de maneira semellante con outras firmas no país e que fai o mesmo cunha que "é máis que un club de fútbol, é unha empresa que xera riqueza na súa contorna"

Así, de maneira inmediata, Abanca concede ao club un préstamo participativo de cinco millóns de euros, que xa conta co visto e prace da Liga  e que terá que ser aprobado na próxima xunta de accionistas do Deportivo. Con este préstamo, a Liga permitirá ao club ampliar o seu tope salarial en algo máis de dous millóns de euros e acceder a varias fichaxes. En paralelo, tras a xunta de accionistas, o consello de administración do club convocará outra a finais de febreiro para proceder a unha ampliación de capital.

En paralelo ao préstamo, o Deportivo levará a cabo unha ampliación de capital polo mesmo importe do actual, uns 10 millóns de euros

Será unha ampliación que terá o mesmo importe do capital actual do club, uns 10 millóns de euros, e aberto a todos os accionistas da sociedade e en igual número de títulos que os que posúen agora. Abanca podería máis adiante capitalizar máis cantidade da débeda que o club mantén con ela (case 60 millóns), aínda que descartou unha operación acordeón que faga que os actuais accionistas perdan o valor das súas accións. 

En menos dun ano, o Deportivo podería pasar dun capital social de pouco máis de 10 millóns a outro duns 25, resultado da capitalización do préstamo de 5 de Abanca e da ampliación de capital de 10, pero é máis que probable que esta última non se complete, máis tendo en conta que non está prevista que se abra a posibles novos accionistas nin á propia entidade financeira. Só haberá unha fase para adquirir accións e non será libre. 

Estadio Abanca Riazor © RCDeportivo

Sexa como for, e coa capitalización anunciada que levará a cabo Abanca, a entidade financeira pasará a controlar o club ao ser posuídor do maior paquete accionarial, cuxa porcentaxe variará segundo a cantidade que se cubra da ampliación ou con posibles capitalizacións posteriores. Nun principio, a entidade de Banesco contará con entre o 20 e o 33%. 

Cun capital social tan atomizado e con tantas accións inutilizadas, o banco terá claramente o control sobre o Deportivo pero tamén a posibilidade dunha futura venda da súa parte a un investidor que nesta altura, e con pouco máis de 5 millóns de euros, podería pasar a dominar o club. "Non temos o reto de ser o máximo accionista", dixo Escotet, que insistiu na necesaria "profesionalización" da entidade deportiva. 

Abanca, que se fixo cos restos das caixas galegas por pouco máis de 1.000 millóns de euros tras un rescate de Novacaixagalicia que supuxo 9.000 millóns ás arcas públicas, terá o temón do Dépor en plena expansión e cuns moi bos resultados financeiros. No seu primeiro ano xa gañou máis do que o Estado pediu a Banesco para quedar con Novagalicia Banco e a súa conta de resultados segue sendo moi positiva. No terceiro trimestre de 2019 o seu beneficio neto foi de 401,9 millóns mentres segue a impulsar a súa actividade con operacións como a compra da rede do Deutsche Bank en Portugal en 2018 e, no ano pasado, a adquisición do Banco Caixa Geral, a rede española da Caixa Geral de Depósitos de Portugal.

Abanca é o resultado da compra por parte de Banesco dos restos das caixas galegas por uns 1.000 millóns de euros tras un rescate público de 9.000

Agora desembarca no Deportivo cun plan que estará marcado polo resultado das avaliacións dunha consultoría que guiará as medidas futuras. Será a fin dun modelo case único nas sociedades anónimas deportivas, a do "accionariado popular" que bautizara Lendoiro. Non había, ben seguro, moita máis alternativa, tal e como lembrou Vidal. "Buscouse, díxose, pero ningúen puxo un peso. E isto vaise... Vaise para abaixo", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.