Abanca gaña nun ano máis do que Banesco paga polas antigas caixas galegas

Directivos de Abanca na presentación dos resultados © Abanca

Abanca obtivo en 2014 un beneficio consolidado antes de impostos de 601 millóns de euros e despois de impostos de 1.157 millóns, máis que os 1.003 polos que quedou cos restos das caixas galegas (Novagalicia) tras a poxa do FROB. Os resultados da entidade pertencente ao grupo venezolano Banesco superaron "amplamente" as súas previsións para este primeiro ano, segundo recoñeceron os responsables do banco nunha rolda de prensa en Composela, onde presumiron de ser xa "unha das entidades máis solventes do mercado español". 

Abanca non descarta a "posibilidade de anticipar" o pagamento pendente de 600 millóns ao FROB

O banco herdeiro das antigas caixas galegas concentrou no 2014 a súa actividade no noroeste da península e axustou o número de oficinas e de empregados obrigado polas normas impostas desde Bruxelas tras a percepción de axudas públicas por parte desta entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova: 9.000 millóns de euros en axudas públicas. E o negocio saíu redondo. Tanto, que tras a nacionalización e posterior compra por parte de Banesco, Abanca non descarta a "posibilidade de anticipar" o pagamento pendente de 600 millóns ao FROB e que estaba previsto saldar en 2016 (100 millóns), 2017 (200) e 2018 (300) tras ter abonado xa os primeiros 403 millóns de euros. 

Así o asegurou o vicepresidente da entidade e dono do grupo Banesco, Juan Carlos Escotet, que xunto ao conselleiro delegado, Francisco Botas, advertiron que Abanca incrementou en 2014 a captacón de depósitos nun 26,4% e que fortaleceu o seu liderado en Galicia, ademais de mellorar un 26,7% a marxe de actividade comercial e deixar a taxa de mora no 11,9%, unha cifra "mellor que a medio do sector". 

Pero a entidade xa pensa na súa expansión pola cornisa cantábrica e non cre que "haxa problema" para que a UE permita comprar parte da rede doutra entidade financeira". Os seus directivos insistiron en que medrar no norte do Estado a partir de Galicia sempre foi o seu obxectivo. 

Abanca xa pensa en expandirse pola cornisa cantábrica coa compra de parte da rede doutra entidade financeira

Ademais, e en canto ao destino dos beneficios anunciados, Escotet cre que o reparto deste "escaso dividendo" dependerá da redución da débeda co FROB e dos "acordos" aos que se poida chegar, pero insistiu nun proxecto "a longo prazo", polo que recomendará ao consello de administración que non se repartan dividendos "máis aló do 15% desa conta de resultados". 

Ao tempo, Escotet falou dunha "absoluta paz laboral" e "estabilidade no cadro de persoal" despois de lograr "pechar os ERE que estaban pendentes". Ademais, descartou "reducións de ningún outro tipo" entre os traballadores e incluso advertiu dun futuro "crecemento de capital humano" na entidade. O pasado mes de decembro, e logo do peche de oficinas e dunha importante destrución de emprego, a dirección do banco chegou a un acordo con tres centrais -CCOO, UGT e Cisca- para non aplicar a redución de xornada que afectaba 800 empregados e tampouco os despedimentos das 348 persoas que faltaban para executar o último ERE. 

En canto ás prefernetes e subordinadas, Escotet situou en "máis do 94%" os casos resoltos e dixo que os que quedan están "en instancias xudiciais". O que non desvelou foron as cifras sobre o impacto destas resolucións na entidade durante 2014, aínda que advertiu dunha "cobertura" no contrato de compravenda que asinou co FROB.

Escotet presume de "absoluta paz laboral" e "estabilidade no cadro de persoal" tras lograr "pechar os ERE pendentes"

Respecto aos desafiuzamentos, Escotet defendeu que se actúe sempre seguindo o código de boas prácticas impulsado polo Goberno central, pero engadiu que "dependendo da realidade de cada sitaución particular, en varias oportunidades Abanca foi máis aló da aplicación rigorosa destas boas prácticas". Así, prometeu que "en casos excepcionais e xustificados" a entidade tratará de favorecer os afectados, tras destacar que desde maio de 2013 a entidade non aplica as cláusulas solo, o que tería suposto un "impacto de 120 millóns de euros ao ano".

En canto ao idioma, e tras a polémica que acusou a entidade de diminuír o  uso do galego, o presidente Javier Etcheverría asegura que as "simpatías" do banco "van máis polo galego que polo castelán". 

Directivos de Abanca na presentación dos resultados © Abanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.