Un total de 14 persoas foron propostas para seren sancionadas por incidentes acontecidos durante a etapa ciclista da Vuelta a España que rematou en Monforte e que virou nunha importante protesta contra a participación do equipo Israel-Premier Tech, contra o xenocidio que o exército israelí comete en Gaza e en apoio ao pobo palestino.
As protestas contra o equipo de Israel na Vuelta na etapa con final en Monforte acaban con 14 propostas de sanción
O Ministerio do Interior anunciara a pasada semana que a Comisión Antiviolencia propuxera multar 17 cidadáns polos altercados acontecidos nas etapas 12 (Laredo-Los Corrales de Buelna), 14 (Avilés-La Farrapona) e 15 (A Veiga-Monforte).
Segundo fontes da Delegación do Goberno de España en Galicia, finalmente 14 destas propostas de sanción déronse no transcurso da primeira das etapas que tocou chan galego, con liña de meta na localidade monfortina, á espera de coñecer as multas tras a tirada que tiña que finalizar en Mos pero foi suspendida a pouco do final pola masiva presenza de manifestantes a poucos quilómetros da meta.
A Garda Civil multou nove persoas durante o percorrido e a Policía Nacional, a cinco na liña de meta, con sancións de entre 3.000 e 5.000 euros
Así, nove das propostas de sancións na etapa con final en Monforte corresponden ás incoadas pola Garda Civil a varios manifestantes separados en dous grupos en diferentes tramos do percorrido. Por unha banda, segundo aclaran fontes do Ministerio do Interior, un grupo de oito persoas e por outro, un cidadán máis. Nestes casos, cada unha das nove multas iría dos 3.001 aos 4.000 euros.
O resto das sancións, a cinco persoas máis, foron incoadas pola Policía Nacional por incidentes na liña de meta en Monforte. Acúsanos de "mover" os valos na chegada e "enfrontarse aos axentes". As multas, neste caso, ascenden a 5.000 euros.
Naquela xornada, os incidentes entre activistas e a policía, con varias cargas, levaran á detención de dez persoas, oito delas en Monforte e dúas máis no Corgo, ao paso da carreira. Entre as detidas estaba Rosana Prieto, concelleira do BNG en Pantón e responsable comarcal de Lugo Sur, que consultada por este diario di non ter constancia de proposta ningunha de sanción.
Detidas e investigadas
Sexa como for, o total das sancións propostas pola denominada Comisión Antiviolencia (Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte) tras a mobilización na etapa con final en Monforte van dos 52.000 aos 61.000 euros. Ademais, estes procedementos implican tamén a prohibición do acceso a eventos deportivos durante un período de varios meses.
Non serán as únicas sancións, xa que tamén se agarda que a vindeira semana este organismo ditamine as súas propostas de multa tras os altercados na etapa que tiña que rematar en Mos, onde houbo tamén varias identificacións por parte de axentes da Garda Civil e da Policía Nacional.
Ademais, e segundo informa La Voz de Galicia, unha persoa foi detida e dúas están a ser investigadas pola súa presunta implicación nos incidentes ocorridos o 9 de setembro durante o paso da Vuelta por Mos. Investíganas por delitos de desordes públicas, atentados e resistencia á autoridade logo de participaren nas protestas celebradas na parroquia de Herville e que acabaron con enfrontamentos entre manifestantes e as forzas de seguridade. Daquela, non houbera detencións que si se produciron días despois.
De feito, o Centro Social A Pedreira, de Pontevedra, emitiu un comunicado informando da detención dun dos seus membros na tarde deste pasado martes, cando foi conducido —segundo relata o texto— á comandancia da Garda Civil para pasar a noite no calabozo á espera de serlle tomada declaración.