As masivas protestas contra o equipo Israel obrigan a recortar o final de etapa da Vuelta

A masiva presenza de manifestantes no Alto de San Cosme obrigou á organización da Vuelta a eliminar os últimos oito quilómetros de etapa © Manoel Santos

A numerosísima presenza de manifestantes na suba final obrigou á organización da Vuelta a suprimir os últimos oito quilómetros, situando noutro punto do percorrido o final da carreira, ante a imposibilidade de que os ciclistas completasen a etapa

A edición 2025 da Vuelta a España será lembrada, sobre todo, polas masivas protestas contra a participación do equipo Israel no contexto do xenocidio que o exército israelí está a levar a cabo en Gaza. As imaxes de Bilbao, onde o final de etapa tivo que ser recortado nos seus últimos tres quilómetros, deron a volta ao mundo. E tamén o serán as imaxes do vivido este martes en Mos, onde debía rematar a 16ª etapa da competición. 

A numerosísima presenza de manifestantes na suba ao Castro de Herville, onde estaba situado o final de etapa, obrigou á organización da Vuelta a suprimir os últimos oito quilómetros, situando noutro punto do percorrido o final da carreira, ante a imposibilidade de que os ciclistas completasen a etapa. No Alto de San Cosme, a dous quilómetros do teórico final de etapa, vivíronse escenas de gran tensión entre Policía e manifestantes, nunha marea de bandeiras palestinas e atronadores berros en contra do xenocidio e de Israel.

No alto de San Cosme vivíronse momentos de tensión entre manifestantes e Policía © Manoel Santos

Eran centos os manifestantes que se reuniron no Alto de San Cosme buscando deter a carreira entre berros de "Israel asasina, a Vuelta patrocina" ou "non é unha guerra, é un xenocidio". A Policía Nacional tentou dispersar a concentración e evitar que esta ocupase a estrada minutos antes de que chegasen os primeiros corredores. 

Especialmente sonoras foron as protestas ao paso dalgún dos vehículos do equipo Israel Premier-Tech. Durante varios minutos de tirapuxa entre manifestantes e as forzas de seguridade e entre berros de "non pasarán", a Policía levou a cabo varias cargas e efectuou algunhas detencións. 

No Alto de San Cosme, a dous quilómetros do teórico final de etapa, vivíronse escenas de gran tensión entre Policía e manifestantes, nunha marea de bandeiras palestinas e atronadores berros en contra do xenocidio e de Israel

Houbera máis incidentes ao longo do día. En Morgadáns (Gondomar) un grupo de persoas chegou a serrar un eucalipto e a colocalo no medio da estrada para tentar deter a carreira. A árbore, con todo, foi retirada polas forzas de seguridade antes da chegada dos primeiros coches e ciclistas. 

Ademais, na propia suba final ao Castro de Herville, onde durante a noite activistas debuxaran un gran número de bandeiras palestinas no asfalto, un grupo de operarios encargouse durante a mañá deste martes de pintar de negro para evitar que as imaxes de televisión recolleran a protesta.

A masiva presenza de manifestantes no Alto de San Cosme obrigou á organización da Vuelta a eliminar os últimos oito quilómetros de etapa © BNG Vigo

Durante todo o percorrido foi visible a protesta contra o equipo Israel, especialmente nos puntos concretos onde as entidades solidarias con Palestina fixaran convocatorias, como o propio Poio -saída da etapa-, Pontevedra, Soutomaior, A Ramallosa ou Tui.

 

A participación de Israel, no centro da política galega

Nos últimos días a participación do equipo Israel e as protestas na súa contra situáronse no centro do debate político en Galicia, con duras críticas do BNG -intensificadas despois da resposta policial do domingo-, que están a ser contestadas polo PP, que mesmo chegou a responsabilizar os nacionalistas de incidentes como o accidente sufrido polo ciclista Javi Romo.

Nos últimos días a participación do equipo Israel e as protestas na súa contra situáronse no centro do debate político en Galicia, con duras críticas do BNG -intensificadas despois da resposta policial do domingo-, que están a ser contestadas polo PP

Este luns, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López (PP), pediu a través dun vídeo publicado nas redes sociais evitar as mobilizacións contra a participación do equipo Israel na Vuelta malia "entender a preocupación ante o drama de Gaza". López pide que os protagonistas sexan "só a carreira e os ciclistas", afirma que "hoxe é Gaza, onte era outro problema e mañá será calquera outro porque o que importa en realidade é axitar sempre unha pancarta" e agrega a petición de que "todos os partidos, nomeadamente o Bloque, empreguen a súa voz para manifestarse a favor da seguridade na carreira e evitar as imaxes dos últimos días".

Pola súa banda, tamén o luns, o BNG volveu manifestar o seu total apoio "ás mobilizacións que estamos vendo estes días con motivo da Volta Ciclista". "Todo o apoio a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza”, indicou Ana Pontón, que condenou tamén "a represión que se veu na Volta", onde se “está intentando silenciar estas protestas que eran manifestacións pacíficas e democráticas” e unha “mostra clara de apoio ao pobo palestino”

A protesta contra o equipo Israel no Castelo de Soutomaior, ao paso dos ciclistas CC-BY-SA Praza.gal

O futuro da Vuelta

As protestas contra a participación do equipo Israel-Premier Tech na Vuelta continúan tamén noutros puntos do Estado. A situación, que levou á dirección da Vuelta a España, a equipos e a ciclistas a pedir publicamente ao equipo israelí a súa retirada da carreira para garantir o seu desenvolvemento sen incidentes, obrigou tamén ao Premier Tech a modificar o maillot que visten os seus corredores para que non se lea nel a palabra Israel.

Este mesmo luns o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, comunicou o seu "compromiso" para "garantir" que a 17ª etapa da Vuelta, que parte do Barco de Valdeorras, transcorra "con total normalidade" grazas a un "amplo" dispositivo de seguridade coa participación, entre outros corpos, da Unidade de Mobilidade e Seguridade Vial da Garda Civil, formada por 132 axentes.

Ademais, este luns o xornal francés L'Equipe, propiedade de Amaury, o mesmo grupo que organiza a Vuelta a España, chegou a publicar este domingo que se estaba a barallar a suspensión da derradeira etapa, con chegada a Madrid e cunha escasa importancia deportiva, para evitar protestas na capital do Estado. A organización da Vuelta desmentiu esa posibilidade o propio luns. 

Este martes, despois do sucedido en Mos, o director da Vuelta, Javier Guillén, quixo asegurar a continuidade da proba, con todas etapas: "ante todo, teño que dicir que a Vuelta non vai parar e mañá sairá a etapa. O noso propósito é levar a carreira ata Madrid".

Dispositivo de seguridade no Alto de San Cosme para evitar que os manifestantes impedisen o paso da carreira © Manoel Santos
Protesta no final da etapa de La Vuelta © BNG Vigo
Dispositivo de seguridade no Alto de San Cosme para evitar que os manifestantes impedisen o paso da carreira © Manoel Santos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.