Nos últimos días do pasado mes de outubro, a Xunta decidía a intervención pública da residencia DomusVi de Ribadumia, que conta na actualidade con máis de cen casos activos de coronavirus entre persoas usuarias e traballadoras. É o cuarto centro desta empresa que pasa ao control da Administración galega durante a pandemia, tras o de Outeiro de Rei --tamén nesta segunda vaga-- e os de Vigo e Moaña, todos eles cun importante número de positivos ou falecementos, ao igual que o de Santiago, que non foi intervido malia alcanzar na primeira vaga o medio cento de mortes por covid-19.
Josefina Fernández cre que os problemas xurdidos nas residencias "non son estruturais, senón debidos á chegada da pandemia e á xestión dela en España"
Desde a chegada do coronavirus a Galicia, son 450 as persoas falecidas que viviran en residencias de maiores ou de persoas con discapacidade, máis do 40% do total de mortes pola covid-19. O drama nestes centros sinala especialmente a DomusVi, multinacional que xestiona en Galicia 18 residencias privadas e outras 12 de titularidade pública, e que acumula a tal hora máis do 20% dos casos activos nestes centros logo de situar tres do seu grupo á cabeza no número de mortes: o de Santiago (50 falecidos), Vigo (32) e Cangas (31).
Con Galicia como segundo territorio onde máis factura, DomusVi acumula denuncias e críticas por numerosas eivas na atención ou no laboral, acentuadas na pandemia. A súa conselleira delegada é Josefina Fernández, sempre á fronte da compañía, interveu este venres na Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 que se desenvolve no Parlamento. Botou balóns fóra. Negou calquera responsabilidade na extensión do virus e nas mortes nos seus centros, cargou contra o Goberno central, gabou a Xunta e rexeitou calquera mudanza no sistema que vire cara a un modelo público.
A conselleira delegada de DomusVi negou responsabilidade na extensión do virus e nas mortes, criticou o Estado e cargou contra o modelo público de residencias
"O sistema non funcionaba mal, non era obxecto de reivindicacións significativas ata que chegou a pandemia", dixo Fernández, que estivo acompañada por membros do seu equipo, que deron indicacións á comparecente en forma de notas ou sobre a actitude a mostrar. Para a conselleira delegada do maior grupo xeriátrico de España, con sede en Vigo, os problemas xurdidos nas residencias "non son estruturais, senón debidos á chegada case súbita da pandemia e á forma específica na que se xestionou en España".
O elevado número de mortes e de casos positivos nestes centros, maioritariamente nos privados, ergueron as críticas de persoas usuarias, familiares, sindicatos e traballadores, que advirten da carencia de medios e equipos de protección, eivas na desinfección ou falta de persoal. E apuntan a DomusVi, antiga Geriatros, como o grupo máis golpeado polo coronavirus.
Segundo Francisco Xosé Bernárdez Solla, presidente de Vellez Diga e secretario de REDE (Federación de Usuarios e Familiares das Residencias), nos centros desta multinacional "séguese facendo o que se facía na primavera, cando non se tiña nin idea de nada, de como frear o virus". E as denuncias insisten na busca prioritaria do rendemento económico e a busca de aforro na atención e nas condicións laborais como base de todos os males. O grupo anotouse en 2018 uns beneficios superiores aos 20 millóns euros antes de impostos.
"Non nos avergoña gañar diñeiro coidando aqueles que máis o necesitan", di Fernández, que cre que as residencias foron "vítimas" na pandemia
"Non nos avergoña gañar diñeiro coidando aqueles que máis o necesitan, é marabilloso gañar diñeiro coidándoos", advertiu Fernández tras as alusións de PSdeG e BNG ás críticas e denuncias dun sistema privatizado e cuestionado tamén polo Consello de Contas. No entanto, a conselleira delegada eludiu calquera responsabilidade nos contaxios e mortes nas súas instalacións, que di que foron "vítimas da propia pandemia e dos graves erros de xestión do sistema sanitario español".
Malia as súas continuas críticas ao proceder das administracións e ao "mando único", Fernández eximiu sempre a Xunta de erros nos protocolos ou na xestión, advertindo de que as eivas estaban en calquera poder público pero non tanto no Goberno galego. "Non teño vergoña en dicir que a Xunta o fixo ben, porque ademais actuou en colaboración con nós, e os datos así o demostran; quen se avergoñe, é o seu problema", respondeu logo de que a oposición sinalase a súa "defensa" do Executivo galego, co que mantén importantes contratos de colaboración público-privada.
"Non teño vergoña en dicir que a Xunta o fixo ben", di Fernández, que eximiu o Goberno galego de calquera erro na xestión pero cargou contra o Goberno central
Fernández teimou en deixar claro que as residencias non son centros sanitarios, que non tiñan capacidade para atender a pandemia, que foron "vítimas" e sinaladas inxustamente e que sufrion as consecuencias da mala xestión das administracións, nomeadamente o Goberno central, a quen acusou de obviar as alertas sanitarias, de "non protexer as persoas máis vulnerables", non dotar de equipamentos necesarios aos centros xeriátricos, de carecer de criterios claros ou de eludir responsabilidades e "culpar o persoal non sanitario".
Para a responsable de DomusVi, a elevada taxa de mortalidade nas residencias é lóxica ao atender as persoas máis vellas e en maior risco, e a "insinuación da mala xestión" nestes centros, que atribuíu ao vicepresidente do Goberno de España, Pablo Iglesias, "non é verdade". Si recoñeceu problemas para cumprir co ratio de persoal requirido pero só "puntualmente" e "durante algúns días", unha situación que atribuíu á "escaseza de persoal para contratar".
A responsable de DomusVi censurou a intención de "estatalizar" o modelo de residencias porque suporía uns custo "inalcanzables"
Ademais, Fernández fixo un alegato do sistema de colaboración público-privada e renegou dun sistema plenamente público ante as alusións a un cambio de modelo. "Prográmanse paraísos terreais, recórrese facilmente á idea de estatalizar o servizo e crear consorcios e empresas públicas e déixase de falar de custo para falar só de dereitos", advertiu, alertando da suba no gasto que suporía a mudanza que, dixo, deixaría fóra moita xente de escasos recursos.
"Hai que avaliar custos", insistiu, para alertar de que o cambio suporía situalos en niveis "inalcanzables" e que a medicalización das residencias significaría "duplicar o gasto en saúde" ou "aumentar de forma moi significativa" o prezo de cada praza.
Calvo, presidente da comisión, pediu perdón a Fernández polas acusacións do PSdeG. "Os familiares dos falecidos nas residencias aínda agardan desculpas", dixo Rodil (BNG)
Todo nunha comparecencia cargada de tensión, na que o deputado do PSdeG, Pablo Arangüena, repasou algunha das denuncias que usuarios, persoal ou asociacións de familiares verteron sobre o funcionamento das residencias de DomusVi, chegando a preguntar se era certo que o grupo pagaba impostos nun paraíso fiscal, algo que negou a conselleira delegada, e lembrando a "estreita" relación de Fernández co PPdeG e varias das súas figuras máis relevantes.
O presidente da comisión, e deputado do PP Diego Calvo, pediu "perdón" á comparecente polo ton e as palabras de Arangüena, algo que foi recriminado por este e pola parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, que advertiu de que era posible que moitos familiares de falecidos nas residencias de DomusVi estivesen vendo a intervención da súa conselleira delegada: "Se cadra os que están agardando que se lles pida perdón son eles". E iso non aconteceu, tal e como lembrou a deputada.