129 usuarios e usuarias das residencias de maiores morreron na segunda onda da pandemia despois de ter enfermado de Covid-19. A cifra está por debaixo dos números da primeira vaga (273 falecementos entre marzo e xuño), pero continúa a ser unha parte moi importante do total de defuncións. Se na primeira onda o 44% das mortes corresponderon a residentes nestes centros, dende o mes de agosto a porcentaxe non é moito menor: o 39,69%.
Na primeira vaga morreron 273 persoas nas residencias galegas, o 44% do total. Agora a porcentaxe non é moito menor: o 39,7%
Os varios meses de loita contra o coronavirus que xa levamos deberían ter achegado a información suficiente para evitar contaxios, gromos de gran tamaño e un número tan elevado de falecementos. Porén, os indicadores son moi semellantes aos da primeira onda e as cifras de falecementos son moi elevadas. De igual xeito, mentres que a aparición da Covid-19 no mes de marzo puido coller de sorpresa a moitas administracións e residencias, a segunda onda debería ter atopado os centros de maiores moito mellor preparados e protexidos (tanto o persoal coma os usuarios e usuarias) para reducir as infeccións ao mínimo. Non está a ser así.
A segunda onda debería ter atopado os centros de maiores moito mellor preparados e protexidos. Non está a ser así.
O número de mortes está, ademais, acelerándose. Na última semana morreron 27 persoas nas residencias e no último mes foron 76 as defuncións, segundo os datos que a diario difunde a Consellaría de Sanidade. Cómpre salientar, ademais, que os gromos máis numerosos se están a concentrar nun grupo reducido de residencias (maioritariamente de xestión privada), que acumulan ademais o maior número de mortes. Pola contra, a maior parte dos centros de maiores ou ben non tiveron contaxios ou, se os tiveron, non provocaron brotes de importancia, pois foron controlados rapidamente e con eficacia.
Na actualidade, segundo os últimos datos publicados pola Xunta, 432 usuarios/as e 247 traballadoras/es están considerados 'casos activos' de coronavirus e o mesmo sucede con 59 persoas nos centros de atención á discapacidade. Nas últimas horas engadíronse sete novos casos entre os usuarios e usuarias da residencia de maiores As Fragas (Pontedeume) e 16 usuarios/as e 5 traballadores/as da residencia de maiores Nosa Señora das Virtudes (Pontedeume).
Os gromos máis numerosos están a concentrarse nun grupo reducido de residencias (maioritariamente de xestión privada), que acumulan ademais o maior número de mortes
No conxunto de Galicia as residencias que presentan nestes momentos un maior número de positivos son a Residencia Nosa Señora dos Milagres (Barbadás), con 84 entre residentes e 45 entre o persoal; a Residencia de Salvaterra do Miño, con 78 e 27 casos respectivamente; a Residencia DomusVi Ribadumia (con 59 e 20); a Residencia Nosa Señora das Virtudes (Pontedeume), con 40 e 18 casos en cada colectivo; e a Residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (33 e 6).
A Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), o Fogar Residencial San Miguel (Silleda), a Residencia San Cibrao (Cervo), a Residencia Domusvi Coruña (Oleiros), a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), a Residencia Viana do Bolo, a Residencia Ballesol (Oleiros) ou a Residencia Nosa Señora Valvanera (Cambados) presentan tamén un número de casos importante, por riba dos 20 ou cunha cifra próxima.
Dende o inicio da pandemia, os colectivos de familiares de residentes, de usuarios e usuarias e de traballadoras dos centros de maiores viñeron denunciando as deficiencias que presentaban as residencias con anterioridade, unhas eivas de persoal ou de materiais de protección que puideron facilitar os contaxios e elevar as cifras de mortes. Tamén se sinalou a ausencia dunha acción de control decidida por parte da Xunta.
"Que entre mesmo podería ser entendible, pero o que non se pode comprender é que se propague. Porque isto quere dicir que non fixeron grupos-burbulla, non se compartimentaron as residencias e non lles deron material ás traballadoras para protexerse e para protexer os residentes. Non se tomaron as medidas necesarias"
Nesta segunda vaga, as críticas son semellantes, dirixíndose as denuncias sobre todo a algunhas residencias concretas. Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, destaca que "a situación nesta segunda onde está sendo lixeiramente mellor que na primeira, pero tiña que ser moitísimo mellor". "Aos familiares sacrificóusenos practicamente o dereito de visita, polo ben dos nosos maiores, que están os pobres sós e soas. Pero despois resulta que o virus si está entrando nas residencias", di. "Que entre mesmo podería ser entendible, pero o que non se pode comprender é que se propague. Porque isto quere dicir que non fixeron grupos-burbulla, non se compartimentaron as residencias e non lles deron material ás traballadoras para protexerse e para protexer os residentes. Non se tomaron as medidas necesarias", denuncia.
Unha das residencias nas que REDE centrou as súas críticas foi a de DomusVi en Ribadumia, intervida a semana pasada pola Xunta de Galicia e que neste momento acumula 59 positivos entre os e as residentes e 20 entre o persoal. A entidade viña denunciando que neste centro "non se cobren gran parte das vacantes de persoal xeradas polas vacacións ou polas baixas médicas, nin polos permisos retribuídos, nin polas hospitalizacións, falecementos de familiares ou días de libre disposición".
"Os beneficios non poden buscarse só á conta de explotar ás traballadoras, espremendo economicamente a persoas dependentes e ás súas familias, e incumprindo sistematicamente normativas reguladoras tanto en materia laboral como de servizos sociais"
E subliñaba que "os beneficios non poden buscarse só á conta de explotar ás traballadoras, espremendo economicamente a persoas dependentes e ás súas familias, e incumprindo sistematicamente normativas reguladoras tanto en materia laboral como de servizos sociais, situacións que se sitúan no terreo da indecencia e da ilegalidade". Ademais, as propias traballadoras denunciaban a ausencia de equipos de protección individual, de controis da hixiene e seguridade, ou das necesarias reunións do comité de seguridade e saúde, ademais da falta estrutural de persoal.
Francisco Xose Bernárdez Solla destaca, ademais, que a residencia non comunicou nin ao persoal nin ao comité de empresa nin ao comité de seguridade e saúde a aparición dos primeiros positivos a comezos e a mediados de outubro. "O persoal tivo que enterarse polos comunicados da Xunta ou pola prensa", di Bernárdez Solla, que apunta que "de ter informado ao comité de seguridade e saúde cando apareceu o virus as dúas primeiras veces e lles tivesen dado medios ao persoal, seguramente non se tería estendido deste xeito".
REDE denuncia que nestes momentos, a pesar de que a residencia está intervida pola Xunta, existe unha gran carencia de persoal
Dende REDE denúnciase, así mesmo, que nestes momentos, a pesar de que a residencia está intervida pola Xunta dende o pasado 28 de outubro, existe unha gran carencia de persoal, pois moitas traballadoras foron enviadas ás súas casas pola sospeita de ter estado en contacto con positivos de coronavirus. A intervención do Goberno galego fíxose para "reforzar o persoal do centro" e para "garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores do centro".
"A residencia está intervida, pero a Xunta non puxo persoal. Dixéronlle a DomusVi que o tiñan que poñer eles, pero o problema é que non o poñen, non contratan a ninguén", di Bernárdez Solla. "Agora quedan unicamente 38 traballadoras na residencia e non contratan máis persoal, senón que mandan traballadoras doutras residencias, de Aldán, Lalín, Bembrive e Ourense, que ao final van acabar levando de volta o virus a eses outros centros", denuncia.
"Nas residencias de DomusVi séguese facendo o que se facía na primavera, cando non se tiña nin idea de nada, de como frear o virus"
"Nas residencias de DomusVi séguese facendo o que se facía na primavera, cando non se tiña nin idea de nada, de como frear o virus", denuncian dende REDE, que subliñan a falta de medidas de prevención en centros coma o de Ribadumia: "Nós podemos entender que o virus entre nunha residencia. Pero se houbese unhas medidas preventivas, o virus non se propagaría deste xeito. Nalgúns casos nin sequera se tomaron medidas despois de detectar que o virus xa estaba dentro da residencia". E engaden: "Nas residencias nas que o virus entrou e non se propagou, posiblemente estaban facendo ben as cousas"
REDE pide que as intervencións da Xunta cheguen moito antes e non se agarde a que unha residencia presente un gromo de varias ducias de casos, dos que varios deles acaban na morte das persoas residentes. De feito, a pasada semana a entidade celebrou a inervención do Goberno galego na residencia de Ribadumia cando había ao redor de 20 contaxios no centro, moito menos que noutras intervencións. Porén, avogan tamén que cando finalmente se produce a intervención o control da Xunta sexa moito maior.
"Nos centros nos que si se propagou a enfermidade a Xunta tería que intervir e facelo con persoal, sobre todo porque estas residencias quedan con moi pouca xente para atender ás persoas dependentes que fican confinadas nas habitacións"
"Cando haxa un brote nunha residencia, a Xunta debería intervir e manter a intervención ata garantir que o brote non se propagou. Se ven que despois duns días as cousas están ben e non houbo máis contaxios, pois a Xunta levanta a intervención", sinala Bernárdez Solla. "Pero nos centros nos que si se propagou a enfermidade a Xunta tería que intervir e facelo con persoal, sobre todo porque estas residencias quedan con moi pouca xente para atender ás persoas dependentes que fican confinadas nas habitacións, que quedan en moi malas condicións físicas e de ánimo. Habería que reforzar o persoal para atendelos ben e o que se fai é todo o contrario", engade.
Por todos estes motivos, REDE esixe o cese de Berta Besada, xefa do servizo de inspección da Consellería de Política Social. "Todo isto está pasando porque durante dous anos permitiu que DomusVi Ribadumia fixese o que lle deu a gana. Besada está protexendo os intereses de DomusVi e non os dos residentes, que é por quen tería que velar", conclúe