A residencia do Pereiro de Aguiar, intervida pola Xunta, suma 20 mortes relacionadas co coronavirus este mes

© Sergas

A situación da pandemia de coronavirus leva semanas empeorando en Galicia, cun incremento no número de contaxios e de hospitalizacións que comezou na provincia de Ourense e que na actualidade xa abrangue practicamente todo o territorio. Unicamente unha parte pequena dos casos detectados acaba co falecemento da persoa enferma (a taxa de letalidade dende marzo é inferior ao 3%, e rolda o 1% nesta segunda onda da pandemia), pero o número de mortes na segunda vaga da pandemia non deixa de medrar. 

A residencia dos Gozos, intervida pola Xunta de Galicia o pasado 9 de outubro, rexistrou 6 mortes entre os seus usuarios e usuarias nas últimas 24 horas

Entre marzo e abril, nun contexto de gran descontrol durante os primeiros días de expansión masiva do coronavirus, producíronse 565 mortes relacionadas coa enfermidade en Galicia, que chegaron ata as 619 a mediados de xuño. Entre o 10 de xuño e o 9 de agosto non houbo ningunha morte de persoas con coronavirus en Galicia. Pero a partir de aí a segunda vaga da pandemia vén deixando un continuo incremento de defuncións no noso país. Así, dende o 10 de agosto rexistráronse xa 238 mortes, 100 delas no que levamos de mes de outubro.

No conxunto das residencias galegas houbo 38 falecementos de persoas con covid-19 no que levamos de outubro, a maior parte na provincia de Ourense, e un total de 80 na segunda vaga da pandemia

Nas últimas 24 horas notificáronse 11 novos falecementos, 8 deles na área sanitaria ourensá, que é a que máis mortes está a sumar dende agosto. Ademais, 6 das defuncións corresponderon a usuarios e usuarias da residencia de maiores Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar. Esta residencia, que neste momento ten 206 casos activos de coronavirus (159 de residentes e 47 entre o seu persoal), rexistrou dende o pasado 11 de outubro 20 falecementos de persoas que deran positivo en covid-19, sumando os e as residentes que morreron no propio centro e aqueles e aquelas que o fixeron nun hospital.

A residencia dos Gozos foi intervida pola Xunta de Galicia o pasado 9 de outubro, cando xa se detectaran 137 casos de coronavirus no interior do centro, uníndose ás residencias do Incio e Domusvi Outeiro de Rei de Lugo, tamén intervidas polo Goberno galego.

En total, o conxunto das residencias de maiores galegas suman 38 falecementos no que levamos de mes, case o 40% do total. Dende o mes de agosto xa son 90 as mortes de residentes neses centros, o 37,8% do total de falecementos en Galicia. Trátase unha proporción de mortes semellante á que se rexistrara na primeira vaga da pandemia (un 44%: 272 mortes dun total de 619).

A segunda vaga da pandemia suma xa 238 falecementos, 100 só no que levamos de outubro

A porcentaxe é lixeiramente inferior dende o verán. Porén, cómpre ter en conta que moitas das mortes que se produciron na primavera tiveron lugar en marzo e abril e teñen a súa orixe nos contaxios rexistrados nos primeiros días da pandemia, cando as medidas de seguridade eran menores e cando se denunciaran importantes carencias de equipos de protección e dos protocolos de seguridade axeitados. Nos últimos tres meses, a pesar de que a poboación de risco -sobre todo nestes espazos- debería estar máis protexida, as proporcións son semellantes.

No que levamos de mes de outubro a residencia Las Salinas de Ourense, a residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, a residencia El Pinar de Bergondo, a residencia Ballesol-Oleiros, a residencia Los Pinos-A Rúa, a residencia Val de Monterrei, a residencia Pai Menni de Betanzos e a residencia DomusVi de Oleiros tamén rexistraron mortes relacionadas coa covid-19 entre os seus usuarios e usuarias.

A área sanitaria ourensá suma 41 mortes nos últimos 10 días

A segunda vaga da pandemia suma xa 238 mortes relacionadas coa covid-19 en Galicia. 79 delas corresponden á área santaria de Ourense, 41 delas nos últimos 10 días. 63 tiveron lugar na área sanitaria de Lugo, 50 delas entre o 19 de agosto e o 19 de setembro e vinculadas moitas á residencia do Incio. 50 foron de persoas da área sanitaria da Coruña, que segue a ser a que acumula un maior número dende marzo. As restantes áreas presentan cifras inferiores: Santiago (17), Pontevedra (10), Vigo (9), Ferrol (3).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.