A Xunta activa as restricións polo coronavirus máis estritas dende o desconfinamento

As novas medidas estenden as restricións a toda Galicia e endurécenas en varios concellos CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Galicia retrocede oficialmente no desconfinamento. O Goberno galego ten en vigor dende este 22 de outubro o paquete de restricións para frear os contaxios da COVID-19 máis estrito dende que, a pasada primavera, o Executivo central e a propia Xunta comezaran a levantar as medidas de confinamento. Unha caste de fase 2 suavizada nalgúns puntos -agás nos concellos con confinamento perimetral- e endurecida noutros que ten como mudanza máis obvia na vida diaria a prohibición de encontros de máis de 5 persoas non convivintes, pero que trae consigo un amplo abano de limitacións á actividade social e económica tras dúas semanas de alza xeral da incidencia da pandemia no país.

Nos 302 concellos con restricións nivel 2, alén do veto aos encontros de máis de 5 persoas rexe a limitación xeral de capacidade do 50% ás actividades en espazos interiores de uso público

En virtude da edición especial do Diario Oficial de Galicia publicada pola Xunta apenas dous minutos antes da súa entrada en vigor (arredor das 23:58 do día 21 e con eficacia dende as 00:00 do día 22), en Galicia xa non hai ningún concello sen restricións especiais. Ata 302 municipios están no que a Xunta denomina "nivel 2" -o Executivo segue sen aclarar todas as medidas que corresponden a cada nivel e só as concreta no momento de aplicalas- e outros 11, en "nivel 3", oito dos cales están ademais atinxidos por confinamentos perimetrais.

As ordes que activan estas novas restricións -todas elas suxeitas a restricións xudicial- indican, citando informes de Saúde Pública sinalan que "todos os concellos, agás 48" que non cita tiveron casos da COVID-19 nos últimos 28 días e que a "situación vai empeorando de xeito global". A incidencia acumulada vai subindo en todo o país e en todas as áreas sanitarias -a única na que non sobe significativamente, a de Ourense, xa a tiña disparada- e "o factor máis alarmante é que, de forma progresiva, a enfermidade vai afectando a grupos de poboación de maior idade". Neste sentido, Sanidade cita un dato que tampouco adoita publicar: entre as poboación maior de 80 anos rexístrase unha incidencia acumulada de 172,05 casos por cada cen mil persoas e unha taxa de PCR positivas de case o 7%.

As restricións xerais para toda Galicia

Nos 303 concellos con medidas "nivel 2" están prohibidas as reunións para máis de 5 persoas que non convivan entre si, agás en "actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado". Alén disto, engádense outras restricións específicas, fundamentalmente para actividades en espazos pechados e labores comerciais e hostaleiros, entre outros. Estas son as principais [Podes consultar a orde íntegra nesta ligazón] dunha orde que rexe por 14 días prorrogables.

  • Velorios e enterros

Limitados a 25 persoas ao aire libre ou 10, en espazos pechados, "sexan ou non convivintes". Na cerimonia de enterramento ou incineración, ata 25 persoas sen contar a persoa que oficie o acto.

  • Igrexas e outros lugares de culto

Limitadas ao 50% de capacidade e actos no exterior, prohibidos.

  • Vodas e celebracións semellantes

Adaptadas ás limitacións dos lugares de culto en cerimonias relixiosas ou ao límite de capacidade do establecemento hostaleiro. "En calquera caso", cun máximo de 100 persoas ao aire libre ou 50, en espazos 

Un mercado da Coruña adaptado ás medidas de prevención da COVID-19 © Concello da Coruña
  • Comercio retallista

Límite de capacidade ao 50%. Atención "preferente" a persoas maiores de 75 anos.

  • Centros comerciais

Límite de capacidade ao 50% en xeral e en cada local. Prohibido o uso de espazos comúns, agás para o "tránsito entre establecementos" e para "a actividade de hostalaría e restauración". Pechadas ludotecas e zonas infantís. Atención preferente a maiores de 75 anos.

  • Mercados de rúa e feiras

Os mercados e feiras "non poderán superar o 50% dos postos habituais", se ben "os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou novos días (...) para compensar esta limitación".

  • Academias, autoescolas

Poden manter a actividade presencial "sempre que non se supere unha capacidade do 50%".

  • Hostalaría

Límite de capacidade ao 50% e consumo só nas mesas, coas barras pechadas en todo caso. Terrazas ao 75% das mesas permitidas. Peche á unha da madrugada e acceso prohibido dende as doce da noite. As terrazas de pubs e discotecas (locais que seguen pechados) poden abrir con estas mesmas normas. Apenas unha semana despois de negarse a facelo, estas mesmas normas agora si rexen para os locais de apostas e xogo agás no caso do horario de peche, fixado nas doce e media da noite.

  • Hoteis e albergues

Zonas comúns ao 50%. "Actividades de animación ou clases grupais" para un máximo de 5 persoas -convivan ou non-, incluída a persoa que a dirixa. Os albergues poden seguir abertos, pero ao 50% de capacidade.

Terrazas en Lugo tras o confinamento © Concello de Lugo
  • Bibliotecas, museos, arquivos e outros centros culturais

Límite de capacidade ao 50% tamén en cinemas, teatros ou auditorios, sempre con "butaca preasignada". Actividades de grupo de ata 5 persoas, incluída a que as dirixa. Cinemas, teatros e salas semellantes non poderán superar un "límite máximo de 60 persoas para lugares pechados", que poderá ser de 100 previa autorización de Sanidade. 

  • Deporte

Permitida a actividade deportiva ao aire libre se é individual, ou dun máximo de cinco persoas se é colectiva (sen contar a persoa que dirixa o adestramento). Os eventos deportivos con público, limitados ao 50% e cun límite de 60 persoas en lugares pechados e 150, ao aire libre. En espazos interiores, posible ampliación ata 100 persoas previa autorización de Sanidade.

  • Parques, praias e piscinas

Volve instaurarse o límite dunha persoa por cada catro metros cadrados de praia e a Xunta instaura a mesma referencia para os parques. Piscinas públicas ao 50% e cun máximo de 100 persoas.

  • Centros cívicos e socioculturais

Límite de capacidade ao 50%. Actividades grupais de ata 5 persoas, incluíndo a persoa que as dirixa. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.