Un total de 334 centros educativos rexistraban casos de coronavirus entre o seu alumnado ou o seu profesorado este 20 de outubro, segundo a información divulgada pola Xunta este mércores, día 21. Só dous deles, non obstante, tiveron que pechar por este motivo: é o caso xa coñecido dunha escola en Celanova e doutro centro en Boborás.
A Xunta cifra en 608 os positivos de coronavirus entre alumnado e profesorado
Todos os demais centros con positivos da COVID-19 continúan abertos, segundo a Xunta, que cifra este mércores en 608 o total de infeccións que o Goberno galego vincula cos centros educativos. Son sete casos máis que o día previo, se ben nin Sanidade nin Educación informan sobre o número de altas que se producen, polo que non é posible coñecer nin cantos casos novos se rexistran nin cantos positivos están vinculados, para a propia Xunta, a centros educativos dende o comezo do curso.
Atendendo a esta información, un instituto de Ourense é o que ten máis positivos do coronavirus, con 9, seguido doutro colexio ourensán e dun instituto de Tomiño, con 8. Sempre segundo a Xunta, non hai ningunha escola, colexio ou instituto con máis dunha aula pechada por esta razón. En Galicia hai algo máis de 1.300 centros de ensino non universitario, segundo os datos máis recentes da Consellería.
Estudos sobre ventilación
A Xunta di que solicitou "informes de expertos" sobre "os criterios axeitados de ventilación" nos centros educativos para previr o coronavirus
A medida que avanza o outono e tamén o coñecemento científico a respecto do coronavirus, son cada vez máis as voces que apuntan á ventilación dos espazos pechados como un elemento clave para evitar a propagación da doenza. Neste contexto, un mes despois do inicio do curso escolar, a Consellería de Educación anunciaba esta semana súa intención de "solicitar a elaboración dunhas orientacións específicas de carácter técnico que permitan optimizar a ventilación dos centros escolares" e que "deberán estar avaladas polas autoridades sanitarias" a partir de "criterios científicos".
Neste sentido, este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliña que polo momento, o Goberno galego segue a "insistir" en que "de entrada, se cumpra o que di o protocolo, que contempla ventilación por medios naturais", isto é, mediante a apertura de fiestras. Preguntado pola posibilidade de incorporar purificadores de aire ou máquinas semellantes, Comesaña considera que "polo feito de ter dispositivos adicionais, non debe eliminarse a ventilación natural".
En calquera caso, o titular de Sanidade resalta que á Consellería lle "consta" que "Educación está solicitando informes de expertos sobre cales serían os criterios axeitados de ventilación en función" das características das "distintas salas" dos centros educativos. As posibles mudanzas, evidencia, serían incorporadas ao protocolo para a COVID-19 nas aulas.