As familias dun instituto compostelán rexeitan as clases televisadas propostas pola Xunta para rematar coa semipresencialidade

Exterior do IES Antonio Fraguas © ANPA IES Antonio Fraguas

Hai unha semana nais e pais do alumnado de 1° de Bacharelato do IES Antonio Fraguas de Santiago puxéronse en contacto coa Consellaría de Educación para reclamar un reforzo de profesorado no centro para permitir a presencialidade neste curso. Dende o inicio das clases, para cumprir coas normas do protocolo de prevención ante a covid, o alumnado deste nivel ten só as metade das súas clases de xeito presencial e a outra metade do traballo lévao a cabo dende as súas casas, nunha fórmula de "semipresencialidade" moi criticada polas familias, sobre todo por aplicarse nun curso cuxa nota fai media para o acceso á universidade

Os primeiros contactos coa Consellaría de Educación tiveron como resposta o ofrecemento de que os rapaces e rapazas asistan a aulas onde se instalaría unha televisión que emitiría as clases impartidas noutros espazos

Nais e pais alertan dos prexuízos que isto pode estar provocando ao estudantado, que podería sufrir un "agravio comparativo" en relación a outros alumnos e alumnas galegas que si están recibindo todas as clases de xeito presencial. As familias critican así mesmo o funcionamento das "aulas virtuais", que non inclúen máis contidos que o envío de deberes e traballos para facer na casa dun xeito, ademais, "desorganizado". Lembran, ademais, que no IES Antonio Fraguas non existe un problema de espazo (como si sucede noutros centros que tiveron que recorrer á "semipresencialidade", na Coruña ou Pontevedra), senón de falta de profesorado e que no verán o instituto solicitou o envío de 16 novos docentes, pero que a Xunta unicamente concedeu a dotación de 10 mestres e mestras.

A Anpa e as familias afectadas dirixíronse á Xunta e á Valedora do Pobo a través de varias cartas onde expresaban a súa fonda preocupación por como se está a desenvolver o curso. Os primeiros contactos coa Consellaría de Educación tiveron como resposta o ofrecemento de que os rapaces e rapazas asistan a aulas onde se instalaría unha televisión que emitiría as clases impartidas noutros espazos. As familias rexeitan esta opción "xa que ver unha pantalla sen atención directa, e sen contacto co docente, non é unha alternativa válida para unha educación de calidade". "O que nós queremos é tan sinxelo como obvio: queremos que as nosas fillas e fillos estean en clases coma todas as mozas e mozos galegos, todos os días, a todas as horas que lles cómpren, con profesorado que os atenda e guíe", sinalan.

Interior dun centro educativo galego CC-BY-NC-SA CIG Ensino

O pasado venres a Consellaría de Educación accedeu a contratar o persoal suficiente para que o alumnado de Bacharelato do IES Sánchez Cantón de Pontevedra puidese ter todas as súas clases de xeito presencial, unha demanda que nas últimas semanas levara ás súas familias a mobilizarse de forma continuada.

 "Non imos parar até ter o que outras, como o Sánchez Cantón en Pontevedra, xa conseguiron; nin imos aturar que as nosas fillas e fillos sexan discriminados por esta Consellaría de miseria", din as familias

Así, as familias do instituto compostelán manteñen a súa demanda de seis prazas máis de profesorado que permita esta "presencialidade" plena, para o que van iniciar mobilizacións, cunha primeira concentración convocada para este martes ás 12:20 horas ante as portas do instituto. Ademais, as familias colocaron pasquíns en locais do barrio das Fontiñas, para implicar a veciñanza nesta reivindicación. "Non imos parar até ter o que outras, como o Sanchez Cantón en Pontevedra, xa conseguiron; nin imos aturar que as nosas fillas e fillos sexan discriminados por esta Consellaría de miseria", din. "Seica queren vernos nas rúas, pois alí verémonos. Comezamos o próximo martes, e non pararemos", engaden.

Subliñan que "as nosas fillas e fillos" están na casa "día si e día non, sen atención, sen formación, sen coidado; sufrindo a miseria da Xunta no seu propio futuro, nas súas posibilidades de mañá, fronte a miles doutras mozas galegas que terán todo isto con normalidade". "Cada semana que pasa representa unha lamentable perda na formación desta mocidade, e a discriminación que sobre acada maiores proporcións", conclúen.

STEG denuncia que "a actual situación de semipresencialidade conculca o dereito á educación e a igualdade de oportunidades" e que a medida "supón un deterioro importante da calidade do ensino público e da atención recibida polo alumnado"

O sindicato STEG púxose en contacto coa Xefatura Territorial de Educación de A Coruña e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para que "proceda a subsanar" a situación do IES Antón Fraguas, dotando o centro "co profesorado necesario para garantir a educación presencial e os desdobramentos solicitados no seu momento".

STEG denuncia que "a actual situación de semipresencialidade conculca o dereito á educación e a igualdade de oportunidades" e que a medida "supón un deterioro importante da calidade do ensino público e da atención recibida polo alumnado", pois esta vía da semipresencialidade "dista aínda moito dunhas condicións que garantan minimamente a atención axeitada (falta de máis medios, máis recursos e unha mellor implantación nos centros, conexións de calidade, dispositivos, etc...) e non pode suplir en ningún caso o ensino presencial, coas implicacións pedagóxicas e beneficios que comporta nos procesos de ensino-aprendizaxe".

Para o sindicato, esta situación "tiña fácil solución, procedendo a destinar no centro seis docentes máis, pois as instalacións dispoñen de espazos abondo"

Para STEG as solucións propostas pola Consellaría -"as clases televisadas, ben for dende a casa (emisión por internet) ou no centro (circuíto pechado de TV)"- presentan "múltiples carencias e deficiencias (dificultade para visión e son da retransmisión no primeiro caso, imposibilidade de garda e custodia do alumnado no segundo...)". Para o sindicato, esta situación "tiña fácil solución, procedendo a destinar no centro seis docentes máis, pois as instalacións dispoñen de espazos abondo, e a disposición do centro á remodelación dos horarios sempre foi absoluta, en caso de que se optase por esta vía que a Consellería desbotou".

STEG conclúe que "o anuncio da instalación de mamparas e clases televisadas por parte da Consellería e o suposto aforro que esta medida puidese traer só van empeorar a calidade do ensino público, non contribuirán ao fin que pretende e constituirán un gasto superfluo". "Finalmente, quen máis acusará estas medidas é o alumnado con máis dificultades, o cal vai en contra dun ensino que garanta a igualdade de oportunidades, a equidade e a xustiza social", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.