O colexio con máis positivos de coronavirus en Galicia levaba semanas denunciando a falta de espazo

A Anpa do CEIP As Mercedes levaba denunciando as eivas do centro dende antes do inicio do curso © ANPA Pía da Casca

O colexio As Mercedes, da cidade de Ourense, é o centro de ensino galego que nestes momentos suma un maior número de positivos de coronavirus entre o seu alumnado, un total de 11 casos, 9 deles concentrados nunha aula, pechada dende o pasado xoves, e dous máis nas restantes clases. Está a haber positivos en moitos outros centros (un total de 350 casos en todo o país), pero a situación do CEIP As Mercedes é singular, ao tratarse dunha escola onde as familias levaban tempo denunciando a falta de espazo e outros problemas estruturais.

O CEIP As Mercedes é o centro de ensino galego con máis positivos, un total de 11. As familias levaban tempo denunciando a falta de espazo e outros problemas estruturais

O martes da pasada semana comunicouse a aparición do primeiro caso, polo que foi activado o protocolo da Covid. A pesar de que, segundo o protocolo, tan só as familias cuxos fillos e fillas están a menos de 2 metros da persoa que deu positivo son advertidas da situación, moitas das outras nais e pais decidiron tamén que os seus nenos e nenas deixasen de ir a clase e gardasen corentena por precaución. O mércores confirmouse un segundo positivo e outra nena -que xa se atopaba na casa- presentou síntomas compatible coa enfermidade. Iso levou a que o xoves 24 se decidise pechar a aula durante unha semana. Houbo críticas pola lentitude á hora de tomar a decisión do peche da aula.

A comezos de setembro, as familias levaron a cabo protestas pola falta de espazos no centro, sobre todo polas dificultades xurdidas co comedor e a biblioteca © ANPA Pía da Casca

"Pedímoslle á Xunta que investigue que é o que aconteceu, porque as familias non quedamos tranquilas enviando os nosos fillos a clase nestas condicións. Se hai algo que está fallando, isto vaise volver repetir"

Aínda que o peche en principio ía durar unicamente sete días (polo que xa este venres tiñan que ter regresado a clase), nas probas PCR realizadas a todo o grupo apareceron outros sete casos e o peche alongouse ata o vindeiro luns 5 de outubro.

As familias reclaman da Xunta que se investigue o sucedido para garantir que as clases poden continuar con seguridade. "Aquí algo fallou, porque non é normal. Pedímoslle á Xunta que investigue que é o que aconteceu aí, porque as familias non quedamos tranquilas enviando os nosos fillos a clase nestas condicións, pois se hai algo que está fallando, isto vaise volver repetir", advirte Maruxa, a secretaria da ANPA Pía da Casca, cuxo fillo ademais pertence á aula que foi pechada pola aparición de 9 positivos.

"O colexio está aplicando o protocolo de mínimos impulsado pola Xunta, pero o problema é que o protocolo non funciona. Aquí non é un problema do colexio nin do profesorado, é un problema da Xunta", denuncia. "Nun colexio coma o noso, que é moi pequeno, o protocolo non é eficaz. As aulas teñen un tamaño moi reducido e, de feito, a clase que pechou ocupa a aula máis grande, porque ten 24 alumnos e alumnas (eran 25 pero un marchou)", explica. Ademais, as familias quéixanse da limitada ventilación que teñen algúns espazos.

"O colexio está aplicando o protocolo de mínimos impulsado pola Xunta, pero o problema é que o protocolo non funciona", di a secretaria da ANPA

"O protocolo falla, especialmente no noso colexio, que ten unhas características moi determinadas. E non pode ser que o protocolo se aplique no mesmo xeito no noso centro que noutros que teñen máis espazos e de maior tamaño. O protocolo debería adaptarse a estas circunstancias", sinala.

A ANPA denuncia, por exemplo, que a merenda, que se toma a media mañá, "estase tomando no interior da aula, sen mascarilla e sen distancia". E, igualmente, que o centro non conta con espazos adicionais nos que facer desdobres.

Protesta das familias no inicio do curso polas eivas existentes nas instalacións © ANPA Pía da Casca

O problema da falta de espazo agravouse este ano. O colexio ocupa un espazo anexo ao Albergue Residencia xuvenil Florentino Cuevillas. Anteriormente era un único edificio, pero dividiuse e as instalacións do comedor quedaron no lado do albergue, aínda que dende o ano 2006 había un convenio anual para compartir o uso do comedor.

"A única solución que nos deu a Xunta foi usar a biblioteca como comedor, polo que ao final quedamos sen biblioteca. E tamén ficamos sen ese espazo da capela que nos podería permitir desdobrar algunha aula"

"Este verán, a golpe de 25 de agosto, a Consellaría de Política Social díxonos que este ano non ía haber convenio e que non iamos poder utilizar as instalacións do comedor. Ademais, que tampouco poderiamos utilizar a antiga capela, que era empregada como unha sala multidisciplinar", explica Maruxa. "A única solución que nos deu a Xunta foi usar a biblioteca como comedor, polo que ao final quedamos sen biblioteca. E tamén ficamos sen ese espazo da capela que nos podería permitir desdobrar algunha aula", relata. "A realidade é que empezamos o curso sen espazo, xusto no ano no que o espazo é máis necesario", conclúe.  

De momento, as familias continúan á espera de que dende a Consellaría de Educación se ofrezan explicacións pola numerosa aparición de casos de coronavirus no centro. E, igualmente, agardan a que responda á súa solicitude de que os grupos máis grandes poidan facer desdobramentos, para incrementar a seguridade e previr novos contaxios.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.