O IES Ramón Menéndez Pidal, situado no barrio coruñés de Zalaeta, levou a clase ao seu patio este martes. A decisión non obedeceu ao tempo solleiro que reinou na cidade herculina durante toda a xornada, coincidindo co coñecido como veraniño de San Miguel, senón á falta de espazo nas súas instalacións para que un grupo dun dos seus ciclos formativo puidese seguir as clases cumprindo coas medidas de prevención ante a covid e coas distancias mínimas esixidas no protocolo da Consellaría de Educación e nas recomendacións do Ministerio de Sanidade.
Varios grupos contan con 30 alumnos e alumnas, o que obriga a contar con espazos moi amplos para poder cumprir coas medidas de prevención ante a Covid
A imaxe, tirada por un dos alumnos e alumnas, circulou este martes polas redes sociais, converténdose nun recordatorio viral das dificultades que moitos centros de ensino están ten que superar neste inicio de curso marcado pola pandemia.
O centro acolle a alumnado de ESO, Bacharelato e tamén de ciclos formativos. Varios grupos destes ciclos formativos contan con 30 alumnos e alumnas, o que obriga a contar con espazos moi amplos para poder cumprir coas medidas de prevención ante a Covid e as distancias mínimas esixidas polo protocolo. Ademais, varios destes ciclos fan un uso moi habitual do ordenador e as aulas informáticas son especialmente pequenas.
"Chegou a darse o caso dunha clase que o mestre tivo que dar desprazándose dun aula a outra, para poder atender ás dúas metades nas que fora dividido o grupo"
"En principio dérannos autorización para poñer mamparas nestas aulas informáticas, pero ao final a inspectora determinou que non había a distancia mínima dun metro entre alumno e alumno. Polo tanto, nesas aulas só pode estar un máximo de 15 rapaces e os outros 15 témolos que meter nalgures", explica unha das docentes do centro.
"A consecuencia é que estes grupos pasaron este martes toda a mañá sen ter unha clase en condicións. E chegou a darse o caso dunha clase que o mestre tivo que dar desprazándose dun aula a outra, para poder atender ás dúas metades nas que fora dividido o grupo", relata. "Cando eu cheguei, atopei a todos os alumnos no pasillo, porque non había ningunha aula dispoñible para eles. Así que decidimos ir para o patio, aproveitando o veraniño de San Miguel. A outra opción era mandalos para casa, pero eu como mestra non podo facer iso", di.
A clase, grazas ao tempo seco e ás temperaturas mornas deste martes, puido levarse a cabo, pero dende logo non con normalidade. "Non tiñan un espazo no que escribir nin onde apoiarse. Era simplemente estar todos sentados nas bancadas escoitando o rollo que eu lles estaba contando", conta a mestra. "Se ti queres facer unha actividade especial ou unha dinámica de grupo, podes saír fóra, pero non é algo que se poida soster no tempo, para o desenvolvemento habitualmente das clases", engade.
"Esta é unha situación que é insostible por falta de espazo e que ninguén solucionou nos tres meses do verán, que era cando se podía ter feito algo"
Ademais, destaca que "os rapaces e rapazas do ciclo están irritados porque na súa maioría non son da Coruña, gastan cartos en vir ata aquí e despois non teñen unha soa clase en toda a mañá". E conclúe: "esta é unha situación que é insostible por falta de espazo e que ninguén solucionou nos tres meses do verán, que era cando se podía ter feito algo".
Nos vindeiros días o problema volverá repetirse e a opción de saír ao patio non é unha posibilidade realista para poder levar adiante a formación prevista. A outra opción é recorrer a fórmulas de semipresencialidade, a través de clases impartidas a través de teledocencia. Porén, a mestra advirte: "moitos rapaces poderían ter dificultades, pola falta dun ordenador ou dunha boa conexión a internet, para seguir o curso dende a súa casa".