O anuncio da ″incorporación inmediata″ de 847 docentes para a Educación Secundaria e a Formación Profesional, realizado este mércores polo conselleiro Román Rodríguez, non exime ao alumnado da semipresencialidade neste curso marcado pola pandemia da COVID-19. ″Hai numerosos centros que nos trasladan que co profesorado asignado non poderán facer os desdobres que tiñan programados″, traslada a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector.
Os novos contratos de profesorado anunciados pola Xunta non cubren as demandas de persoal dos centros, que non se poden negar ao ensino semipresencial
Os institutos recibiron este mércores, o mesmo día que estaba previsto o inicio do curso escolar para estes niveis educativos, a comunicación oficial da Xunta sobre o profesorado co que poden contar. Entre os centros que non van recibir o incremento de docentes preciso para organizar todos os desdobres de aulas está o IES A Pontepedriña de Santiago, que a falta dun profesor máis está obrigado a empregar a semipresencialidade no Bacharelato. O director deste instituto, Javier Dapena, recibiu esta orde da xefatura territorial de Educación da Coruña.
″Tiñamos organizados os espazos, facer o Bacharelato presencial implicaba aumentar dous grupos, un para cada nivel, porque co que tiñamos agora nos saíamos completamente das ratios do protocolo. Isto implicaba un docente máis pero se nos dixo que iamos a semipresencial e que ese docente non se nos enviaba. De feito, con dificultades mantivemos os docentes que necesitabamos a maiores para a presencialidade na ESO″, explica o director do IES A Pontepedriña.
Javier Dapena vai enviar un escrito á Inspección educativa coas necesidades actuais do centro porque o 1 de outubro ten que ter operativo o sistema para a semipresencialidade que lles permita atender a todo o alumnado. ″Se non temos a todos os rapaces e rapazas nas mesmas condicións non poderemos empregar a aula virtual, e temos que comezar por impartir aqueles contidos que quedaron sen dar, sexan de 4º da ESO ou de 1º de BAC, pola situación de pandemia e que son necesarios para continuar. Polo que comezariamos a ter un problema na impartición de contidos para este curso″, describe.
Un problema que se agrava no caso do alumnado de 2º de Bacharelato, un curso máis breve polas probas ABAU de acceso á universiade. ″Estarían en desvantaxe con respecto aos alumnos que teñen ensino presencial, pero non só iso, aqueles que teñen fenda dixital estarían en moitísima máis desvantaxe. Por iso, non podemos estar de acordo coa semipresencialidade nas condicións actuais″, incide Dapena.
Como vai funcionar a semipresencialidade? ″Esa é a pregunta que nos facemos todos os docentes, todos os equipos directivos e todas as familias″, replica Javier Dapena, ″o máis parecido que tivemos foi a situación do confinamento, cando vimos as nosas fraquezas para un ensino non presencial: necesitamos equipamento para os nenos e nenas, para os docentes e para as aulas″. ″O que se nos presenta agora é un reto aínda máis difícil porque implica combinar todo iso que tiñamos durante a non presencialidade absoluta coa presenza dos rapaces no centro″.
Carlos Encisa, director do IES Antonio Fraguas de Santiago, explica que baseándose no protocolo do 31 de agosto, que ditaba unha distancia de seguridade de 1,5 metros entre o alumnado nas aulas, organizaron desdobres en todos os niveis pasando de 24 grupos a 36. ″Iso implicaba un incremento do profesorado de 16 a respecto de anos anteriores″, sinala nun vídeo pendurado na web do centro no que explica os motivos polos que terán que aplicar a semipresencialidade neste curso.
Porén, a Inspección educativa trasladou este mércores ao instituto Antonio Fraguas que lle concederá 10 docentes a maiores. ″Non nos queda máis remedio que organizar a semipresencialidade nun nivel do Bacharelato″, lamenta, ″e decidimos facelo en 1º porque pensamos que o 2º de BAC é un curso moi intenso, moi breve e moi decisivo para moitos alumnos e alumnas que van facer uns estudos posteriores″. ″Imos tratar de que sexa o menos problemático posible e que o alumnado poida vir ao centro o maior número de días, aínda que para iso teñamos que organizar diferentes quendas en diferentes aulas″, engade.
A unha semana do comezo do curso en Secundaria, as fórmulas para aplicar a semipresencialidade son descoñecidas para os institutos, e na instrución publicada no Diario Oficial de Galicia non se detalla máis alá de que ten que ser ″rotatoria″ entre os dous tipos de formación, ″presencial e a distancia″. ″A única solución para evitar unha dualidade de explicacións entre os que están na casa e na aula sería que se puideran seguir en streaming as clases que se están a impartir no centro″, avanza Dapena, que fai fincapé en que esta medida implica dotar aos centros dun ″equipamento de calidade″ con ordenadores actualizados, cámaras con ″moi boa resolución″ para permitir ver o encerado con moita luz xa que non se poden baixar as persianas para cumprir coa ventilación das aulas, e que a Xunta facilite unha conexión a internet que soporte a emisión simultánea das clases.
"A única solución para evitar unha dualidade de explicacións entre os que están na casa e na aula sería que se puideran seguir en streaming as clases", di Javier Dapena
"Estamos moi preocupados, por iso nós sempre apostamos pola presencialidade", aclara Dapena desde o instituto Compostelán, "a semipresencialidade só estaba contemplada en caso de confinamentos parciais ou totais, pero non estabamos a traballar nesa liña como primeira opción″. ″Esta é unha situación extremadamente complexa, tanto para os equipos directivos, como para os docentes que teñen que impartir aulas, as familias que teñen que organizar esa estadía dos seus fillos na casa, e para todos aqueles nenos e nenas que están nunha situación de fenda dixital grave, que non fondo vai ser unha fenda académica e social″.
Segundo informa a CIG-Ensino, a lista de centros que van ter que recorrer á semipresencialidade aumenta e, polo momento, vaise aplicar no IES Monelos (A Coruña), IES Monte Neme (Carballo), IES Valle Inclán (Pontevedra), IES A Xunqueira I (Pontevedra), IES Luís Seoane (Pontevedra), IES Montecelo (Pontevedra), IES Sánchez Cantón (Pontevedra), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES Leixa (Ferrol), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Vilamarín (Ourense), EASD Antonio Faílde (Ourense), IES Carlos Casares (Vigo), IES Castelao (Vigo), IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES Laxeiro (Lalín) e no IES Nº1 de Ribeira.
″Nós somos funcionarios públicos dunha estrutura claramente xerárquica e se os nosos superiores nos din que temos que ir a semipresencial, non hai nada máis que dicir″, razoa Javier Dapena, que pide ″axuda para sacar o curso adiante″ ás familias: ″ten que ser un compromiso de todos″. Con todo, as clases comezarán no IES A Pontepedriña o día 23, para cando está convocada a segunda xornada de folga no ensino, ″con moitas dificultades″ e ″moitas horas de traballo″ para adaptarse á que se espera que sexa a norma definitiva da Xunta para o curso escolar.