Servizos xurídicos de dúas deputacións conclúen que desinfectar as escolas é competencia da Xunta, non dos concellos

Aula coa separación de 1 metro entre as cabezas dos estudantes, como indica o protocolo COVID-19 da Xunta CC-BY-NC Sonia Msm/Profesorado en Pé

Varios institutos trasladan ás familias que apostan polos "desdobres", piden máis profesorado á Xunta, e alertan de que se optan por mamparas ou "semipresencialidade" será por "imposición" da Consellería de Educación

″A desinfección dos centros educativos públicos de titularidade autonómica para cumprir cos protocolos de prevención da COVID-19 é unha competencia da Xunta de Galicia″. Está é a conclusión dos informes encargados polas deputacións da Coruña e Pontevedra despois de que os concellos galegos manifestasen as dificultades para levar a cabo a limpeza e desinfeccións das escolas que tal e como dita o ′Protocolo de Adaptación ao contexto da COVID‐19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020‐2021′ da Xunta.

O informe encargado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, á asesoría xurídica do ente provincial co obxectivo de aclarar se os traballos de desinfección e limpeza dos colexios corresponden ao Goberno galego ou aos concellos e mais o informe da secretaría xeral da Deputación de Pontevedra, solicitado polos concellos da provincia, apuntan que a desinfección ″non é competencia propia dos municipios″ e supón ″unha ampliación″ das súas responsabilidades ″que excede da pura limpeza″.

Concentración pola folga do ensino no inicio do curso en Primaria diante da Consellería de Educación CC-BY-NC CIG-Ensino

″Para os concellos, asumir a desinfección dos colexios varias veces ao día e incrementar os cadros de persoal do servizo de limpeza supón un gasto moi importante″, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que xa solicitou á Xunta ″apoio económico″ para que os municipios leven a cabo esta tarefa ″coas máximas garantías″, pois o informe recolle que as ″medidas específicas″ que van máis alá dunha limpeza ordinaria ″deben ser adoptadas e executadas pola autoridade sanitaria competente″.

As deputacións da Coruña e Pontevedra demandan unha financiación extra da Xunta se pretende que os concellos se encarguen da "desinfección" dos centros de ensino

Na mesma liña, o informe asinado polo secretario xeral da Deputación de Pontevedra sinala que ″a única normativa que regula a desinfección da COVID‐19 como lexislación do Estado″, o RDL 21/2020, de 9 de xuño, di que ″as Administracións educativas deberán asegurar o cumprimento polos titulares dos centros docentes, públicos ou privados, [...] das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos citados centros que aquelas establezan″. Esta nova competencia, segundo aseguran na institución pontevedresa, diríxese ás ″Administracións educativas″ que ″son o Ministerio de Educación e a correspondente Consellería autonómica en materia de Educación″.

″En modo algún pode encomendarse ás entidades locais novas funcións e responsabilidades na conservación e mantemento dos centros escolares, que son de titularidade autonómica, sen a correspondente consignación orzamentaria para financiar ditos gastos e sen a correspondente delegación de tal competencia, pois o contrario suporía unha vulneración da autonomía local constitucionalmente garantida, así como unha infracción da normativa básica estatal, en materia de Educación e de regulación das bases das entidades locais″, incide o informe xurídico da Deputación da Coruña.

Concentración diante dun colexio pola volta ás aulas co protocolo pola pandemia CC-BY CIG-Ensino

Institutos desbotan as mamparas e piden docentes

Varios institutos do país están a manifestar a súa defensa pola presencialidade no ensino e por aulas con menos alumnado, como tiñan organizado baseándose nas instrucións da Xunta publicadas o pasado 31 de agosto. Rexeitan que a Consellería lles ofreza a posibilidade de escoller cando están a recibir ordes da Inspección educativa que obrigan á instalación de mamparas cunha distancia de seguridade de un metro e non de 1,5 metros como a Xunta asinou co Ministerio de Educación para Secundaria e FP. 

O equipo directivo do IES Eduardo Pondal de Santiago traslada nunha carta aberta ás familias que ″calquera medida que non sexa o aumento de grupos coa correspondente dotación de persoal non será decisión do centro no uso da súa ′autonomía′, se non unha imposición da Consellería″. Unha mensaxe que tamén transmiten desde o IES de Brión: "calquera medida que non sexa o aumento de profesorado e os desdobramentos, non será nunca por decisión nosa, senón por imposición da Consellería".

Estes institutos aseguran que a Inspección educativa di que "a primeira opción é a instalación de mamparas", aínda que teñan aulas para "desdobramentos"

Este centro de Secundaria compostelán solicitará desdobres ″en horario de mañá e martes pola tarde (o mesmo horario do curso pasado) para non prexudicar ás familias″ e permitir que o alumnado poida realizar actividades extraescolares. ″Necesitamos cinco unidades (grupos) máis dos actuais e solicitamos da Consellería que nos doten do profesorado necesario para ese incremento de unidades e así poder garantir un ensino presencial e de calidade″, aseguran no comunicado publicado na súa web. 

Da mesma maneira que no instituto de Brión, onde salientan que contan con "aulas dispoñibles" e reclaman "os 4 profesores/as que solicitamos para facer os desdobramentos, en horario normal de mañás, e para facer todas as gardas que o protocolo COVID da Consellería nos obriga a facer". Neste centro tamén lle trasladan ás familias que "pola vía da Inspección educativa" lles comunican que "a primeira opción é a instalación de mamparas, aínda que teñamos aulas para eses desdobramentos".

Desbotamos a idea das mamparas pola imposibilidade como centro para xestionar a compra e instalación das mesmas para o comezo de curso, pois necesitaríamos máis de 630, e o curso comeza en 10 días″, explican desde o IES Eduardo Pondal, que tampouco optará pola ″teledocencia ou semipresencialidade″ ao considerar que supón unha ″perda de calidade no ensino″, aparte da ″problemática″ que provocaría ″na conciliación familiar″.

"Queremos unhas instrucións definitivas xa porque estamos fartas dos cambios de criterio da Consellería -critican no IES de Brión-. Levamos moito tempo traballando para organizar o curso e a organización que facemos un día, non serve para o seguinte".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.