O equipo directivo do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove vén de presentar a súa dimisión diante da xefatura territorial de Educación de Lugo ao considerar que ″a día de hoxe, o colexio non reúne as condicións mínimas hixiénico sanitarias para iniciar o curso″. Marcial Miramontes, director do centro, explica que as dificultades polas obras que se están a realizar no centro lles impiden cumprir co ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19′.
O director do centro explica que solicitaron aprazar o comezo do curso "unha semana" e que desde a xefatura territorial de Educación lles trasladaron que debían comezar como estaba previsto
Desde esta escola comunicáronse tanto coa inspección de Educación como coa xefatura territorial de Educación de Lugo para solicitar ″unha semana máis″ para que o alumnado regresase ás aulas, pois argumentaron que coa situación provocada polas obras de ″eficiencia enerxética″ non tiñan capacidade para ″cumprir o protocolo″ da COVID-19 ditado polas consellerías de Educación e Sanidade. ″Pedímoslles tempo para poder actuar cun mínimo de garantías porque ao final a responsabilidade é do centro se pasa calquera cousa″, abunda Marcial Miramontes, que mostra o seu desacordo coa actuación da Administración.
Desde a xefatura territorial de Educación trasladáronlles que había que iniciar o curso como estaba ordenado, de forma graduada entre os días 10 e 11. Na mañá deste xoves acolleron a presentación do alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria que se viron obrigados a celebrar no patio da escola. ″As aulas aínda non están totalmente acondicionadas, temos caixas sen abrir con material por colocar. Por momentos isto semella un almacén″, salienta o director.
″Nós non estamos de acordo con esta situación e por iso presentamos a nosa dimisión como equipo directivo, non sei se nola aceptarán ou non, supoño que non. Pero os motivos están claros e contamos co respaldo da Anpa do centro, que tamén ve a situación. As familias están preocupadas. A obra por dentro está rematada, pero temos aos obreiros traballando na fachada e todo polo medio, e un requisito imprescindible do protocolo é a ventilación das aulas nos descansos e recreos, algo que así non podemos facer″, razoa Miramontes.
Nun comunicado, a Anpa do CEIP de Xove traslada que a día 9 de setembro ″vimos que hai carencias na organización das instalacións e non cumpren coas medidas hixiénico-sanitarias que se esixen para o protocolo da COVID para poder comezar as clases″ e engaden: ″dende o centro dinnos que precisarían uns días máis para rematar de acondicionar e garantir unha volta ao cole segura para as nosas fillas e fillos″.
″Todo isto ocasionou que o profesorado non dispuxese de tempo material para organizar minimamente as súas aulas″, salienta o director
″No contexto no que estamos, cunha pandemia mundial e un protocolo estrito que cumprir, nós non podemos iniciar o curso porque aínda non temos feito o noso protocolo. E non o podemos ter listo porque o luns aínda estaban pulindo o chan do comedor e da entrada″, destaca. ″Todo isto ocasionou que o profesorado non dispuxese de tempo material para organizar minimamente as súas aulas″.
O director detalla que no mes de maio lle comunicaron desde Educación a posibilidade de adiantar as obras no centro, polo que ″en plena fase 2 do desconfinamento″ convocou a todo o persoal do centro por grupos para ″baleirar o centro″. O material quedou acumulado no pavillón. Tiñan todo listo, mais finalmente as obras comezaron no prazo que estaba previsto antes da pandemia, a principios do mes de xuño. ″Xa que non se puideron adiantar as obras, que menos que darnos esa semaniña de marxe para comezar as clases″, defende Miramontes, pois ″para colocar o material había que ter un mínimo de limpeza e desinfección das aulas″.
″Todos os colexios agora mesmo andan apurados co tema do protocolo, cos comedores e o transporte. Pero é que a nós, aínda por riba, se nos engade o tema da obra. Penso que a nosa reclamación era xusta e nós somos consecuentes con ela″, asevera o director do CEIP de Xove.