“Non se dan as condicións para empezar o curso”: folga no ensino os días 10 e 16 para forzar á Xunta a negociar o protocolo da COVID-19

José Carlos Fernández (CSIF), Luz López (CCOO), Suso Bermello (CIG) e Lois Pérez (STEG) na presentación das mobilizacións cara á volta ás aulas CC-BY Praza Pública

CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF convocan mobilizacións nos centros desde o 1 de setembro  baixo o lema #EscolaContraCovid e presionan cunha folga á Consellería para garantir un inicio do curso presencial e seguro

Os sindicatos CIG-Ensino, STEG, CCOO e CSIF chaman á folga en Educación Infantil, Primaria e especial o día 10 de setembro e na Secundaria (ESO e Bacharelato), na FP e no ensino de réximen especial o 16. O obxectivo é "obrigar ao Goberno galego a que asuma, por fin, as súas responsabilidades no que afecta ao principio do curso escolar para que non se converta nunha auténtica temeridade como se intúe no protocolo".

"A día de hoxe o protocolo da Xunta segue exactamente igual que estaba, non hai ningunha notificación por parte da Consellería de Educación sobre que teñan pensado anular o protocolo naqueles aspectos que nos parecen máis regresivos", asegurou na presentación da folga o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen indicou que a folga é unha "medida de forza" coa que pretenden "mobilizar ao profesorado, ao persoal non docente e ao conxunto da comunidade educativa".

Cartaz da campaña #EscolaContraCovid reclamando diminuír a ratio de alumnos por aula Dominio Público Escola Contra Covid

As mobilizacións comezarán este martes, 1 de setembro, con concentracións ás portas dos centros escolares e cunha actividade nas redes sociais co cancelo #EscolaContraCovid. Instan á Consellería a "cumprir" co asinado a semana pasada co Ministerio de Educación e reclaman "axilidade" nas medidas, pois ven difícil mellorar a situación para o día 10, cando comezan en Infantil e Primaria, "sen retrasar o inicio do curso" porque "non se fixeron as cousas cando se tiñan que facer". "Se se cumpre o último publicado no DOG sobre o distanciamento de 1,5 metros nas aulas, non pode empezar o curso con normalidade en Infantil e Primaria porque non se dan as condicións", aseverou Bermello.

"A Consellería está por facer un inicio de curso ordinario e a custe cero", asegura Luz López, de CCOO

"Somos conscientes de que o risco cero non existe", apuntou Luz López, secretaria xeral da federación de ensino de CCOO Galicia, para incidir en que están a pedir as "máximas garantías". "Consideramos que hai que facer avaliacións de risco en todos os centros, cousa que sabemos que só se fixo nalgúns de FP, para establecer as ratios en función dos metros cadrados que teña cada aula", explicou. Unha medida que suporía a adaptación dunhas ratios en cada centro de ensino: "Algo que non se fixo porque suporía baixar as ratios e aquí a Consellería está por facer un inicio de curso ordinario e a custe cero".

Esta convocatoria de folga é un "paso lóxico" para CIG-Ensino, STEG, CCOO e CSIF, á que tratarán de sumar aos restantes axentes da comunidade educativa: colectivos de traballadores e traballadoras, de renovación pedagóxica, familias, Anpas, estudantado... "para intentar que sexa a cidadanía quen obrigue á Consellería a mudar as cousas". Os sindicatos UXT e ANPE, que forman parte da mesa sectorial de Educación xunto a CIG e CCOO, optaron "unilateralmente" por non participar destas mobilizacións, segundo trasladou este luns Suso Bermello.

"A escola é un ecosistema delicado e fráxil que ten que garantir, ademais da seguridade e da saúde nunha situación tan grave como a que estamos a vivir, os fins últimos que lle recoñece a lei: o reequilibrio das desigualdades sociais, a inclusión e a equidade en todos os contextos", describiu Lois Pérez, secretario de organización do STEG, que fixo fincapé en que esta folga está ligada ás accións "multitudinarias" que realizaron no mes de xullo.

"O protocolo deixa ao bo facer do profesorado funcións que transcenden ao traballo dos centros de ensino", afirma Lois Pérez, do STEG

"A Consellería debera dar pasos que contribúan a garantir as axeitadas interaccións nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, diminuíndo as ratios, contratando máis profesorado, permitindo gardar as distancias de seguridade e convertendo a escola no que debe ser: un espazo de encontro seguro, saudable, de afectos e de aprendizaxe; e non o que está a facer, cun protocolo no que non asume ningunha responsabilidade en canto aos recursos humanos e materiais, que deixa ao bo facer do profesorado funcións que transcenden ao traballo dos centros de ensino", agregou Pérez.

Presencialidade nas aulas

"Falamos de seguridade porque non existen as aulas burbulla: é un concepto que se inventa para evitar investimentos", afirma Suso Bermello, da CIG-Ensino

"Somos claramente defensores da presencialidade" afirmou Bermello. "A conselleira de Educación afirmou que tamén o é defensora, mais non é certo porque os feitos non a acompañan. Ser defensor da presencialidade é apostar por unha presencialidade con seguridade. Non estamos falando de cuestións pedagóxicas, que é o que deberíamos estar facendo, senón de seguridade porque non existen as aulas burbulla: é un concepto que se inventa para evitar investimentos", detallou.

No manifesto que dá paso ás mobilizacións destacan esa falla de idoneidade dos grupos de convivencia estable. "Os grupos burbulla deixan de selo no momento no que van no mesmo autobús, un autobús que fai diferentes liñas no mesmo día, e no momento no que interactúan con outros rapaces no parque ou mesmo coas súas familias dentro das casas", sostivo Luz López, de CCOO.

Reclaman máis persoal neste curso extraordinario Dominio Público Escola Contra Covid

"Non vai haber maior distanciamento social do que había o ano pasado na maioría das aulas", defende José Carlos Fernández, de CSIF 

"Non vai haber maior distanciamento social do que había o ano pasado na maioría das aulas porque a ratio segue sendo 25 na maioría das ensinanzas, ou incluso máis, e non hai máis contratación de profesorado por ser este un ano extraordinario. Tampouco existen máis turnos de limpeza este curso", indicou José Carlos Fernández, de CSIF Ensino, que puxo o foco en que o persoal docente que pertenza a un grupo de risco terá que incorporarse ás aulas mentres non se avalía o seu caso, algo que non sucedeu na reincorporación para o final do curso anterior.

"Pasadas as eleccións, e renovada a maioría do Partido Popular, o que antes era unha vulnerabilidade que había que protexer, agora non aparece e todo o profesorado ten que incorporarse aos centros. Isto é un despropósito e unha vergoña porque antes do 12 de xullo eramos igual de vulnerables que agora", apostilou Suso Bermello.

Probas da Covid-19 ao profesorado

A CIG-Saúde remitiu un escrito á xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee sobre a "inutilidade" dos chamados "test rápidos" da Covid-19 que se lle van realizar aos docentes antes do inicio do curso. Unhas probas que se lle encargaron aos centros de saúde desta área, que terán que desprazar a persoal de enfermería aos centros de ensino a pesar de manifestar que se encontran "sobregargados" e "saturados".

"A axilidade da Administración vai ser fundamental para cubrir todas as ausencias de profesorado debido aos contaxios nas aulas", sinala Suso Bermello

Os catro representantes sindicais manifestaron este luns o seu descoñecemento a respecto das probas serolóxicas do coronavirus que a Xunta anunciou que lle realizará ao profesorado galego. "Como pode ser que a Consellería de Sanidade estea convocando de maneira totalmente diferente en función da área sanitaria que lle corresponda ao profesorado?", trasladou Suso Bermello.

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou, ademais, que a inspección educativa está a enviar correos electrónicos á dirección dos centros nos que se di que se van realizar probas PCR, "cousa que é falsa", incidiu. Bermello lembrou que outros territorios, como Asturias, optaron por realizar PCR ao profesorado, o que provocará o retraso na volta ás aulas. Neste sentido, solicitaron ao Goberno galego "axilidade" nas medidas de detección tamén durante o curso: "A axilidade da Administración educativa vai ser fundamental para cubrir todas as ausencias de profesorado debido aos contaxios nas aulas. Non se recolle o que vai suceder cando non haxa profesorado suficiente para atender as aulas, cos criterios que marca o protocolo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.