O Goberno central propón corentena para cada clase ante a aparición dun positivo e limita o peche de centros aos escenarios máis graves

A ministra Isabel Celaá, este xoves ao remate da Conferencia Sectorial de Educación © Ministerio de Educación

Durante a mañá deste xoves desenvolveuse a esperada xuntanza conxunta entre os conselleiros de Sanidade e Educación de todas as comunidades autónomas cos representantes destes dous ministerios e mais o de Administracións Publicas. Deste encontro debían saír unhas guías de actuación para que cada territorio garanta un regreso ás aulas seguro, con limitación de contaxios e a correcta organización para xestionar a aparición de casos nos centros de ensino.

O documento aposta por asegurar a continuidade das clases presenciais sempre que sexa posible, destacando que "o peche dos centros educativos demostrou ter un impacto negativo a nivel de desenvolvemento e educación da poboación en etapa de aprendizaxe"

No marco da xuntanza, o Ministerio de Sanidade presentou un breve documento de recomendacións, unha Guía de actuación ante a aparición de casos de COVID-19 en centros educativos, que define tres posibles escenarios de maior ou menor gravidade e apunta pautas de acción en cada unha delas. O documento técnico aposta por asegurar a continuidade das clases presenciais sempre que sexa posible, destacando na súa introdución que "o peche dos centros educativos como medida para controlar a transmisión demostrou ser pouco efectivo e ter un impacto negativo a nivel de desenvolvemento e educación da poboación en etapa de aprendizaxe".

Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuíña, na xuntanza telemática que tivo lugar este xoves © Xunta

O Ministerio de Sanidade fai fincapé na identificación precoz dos casos, a identificación, corentena e seguimento dos contactos estreitos e a identificación de posibles focos de transmisión e abre a posibilidade de que se indique o peche transitorio dunha ou varias aulas para así dar unha "pronta resposta que permita controlar un posible brote".

No caso de aparecer un caso positivo nun 'grupo de convivencia estable', todas as persoas que o conforman serían postas en corentena durante 14 días

O documento técnico establece un breve protocolo de actuación ante a aparición dun caso sospeitoso, seguindo as recomendacións xerais existentes e subliña que este "caso sospeitoso" deberá permanecer illado no seu domicilio até dispor dos resultados das probas diagnósticas. 

Sanidade destaca que se o caso confirmado pertence a un grupo de convivencia estable (un dos grupos burbulla propostos por todas as comunidades autónomas) "consideraranse contactos estreitos a todas as persoas pertencentes ao grupo". En consecuencia, todas as persoas integrantes deste grupo (alumnado e profesorado) deberán ser postos en corentena nos seus domicilios durante 14 días. O documento de recomendacións considera que se poderá falar da existencia dun gromo nun centro de ensino cando se detecten dous casos ou máis casos con infección activa nos que se establecera un vínculo epidemiolóxico. 

A detección de dous casos será considerado un gromo e só se existe transmisión comunitaria non controlada en varios grupos se valorará o peche completo dos centros de ensino

Así mesmo, apunta tres posibles escenarios que poden aparecer no interior dun centro de ensino. En primeiro lugar, 'gromos controlados ou casos esporádicos' con cadeas de transmisión ben definidas, ante os que se actuará simplemente decretando corentenas para os e as integrantes de cada grupo. En segundo lugar, 'gromos complexos ou transmisión comunitaria esporádica', nos que as cadeas de transmisión non se poden identificar con facilidade ou nos que aparecen varias ramificacións; nestas situacións o texto aposta por estudar o escenario, podendo adoptarse medidas máis drásticas, que pasarían polo peche de clases ou liñas.

Finalmente, nun terceiro escenario de 'transmisión comunitaria non controlada', cun elevado número de casos, os servizos de saúde pública das comunidades autónomas realizarían unha avaliación de risco para considerar a necesidade de escalar as medidas "valorando en última instancia o peche temporal do centro educativo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.