Así preparan os outros territorios do Estado o regreso ás aulas: protocolos e medidas para esquivar o coronavirus

Alumnado dun colexio do concello de Ames © Concello de Ames

O reinicio do curso escolar derivou nun dos principais puntos de conflito neste remate de verán, ante o evidente risco de que se converta nun foco de contaxios masivos de coronavirus e con críticas ás diferentes administracións con competencias ao respecto pola falta de protocolos e medidas de protección e os limitados investimentos para facer posibles as clases presenciais. 

Este xoves 27 os conselleiros e conselleiras de Educación dos distintos territorios do Estado manterán unha xuntanza telemática coas ministras e ministro de Educación, Sanidade e Administracións Territoriais

A poucos días de que esta volta ao cole sexa unha realidade (as clases comezarán entre o 7 e o 16 de setembro en case todas as comunidades autónomas) son moitísimas as incógnitas e dúbidas entre o profesorado, o alumado e as familias. Esta será unha semana decisiva para a resolución das moitas preguntas aínda sen resposta. Este xoves 27 os conselleiros e conselleiras de Educación dos distintos territorios do Estado manterán unha xuntanza telemática coas ministras e ministro de Educación, Sanidade e Administracións Territoriais. 

De igual xeito, o luns 31 a Organización Mundial da Saúde convocou os seus países membros para falar da apertura de colexios no marco da pandemia. Pola súa banda, a esperada Conferencia de Presidentes destinada en exclusiva á educación, prevista para este final de agosto, foi de momento adiada e está previsto que se celebre nos primeiros días de setembro.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, este xoves nunha visita a un colexio para supervisar as súas medidas fronte ao coronavirus CC-BY-SA Xunta de Galicia

Mentres, cada comunidade autónoma foi adiantando distintos protocolos e medidas de prevención e reforzo, máis ou menos desenvolvidas e ambiciosas. Porén, nos máis dos casos os documentos e accións aprobadas foron criticadas por xenéricas e limitadas e na maior parte dos territorios os sindicatos educativos preparan mobilizacións para os primeiros días de setembro, mesmo con ameazas por parte de moitas familias de non enviar os seus fillos e fillas ás clases.

Para poder levar a cabo as clases eludindo no posible os contaxios entraron en xogo conceptos como os grupos burbulla ou grupos de convivencia estable, que evitarán no posible relacionarse con outros grupos no propio centro

Os criterios xerais semellan claros, pero as dúbidas comezan á hora de poñelos en práctica e de conxugar os obxectivos de seguridade e desenvolvemento normal do curso. Dende o Ministerio apóstase por garantir a presencialidade en todos os niveis, nomeadamente en Infantil e Primaria e nos primeiros cursos da Secundaria. Para poder levar a cabo as clases eludindo no posible os contaxios entraron en xogo conceptos como os grupos burbulla ou grupos de convivencia estable, que evitarán no posible relacionarse con outros grupos no propio centro. Tamén a necesaria distancia social dentro das propias clases, para o que se reclama a redución das ratios de alumnado por aula. E fomentouse a creación de figuras como Coordinador Covid19, encargado en cada centro da organización e da reacción ante a aparición de contaxios.

Tamén se discute a conveniencia de que todo o alumnado maior de 6 anos leve máscara de protección en todo momento

Con todo, fican no aire a forma de manter o carácter estanco destes grupos burbulla nas entradas e saídas do centro, nas horas de recreo e de comedor ou no propio transporte escolar. Tamén se discute a conveniencia de que todo o alumnado maior de 6 anos leve máscara de protección en todo momento (aínda que algunhas comunidades eliminan esta obriga dentro dos grupos burbulla e outras limítana ao alumnado maior de 12 anos). E hai distintas posturas sobre a extensión das medidas de corentena ou peche de aulas e centros ante a aparición de contaxios.

Debátese igualmente a utilidade das probas PCR masivas, como as que prevé realizar Catalunya, descartando o Ministerio de Educación a súa recomendación para outros territorios, sinalando que estas probas non garanten que esa persoa se infecte ao día seguinte, o que obrigaría a realizar tests todos os días ou xeraría unha sensación de falsa seguridade. Igualmente, algunhas comunidades preparan tomas de temperatura diaria a todo o alumnado ou declaracións responsables de que os nenos e nenas acoden a clase sen febre. Unha medida tamén descartada polo Ministerio de Sanidade, pola gran cantidade de persoas infectadas (e contaxiosas) que non presentan síntoma ningún.

En Galicia o protocolo presentado pola Consellaría de Educación foi rexeitado polos sindicatos

En Galicia o protocolo presentado pola Consellaría de Educación foi rexeitado polos sindicatos polo seu carácter xenérico e limitado e por non incluír previsións de actuación para o caso de que haxa que recorrer de novo á teledocencia. Tamén foi criticado por non garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros dentro das aulas, como recomenda o Ministerio de Sanidade ou por non limitar o número máximo de alumnos e alumnas por clase. Así mesmo, denunciouse que a Xunta volve deitar noutras administracións a responsabilidade da toma de decisións nunha cuestión da súa competencia e que as poucas medidas anunciadas para o reforzo de persoal e infraestruturas non pasaban de ser "parches" de alcance moi limitado, que serven unicamente para cumprir coas actuais ratios legais.

Mobilización de Anpas galegas a finais de xullo © CIG Ensino

Estas son algunhas das principais medidas anunciadas por cada unha das comunidades autónomas do Estado Español.

A Rioxa

A Rioxa abre a porta a que en Bacharelato a presencialidade fique limitada ao 50%, garantíndose o 100% nos restantes niveis. As ratios máximas quedan limitadas a 25 alumnos e alumnas por aula e a máscara será obrigatoria a partir de Primaria, cunha distancia de seguridade de 1,5 metros a partir da ESO e máscara obrigatoria tamén no interior das aulas.

Andalucía

En Andalucía está prevista a contratación de 6.000 docentes para poder reducir as ratios de alumnado por aula. Todo o persoal dos centros de ensino será sometido a tests de detección do coronavirus antes do inicio do curso. Facilitarase a creación de grupos de convivencia en Educación Primaria, flexibilizaranse os horarios e poderanse establecer algunhas clases pola tarde.

Aragón

En Aragón os centros fomentarán os grupos de convivencia estable nas etapas de Infantil e Primaria, adaptarán os seus espazos para ser usados como aulas, e habilitarán distintas quendas de entrada e de saída. Todos os centros de Infantil e Primaria terán xornada continua en horario de 9 a 14 horas co obxectivo de reducir as entradas e saídas ao centro. Con todo, manterase o comedor ata as 16 horas para as familias que así o soliciten. Nos seus protocolos barállanse tres escenarios, prevendo a posibilidade de recorrer ao ensino telemático, para o que están a promover a implantación da plataforma dixital educativa, Aeducar.

Asturias

En Asturias haberá un máximo de 20 alumnos por aula en Infantil e nos catro primeiros cursos de Primaria. A Consellaría de Educación contratará 400 novos docentes e nos seus protocolos baralla tres escenarios, detallando mesmo a posibilidade de recorrer á educación a distancia.

Baleares

Baleares prevé contratar 458 profesores e profesoras máis e deseñou plans de redistribución de espazos e un plan dixital de continxencia no caso de ter que recorrer á teledocencia.

Canarias

Canarias, que será unha das últimas comunidades autónomas en iniciar o curso (entre o 15 e o 17 de setembro), aposta pola educación presencial e ve as modalidades semipresenciais e a distancia como "último recurso". Deseñou un sistema de sectores bloqueables a través da organización de espazos e dos fluxos de persoas co obxectivo de limitar ao máximo os contactos entre uns e outros sectores.

Cantabria

Cantabria decidiu que a máscara de protección sexa obrigatoria, unha medida que se complementa coa redución dos grupos e unha maior distancia social dentro das aulas. Así mesmo, cada familia deberá asinar unha declaración responsable comprometéndose a non enviar os seus fillos e fillas a clase se teñen febre ou calquera outro síntoma do coronavirus. 

Castela-A Mancha

En Castela-A Mancha todo o persoal dos centros de ensino, docente e non docente, poderá someterse a tests voluntarios de detección de anticorpos. Así mesmo, a comunidade autónoma instalará 10.000 biombos de metacrilato nas aulas.

Xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, o pasado mes de maio © Ministerio de Educación

Castela e León

Castela e León creará grupos estables de convivencia en Educación Infantil e no primeiro curso de Primaria, cun máximo de entre 22 e 25 alumnos por aula. Nos restantes cursos, o número de alumnos e alumnas por aula non poderá superar as ratios legais, e deberá respectarse a distancia de seguridade mínima de 1,5 metros.

Cataluña

Cataluña realizará un cribado masivo con 500.000 probas de detección de coronavirus entre o 15 de setembro e o 15 de novembro. Creará grupos estables de convivencia, aos que realizará probas PCR no caso de que se detecte un só caso. Estes grupos deberán manter a distancia de seguridade cos integrantes doutros grupos. O protocolo prevé o illamento durante 14 días de todo un grupo de convivencia cando se detecte un caso positivo. 

As ratios serán de 20 alumnos e alumnas por aula en Infantil e Primaria e de 30 en Secundaria. Os centros deberán establecer quendas para as entradas e as saídas e para os recreos. A máscara de protección será de uso obrigatorio en todo momento (tamén no interior das aulas) a partir dos 12 anos.

Así mesmo, A Generalitat contratará 8.258 novos mestres e mestras e persoal non docente, dos que 6.982 corresponderán a unha partida especial polo coronavirus. Ademais, entregará 300.000 dispositivos electrónicos a alumnos e alumnas a partir de 3º da ESO.

Comunidade Valenciana

A Comunidade Valenciana estableceu unha distancia de seguridade mínima de 1,5 metros en todos os espazos. Creará grupos de convivencia estables para o alumnado de menor idade, con ratios máximos de 20 alumnos e alumnas en Infantil e Primaria, ampliables a 25 se non hai espazo. O Goberno da Generalitat prevé a utilización de aulas prefabricadas de non haber espazos suficientes nos centros.

Estremadura

Estremadura creará tamén grupos de convivencia estable en Infantil e nos catro primeiros cursos de Primaria que non poderán interactuar con outros nenos e nenas, pero que entre eles non estarán obrigados a manter a distancia de seguridade. Nos cursos seguintes de Primaria e ESO a distancia mínima será de 1,5 metros e no Bacharelato reducirase a un metro, pero o uso de máscaras será obrigatorio.

Madrid

Madrid é de momento a única comunidade que abre a porta de forma decidida ás clases non presenciais, cando menos a partir de 3º de ESO, combinando as aulas telemáticas coas físicas, que non chegarán ao 50% a partir dese nivel. Para isto, o Goberno rexional adquirirá 70.000 ordenadores persoais. Tamén é o único territorio que prevé adiar un chisco o retorno ás clases, que se fará de forma sucesiva, por grupos, entre o 4 e o 28 de setembro. As máscaras de protección serán obrigatorias a partir dos 6 anos e, así mesmo, adaptaranse edificios e usaranse módulos prefabricados para gañar espazo para as aulas.

A Comunidade de Madrid anunciou este martes a contratación de máis de dez mil novos docentes de forma temporal co obxectivo de reducir as ratios por aula, que serán de 20 nenos e nenas en Infantil e Primaria e de 23 nos primeiros cursos de ESO. Así mesmo, realizará 100.000 tests de anticorpos ao persoal.

Murcia

Murcia optará tamén pola semipresencialidade, coa excepción da Educación Infantil. Por exemplo, a partir de 3º da ESO, os rapaces acudirán aos centros 2 ou 3 días á semana. As ratios máximas serán de 20 alumnos e alumnas en Infantil e de 25 nos niveis restantes.

Navarra

Navarra creará grupos estables de convivencia para o primeiro ciclo de Educación Infantil e no resto deseñou medidas como o bloqueo de espazos comúns ou a creación de novas unidades. As ratios máximas serán de 25 alumnos e alumnas en Infantil e Primaria, 30 en ESO e 33 en Bacharelato.

País Vasco

Euskadi creará grupos estables de convivencia en Infantil e nos primeiros cursos de Primaria e a oartur de 3º de ESO a máscara de protección será obrigatoria agás no interior das aulas. A entrada e a saída do centro será por quendas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.