Ademais do Bono Coidado extraordinario para a atención de menores de 12 anos na casa por mor da Covid-19, a Xunta ofertou unha prestación similar para a atención de persoas dependentes que non acadou as 700 solicitudes
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 12 de xuño, xusto un mes antes das eleccións do 12 de xullo, a posta en marcha dun "bono coidado extraordinario" de axudas para as familias con nenas e nenos de ata 12 anos, "para a conciliación na situación xerada pola Covid-19", co obxectivo de subvencionar a contratación de servizos de atención á infancia a domicilio ou dunha persoa para o coidado destes menores, así como suplementar as reducións de salario derivadas dunha redución da xornada laboral das nais, pais ou titores polo coidado dos fillos.
"Entendemos que pode haber máis de 36.000 familias beneficiarias deste bono extraordinario de coidado infantil", manifestou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, sobre ese bono que desde o 13 de xullo xa non se pode solicitar. Un mes despois de que se pechara o prazo para inscribirse, a Consellería de Política Social traslada que houbo un total de "1.200 solicitudes" para o bono coidado extraordinario na categoría de infancia e que "aínda están en fase de tramitación". O departamento de Política Social apunta que "non se sabe o número de axudas concedidas definitivo".
Os requisitos para acceder a estes bonos incluían ter unha crianza nada "con posterioridade ao 31 de agosto de 2007", que ambos proxenitores (ou o único no caso de familias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida), estiveran traballando e "uns salarios netos da unidade familiar da última mensualidade a respecto do momento de presentación da solicitude" que non superasen "os 2.500 euros ou, de superalos, non sexan superiores aos 806 euros per cápita".
O bono coidado extraordinario para a infancia contempla un máximo de 500 euros mensuais de axuda que non se aboarán ata finais de ano
"Este é un paquete extraordinario, ante unha situación extraordinaria, para unha conciliación familiar nun momento de extraordinaria dificultade", salientou Feijóo a respecto destas axudas por mor da pandemia da Covid-19, unhas prestacións que se podían solicitar con efectos retroactivos ao 16 de marzo, após a entrada en vigor do estado de alarma, e que comprenden o período "ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva de saúde pública nas escolas infantís 0-3 e nos centros de ensino non universitarios", segundo recolle o DOG do 12 de xuño, que tamén indica a limitación ao exercicio orzamentario vixente.
Así, as cuantías non se abonarán ata finais de ano, unha vez que os beneficiarios xustifiquen os gastos, varios meses despois do momento que xenerou a necesidade de conciliación. A Xunta publicitou unha inversión de "18 millóns de euros" para este bono coidado extraordinario para menores de 12 anos, cunha dotación máxima de "500 euros ao mes" para aquelas persoas ás que lle sexa concedido.
Axudas á dependencia
Por outra banda, aparte das axudas para a conciliación relativas á infancia, a Xunta tamén promoveu un bono coidado extraordinario para a dependencia. Sobre ese segundo bono, a Consellería de Política Social informa de que houbo "691 solicitudes" desta prestación especial, que supón "axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia da Covid-19".
Con 68.000 persoas con dependencia recoñecida en Galicia, a axuda extraordinaria pola Covid-19 chegará a menos de 700
Esta prestación, na mesma liña que o bono para a infancia pero para maiores e dependentes, significa unha inversión, segundo recolle o DOG, de "11 millóns de euros" e unha aportación mensual máxima tamén de "500 euros" no mesmo período e circunstancias que o primeiro. Da mesma maneira, o prazo para pedilo rematou o 13 de xullo e a súa "concesión definitiva" tampouco está resolta, tal e como indican desde Política Social. En Galicia, segundo datos do Imserso, hai 68.000 persoas cun grao de dependencia recoñecido.