Dos cueiros ao bus: as tarxetas precargadas coas que a Xunta vira en caixeiro antes das eleccións

Tarxetas precargadas da Xunta para que a mocidade teña bus gratis e as familias con bebés merquen produtos para eles CC-BY-SA Praza Pública

O Bono Solidario para que os sanitarios gasten en hostalaría e o Bono Coidado para asistencia a domicilio mentres non reabra escolas e centros de día súmanse a medidas similares antes doutros comicios como a Tarxeta Benvida para bebés ou a Tarxeta Xente Nova para o bus

O 25 de agosto de 2016, a un mes xusto das eleccións do 25 de setembro nas que Feijóo revalidaría a maioría absoluta, o presidente da Xunta anunciaba que o luns seguinte comezaría a funcionar a Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderían viaxar gratis no transporte interurbano das áreas metropolitanas. Catro anos máis tarde, e ante uns novos comicios, o Goberno galego acaba de ampliar os beneficios desa tarxeta ao tempo que anuncia novos bonos ou tarxetas precargadas que a cidadanía beneficiaria, previa solicitude, pode gastar en determinados servizos (o persoal sanitario na hostalería, os fogares con necesidades en comida ou as familias con menores ou dependentes en asistencia a domicilio), un tipo de anuncio que se vén repetindo xusto antes dos últimos comicios.

A conselleira de Infraestruturas presentando a ampliación da Tarxeta Xente Nova ás áreas de transporte de Pontevedra e Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os anuncios preelectorais de tarxetas ou bonos precargados que a Xunta decide poñer a disposición de certos colectivos en vez destinar eses recursos á mellora directa dos servizos públicos teñen na Tarxeta Benvida, destinada a mercar produtos de primeira necesidade para os bebés como cueiros ou comida, un dos seus mellores exemplos. Foi anunciada polo propio Feijóo no Consello da Xunta do 3 de decembro de 2015, dúas semanas antes das eleccións xerais do 20 de decembro daquel ano.

A Tarxeta Benvida chegou despois de que o PP criticase unha figura similar anterior, o coñecido como cheque bebé, unha axuda directa non contributiva implantada polo Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero de 2.500 euros por cada nacemento ou adopción, que estivo en vigor desde xullo de 2007 ata que a crise o levou por diante en decembro de 2010. A diferenza do cheque bebé, a Tarxeta Benvida da Xunta ten en conta a renda familiar, tanto para a súa concesión como para posibles aumentos en tempo ou cartos, pero a súa modalidade básica e máis estendida é de 100 euros ao mes durante o primeiro ano.

A Cesta Benvida con produtos para bebés comezou a repartirse un mes antes das eleccións galegas de 2016 e Feijóo anunciou a súa mellora e a ampliación da Tarxeta Benvida outro mes antes das xerais de novembro de 2019

Ás portas dunhas novas xerais, as do 10 de novembro de 2019, no marco do último debate de política xeral no Parlamento de Galicia, o 25 de setembro, Feijóo anunciaba na Cámara un aumento da contía da Tarxeta Benvida para as familias con tres ou máis fillos. Tamén anunciaba unha composición “máis completa” da denominada Cesta Benvida, un pequeno lote de produtos que a Xunta entrega como agasallo nos propios hospitais ás familias que acaban de ter bebés.

Publicidade da Xunta sobre a Tarxeta Benvida CC-BY-SA Xunta de Galicia

Esa Cesta Benvida comezara a repartirse inicialmente en agosto de 2016, un mes antes das eleccións galegas daquel setembro, replicando cun moito menor alcance a denominada caixa finlandesa pero incluíndo, no caso da galega, unha carta ás familias asinada polo propio Feijóo.

Tamén un mes antes das eleccións de 2016 lanzou a Xunta o Bono Coidado, unha bolsa de horas de complexa tramitación coa que paga parte do que as familias gasten en atención a domicilio dos menores e que agora amplía polo peche dos centros de día

Tamén aquel agosto de 2016, ás portas das eleccións, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a primeira convocatoria do denominado Bono Coidado, pensado para contribuír aos custes imprevistos cando un neno menor de 12 anos, un proxenitor ou un familiar que o teña ao cargo estean enfermos ou cando os últimos por cuestións laborais sobrevidas non poidan coidar do menor. A Xunta paga unha porcentaxe do custo dese servizo contratado ata un máximo de 80 horas ao ano e tras un complexo sistema de solicitude primeiro do dereito a dispoñer do Bono Coidado e despois de xustificación a posteriori dos cartos destinados a contratar os servizos. O resultado é que, malia que a Xunta agardaba que beneficiase apenas a unhas 1.600 familias, nos últimos anos non pasaron duns poucos centos.

Ese Bono Coidado vén de ser reformulado agora por completo e a Xunta destinarao a paliar o peche de escolas e centros de día ofrecendo ata 500 euros ao mes ás familias para que contraten profesionais para eses servizos a domicilio.

Publicidade do Bono Coidado da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Novamente ás portas dunhas eleccións a Xunta anuncia tamén unha tarxeta moedeiro para que familias necesitadas compren comida durante tres meses

Novamente ás portas dunhas eleccións, e xunto co anuncio do denominado Bono Coidado Extraordinario e a ampliación da Tarxeta Xente Nova, a Xunta tamén vén de presentar outro bono e outra tarxeta precargada. O primeiro, o denominado Bono Solidario, para que persoal sanitario gaste ata 250 euros na hostalería galega, recibiu críticas dos seus destinatarios, que reclaman que o Goberno galego mellore as súas condicións laborais en vez de darlles o que cualifican como propina, e o conselleiro de Sanidade desmarcouse del e responsabilizou ao departamento de Turismo. A segunda, unha tarxeta moedeiro que xestionará en colaboración coa Cruz Vermella para que as familias con necesidades poidan gastar entre 150 e 300 euros ao mes en produtos de primeira necesidade durante tres meses, un prazo que a Xunta xustifica mentres esas persoas non teñen acceso á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ou o Ingreso Mínimo Vital que vén de crear o Estado e cuxo alcance Feijóo minimiza.

A Xunta ten en funcionamento outras varias tarxetas e bonos, pero esa denominación non supón en todos os casos que teñan un funcionamento de precarga con cartos públicos a disposición dos usuarios como os anteditos senón que se asemellan máis a unha subvención, como as tarxetas de transporte público para adultos grazas ás que se obteñen rebaixas no prezo dos billetes ou o denominado Bono Concilia co que a Xunta subvenciona parte do custo de escolas infantís privadas ás familias que non obtivesen praza nunha pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.