A data na que foi fixado o derradeiro debate de política xeral da lexislatura galega anticipaba que ía estar inevitablemente marcado polo contexto estatal e, nomeadamente, pola convocatoria das novas eleccións xerais por falta de acordo para formar o novo Goberno de España. Así o anticipara o PP e así o ratificou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando apenas transcorreran uns poucos minutos do discurso co que abriu a sesión. Non ía poder expoñer a situación política galega e os seus plans de futuro sen antes "avaliar as consecuencias da parálise" no Executivo central.
"Vémonos prexudicados pola inestabilidade crónica de España, porque Galicia é España", proclamou o presidente para debuxar un panorama estatal de "permanente pugna electoral" e "expectativas partidistas" que chegan a "pervertir as institucións". Todo, acusou, por culpa dun Pedro Sánchez a quen mesmo atribúe a "manipulación do calendario electoral" no último ano ata conducir España á "peor crise política da democracia".
O presidente da Xunta atribúe a Pedro Sánchez a "peor crise política da democracia" nun discurso marcado pola contraposición da súa xestión coa do Goberno de España e por un calculado distanciamento coa actual cúpula do PP estatal
Co marco trazado, o dunha "parálise" estatal promovida polo PSOE, o titular do Goberno galego trazou a principal idea forza da súa intervención. "Quero para España o exemplo que damos os galegos", o que dá a Xunta, porque "por riba de todo son persidente de Galicia e nunca fun nin serei refén de ningún partido, nin sequera do meu", dixo no que pode ser lido como un afastamento da liña oficial marcada pola cúpula de Pablo Casado.
Nese afastamento tamén é posible encadrar as referencias á loita contra a violencia machista, unha "realidade" que "non é aceptable negar" nin "diluír" noutros "problemas". "Ninguén dos que estamos aquí deberiamos negarnos que estamos comprometidos contra esta lacra", afirmou tras citar medidas contra a violencia de xénero aprobadas polo seu Goberno, pero tamén polo bipartito.
"Aspiro a preservar o modelo de Galicia", di Núñez Feijóo, un modelo "centrado" que converte o Executivo que dirixe nunha "excepción" porque, por exemplo, vai presentar os Orzamentos Xerais de 2020 "cumprindo o prazo legal", anunciou tras semanas a amagar coa posibilidade de non chegar a presentalos pola retención do financiamento estatal, os "700 millóns" que volveu reclamar neste pleno.
Feijóo fía a vindeira década ao éxito da "Galicia xacobea", que "ten que ser a mellor Galicia da historia para os galegos"
Dez anos despois de recoller o que definiu como "a peor das Galicias posibles", en referencia á xestión do Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009), Feijóo di estar en disposición de "abordar" a "Galicia da nova década", que estará marcada por tres Xacobeos", os dos anos 21, 27 e 32. "A Galicia xacobea da próxima década ten que ser a mellor Galicia da historia para os galegos", asegurou nun contexto no que, alén de mencións difusas ao contexto internacional, as únicas fontes de incerteza situounas no Goberno socialista de España. Porque "as galegas e os galegos si poden durmir tranquilos no que respecta á Xunta", proclamou no que semella pretender ser unha reformulación irónica das recentes declaracións de Sánchez sobre posibles pactos con Unidas Podemos.
Principais anuncios
Alén da confrontación co Goberno de España e da énfase en erixir a súa década na Xunta como "modelo" para o conxunto do Estado "fronte á parálise e ao desgoberno", a segunda principal liña do discurso de Feijóo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura pasou, como adoito, por varios anuncios máis ou menos concretos. Tras os recentes datos que confirmaron un novo mínimo histórico de nacementos no país, o presidente mantén que "adoptamos máis medidas ca nunca" de "apoio á natalidade" e "seguiremos por ese camiño".
A gratuidade das escolas infantís "a partir do segundo fillo" destaca entre os anuncios formulados por Feijóo no seu discurso
Neste sentido -e como xa avanzara o equipo de Feijóo a varios medios antes do pleno-, o presidente afirma que a Tarxeta Benvida (o cheque bebé impulsado pola Xunta nos últimos anos) será ampliado para que as familias que teñan "un terceiro fillo" reciban "2.400 euros anuais dende o seu nacemento e ata que faga os tres anos". Ademais, di, a coñecida como caixa finlandesa terá unha composición "máis completa". No ámbito da educación infantil, avanza, as escolas dependentes da Xunta serán "totalmente gratuítas para todas as familias" que logren praza nelas "a partir do segundo fillo" en 2020. A Xunta mesmo contemplaría a gratuidade total se "colabora" o "próximo Goberno central".
A incógnita sobre volver ser candidato
O presidente optou pola ambigüidade nas referencias ao seu futuro político
Alén das medidas máis concretas o discurso do presidente no derradeiro debate de política xeral da lexislatura estivo marcado, como xa sucedera na mesma sesión da lexislatura anterior, pola incógnita a respecto do seu futuro político. Non en van, ademais de reivindicarse implicitamente a si mesmo como "modelo" para España, o presidente expresouse con ambigüidade a este respecto. "O de menos é o futuro dos que estamos aquí" e "o de máis é que Galicia ten despexado o seu para os próximos doce meses", dixo no que semella unha referencia a esgotar a lexislatura.
Dito isto, non obstante, Feijóo agregou algo máis. O "reto" é "garantir un futuro certo para os próximos doce anos" e para isto "as galegas e os galegos poden contar coa Xunta de Galicia e poden contar comigo" porque "non hai maior honra que servir a Galicia". A incógnita segue sobre a mesa e os grupos da oposición tentarán despexala en cadanseus discursos. Nunha primeira avaliación do discurso de Feijóo xa anticiparon a súa conclusión: para PSdeG, Común da Esquerda, BNG e o Grupo Mixto conformado por membros de En Marea, este non é só o derradeiro debate da lexislatura, senón tamén o derradeiro de Feijóo como presidente tras unha "década negra".