Este martes comeza o derradeiro debate de política xeral da décima lexislatura galega. A sesión estará inevitablemente marcada por cadrar, segundo o pedido pola Xunta e aprobado polo PP, pola convocatoria de novas eleccións xerais para o 10 de novembro polo fracaso da investidura do socialista de Pedro Sánchez. Pero tamén polo feito de que as forzas políticas avaliarán dende cadansúa perspectiva a década transcorrida dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á Presidencia e, ao tempo, a existencia ou non dunha alternativa pola esquerda nas eleccións ao Parlamento previstas para 2020.
Feijóo tentará facer esquecer os últimos malos resultados electorais do PP poñendo o acento en que "Galicia conta con estabilidade" grazas ao seu Goberno, que contrapón co de Pedro Sánchez
Pola banda do PP o bloqueo político para a formación do Goberno de España osixénalle o marco do debate a un Feijóo que, de ser investido Sánchez, chegaría politicamente máis atribulado tras os malos resultados electorais das xerais de abril, nas que foron superados polo PSdeG por primeira vez; e das municipais de maio, cando apenas lograron o empate técnico cos socialistas. Pero Feijóo tentará facer esquecer ambos golpes poñendo o acento en que "Galicia conta con estabilidade" grazas ao seu goberno e se esta se ve "afectada" é por "materias alleas á comunidade galega", avanzou o voceiro popular, Pedro Puy.
O financiamento estatal pendente -que o Ministerio de Facenda se comprometeu a desbloquear despois de confirmarse a repetición electoral- ou a "inestabilidade económica" da que culpan tamén ao Goberno do PSOE serán algunhas das ferramentas de confrontación dun Feijóo que, segundo veu avanzando, procurará amosar un plan para a Galicia da vindeira década. No seu discurso terá especial protagonismo o Xacobeo 2021 e os dous seguintes -o que o presidente denomina como "era xacobea" de "5.000 días"- e tamén, bosquexou o PP, anuncios sobre "a cuestión demográfica" en materias de axudas ou equipamentos para a infancia.
Sobre o Pazo do Hórreo pairarán a incerteza sobre as novas eleccións xerais e a respecto de se Feijóo recuncará ou non como candidato do PP en 2020
Sobre o Pazo do Hórreo, así e todo, pairarán interrogantes que condicionarán forzosamente a que será segunda gran avaliación do debate: a da existencia dunha alternativa pola esquerda. Un ten que ver co que acontecerá nas eleccións xerais do 10N, nas que unha recuperación notable do PPdeG arrefriaría as expectativas de cambio na Xunta para 2020. O outro, intimamente relacionado co primeiro, refírese á decisión de Feijóo sobre optar ou non a unhas cuartas eleccións como aspirante á Presidencia.
Estrea de Caballero
O líder do PSdeG procurará facer ver que rematou a xeira de Feijóo no poder e presentarase como aspirante a encabezar unha "maioría progresista" no país nas vindeiras eleccións galegas
Ambas cuestións estarán sobre a mesa e condicionarán o discurso de quen é a principal novidade do debate, o socialista Gonzalo Caballero. O secretario xeral do PSdeG participa nun gran debate parlamentario por primeira vez e faino, ademais, dende a condición de líder da primeira forza da oposición, lugar simbólico que os socialistas recuperaron tras a ruptura do antigo grupo de En Marea. Dende o Grupo Socialista avanzan que a súa intención será facer "balance dos dez anos de xestión de Feijóo" e, especialmente na media década transcorrida dende o peor da crise económica. Todo isto sinalando que chegou a "fin do ciclo" do PPdeG.
Xa "non é posible escudarse noutros, centrifugando as responsabilidades e utilizando a retórica como forma de ocultación", din dende o PSdeG. Alén do balance de xestión Caballero tentará afastar o debate da cuestión do financiamento autonómico que Feijóo, acusa, utiliza como elemento de "confrontación" co Goberno central. Ao tempo, procurará identificar o líder popular coa dirección do seu partido e o escoramento dereitista que, sinalan, foi materializado nos pactos autonómicos e municipais con Vox. E a si mesmo, coa forza que pode encabezar unha "maioría progresista".
Comúns, BNG e Grupo Mixto
Pola banda do Grupo Común da Esquerda, marcado pola súa recente constitución tras a quebra de En Marea, as expectativas para o debate pasan por un discurso presidencial de "escapismo, publicidade e propaganda" e mais por un "uso partidista das institucións" que, di a deputada Luca Chao, ficou reflectido no propio adianto do debate para facelo cadrar coa confirmación da repetición electoral no Estado. A formación tentará amosar un "balance negro" da década de Feijóo, pero tamén para tentar facer ver no discurso de Antón Sánchez que hai "alternativas sólidas" aos populares coa vista posta nas eleccións de 2020, cara ás que aínda é unha incógnita como concorrerán as formacións que compoñen este grupo.
No que atinxe ao BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, observa o debate como "de grande transcendencia, porque será avaliada unha década de goberno de Feijóo", quen "deixa unha Galiza peor" que a que atopou. Feijóo, di a nacionalista, non debera "caer na tentación" de tornar "o debate do Estado na nación nun mitin que reduza a Galiza a ser teloneira dos intereses electorais de Pablo Casado", aínda que agarda que así sexa. Por iso, din, Pontón exporá que "no BNG temos un proxecto de futuro para Galiza" dende o convencemento de que este pode ser "o derradeiro debate de Feijóo" como presidente.
O derradeiro debate de política xeral será tamén o primeiro da lexislatura dende a creación do Grupo Mixto, liderado por Luís Villares. O tamén líder de En Marea tentará marcar perfil de seu na primeira intervención parlamentaria de relevancia tras a ruptura, reivindicando unha "axenda política propia" para Galicia e poñendo o acento nas cuestións ambientais, como vén facendo nos últimos meses. O pano de fondo tamén será, non obstante, a convocatoria das xerais.