O oficialmente denominado como debate de política xeral e popularmente coñecido como "debate do estado da autonomía" ou "da nación" é unha das escasas ocasións nas que a atención mediática e -en menor medida- cidadá vira cara ao Parlamento de Galicia. As sesións que compoñen este debate son, a priori, as politicamente máis relevantes xunto ás do debate de orzamentos. O vindeiro mes de outubro o lexislativo galego acollerá o vixésimo segundo debate de política xeral da historia da autonomía e xa é practicamente seguro que no 2016 non o haberá, así como en ningún outro ano no que se celebren eleccións autonómicas.
A comezos do pasado agosto o Parlamento aprobaba o seu novo Regulamento, que saíu adiante cos votos dos grupos popular e socialista. O novo texto que rexe o funcionamento da Cámara inclúe referencia explícita aos debates de política xeral, que institúe con periodicidade anual, aínda que deixando fóra os anos electorais. "Con carácter anual -di o novo texto- o pleno celebrará o debate sobre política xeral da Comunidade Autónoma de Galicia". "Non haberá lugar a celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou presidenta da Xunta de Galicia".
A lei coa que se modifica o Regulamento da Cámara implicaba a reforma doutro texto normativo, a lei reguladora da Xunta e da súa Presidencia. Esa modificación, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia, blinda definitivamente a persoa titular da xefatura do Goberno de ter que comparecer nun debate deste tipo en ano de eleccións: "A Xunta solicitará anualmente no Parlamento, ao comezo dun dos períodos de sesións, a celebración dun debate de política xeral. Non haberá lugar a celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta", reproduce.
O DOG publica este venres a modificación da lei da Xunta e a súa Presidencia, reformada polo novo regulamento do Parlamento
Unha interpretación literal desta nova regulamentación implicaría que o debate de política xeral non puidese celebrarse despois das eleccións. Así, por exemplo, se os comicios son en outubro non habería lugar unha sesión deste tipo en novembro ou decembro -. Esa celebración sería, por outrabanda, practicamente imposible, dados os prazos da investidura.
No entanto, unha amplicación un chisco máis ampla do texto permitirá, por exemplo, que en 2016 o actual presidente non teña que someterse a un debate destas características por ser o derradeiro ano da lexislatura e, polo tanto, estar previsto que se produza a elección e nomeamento dun novo presidente ou presidenta da Xunta. Así as cousas, no hipotético caso de que Alberto Núñez Feijóo non fose o candidato do PP nos vindeiros comicios, evitaría a defensa da súa xestión ante a oposición xusto antes de que outra persoa sexa o cartel electoral dos conservadores.