Durante este mes de setembro a Xunta está a tramitar un novo contrato para a "adquisición de medios exteriores para accións de comunicación institucional". No proceso, que a Secretaría Xeral de Medios tramita dende finais de agosto, cinco axencias de publicidade compiten por se facer cun contrato para o que o Goberno galego reserva ata 399.996,96 euros cos que quere reservar espazos para incluír as súas campañas de publicidade e propaganda en soportes como valos e pantallas dixitais, a maior parte delas no ano electoral de 2020.
A diferenza de anteriores contratos, o Goberno galego aposta tamén por levar as súas accións publicitarias aos autobuses urbanos das principais cidades do país, soporte que xa empregaran algúns dos seus departamentos, como a Axencia Turismo de Galicia. Cun orzamento uns 80.000 euros maior ao que puxo sobre a mesa, por exemplo, cando lanzou un contrato semellante -pero sen autobuses- ás portas do ano electoral de 2016, este departamento da Presidencia da Xunta sinala na documentación do contrato que o goberno é "necesariamente, suxeito e obxecto de información e valoración política" pero tamén "responsable último da Xunta". Por iso, explica, divulga campañas publicitarias que "están ao estrito servizo das necesidades e intereses dos cidadáns".
A Secretaría Xeral de Medios, dependente da Presidencia, está a tramitar un contrato co que prevé destinar ata 399.996 euros á adquisición de espazos publicitarios como valos nas principais cidades, nas que agora tamén rotulará autobuses
Neste sentido, agrega a Secretaría Xeral de Medios, con este contrato pretende que "toda a información" con "mensaxes de interese para os cidadáns" poida chegar "a todos os cidadáns galegos". Por iso solicita ás axencias que lle proporcionen ata 71 valos publicitarios ao mes durante un ano, dos que entre o 50% e o 75% estarán nalgunha das sete principais cidades. Pide tamén outros dous espazos mensuais de "gran formato" -como monopostes, fachadas de edificios ou valos de ata 16 metros- en "dúas das sete cidades galegas de maior poboación". Tamén contratará anuncios de "actualización quincenal" en catro pantallas dixitais ao mes que estean en "polo menos, tres das sete cidades de maior poboación".
A todos estes soportes únense, desta volta, os devanditos autobuses. A Secretaría Xeral de Medios explica ás empresas que compiten polo contrato que terán que "xestionar os espazos publicitarios de dous autobuses urbanos con rotulación integral da traseira e dos laterais". O Goberno de Alberto Núñez Feijóo pide dispoñer de dous autobuses urbanos cada mes, podendo cambiar mensualmente de campaña para rotulalos, e que estes circulen "polo menos, en dúas das sete cidades galegas de maior poboación". As empresas deben detallar na documentación achegada "o percorrido que cobre a liña ofertada".
A Xunta prevé que o contrato dos espazos publicitarios dure doce meses, once deles en 2020
Estes son os trazos xerais dun contrato que reduce un chisco os valos a respecto de anteriores contratacións (105 no período 2016-17 e 90 no 2018-19, por exemplo) e que introduce as campañas de publicidade ou propaganda da Xunta nos autobuses urbanos para o ano electoral. Non en van, a propia documentación do contrato especifica que, dos doce meses que Medios prevé abarcar con esta acción, só un deles será en 2019 -isto é, decembro- e os once seguintes, en 2020. A partida dos Orzamentos Xerais da que sairán os case 400.000 euros que Presidencia reserva para esta contratación é a de "programas de comunicación social", que neste 2019 tiña unha dotación inicial de 1,5 millóns de euros.
Outra lexislatura sen lei de publicidade institucional
Antes das eleccións de 2009 e despois das de 2012 Feijóo prometeu regular por lei a publicidade institucional da Xunta, pero nunca sucedeu
Esta nova contratación chega na recta final dunha lexislatura que, como as anteriores, volverá rematar sen que a Xunta envíe ao Parlamento para a súa aprobación a lei de publicidade institucional que o PP galego prometeu en numerosas ocasións. Non en van, no programa electoral que Feijóo defendeu na campaña tras a que logrou ser presidente por primeira vez, hai unha década, os populares manifestaban o compromiso de "aprobar unha Lei de Publicidade e Comunicación Institucional da Xunta de Galicia" porque "a política de comunicación institucional debe estar sometida á lei".
O que era unha promesa para compensar o incumprimento do Goberno de PSdeG e BNG nesta mesma materia acabou sendo un incumprimento adicional. Tras retornaren á Xunta, os conservadores aseguraron que consideraban "urxente" impulsar esa lei, que o propio Feijóo volveu prometer tras revalidar o poder nas eleccións de 2012. En 2016 a promesa xa desapareceu do programa electoral do PPdeG e o Goberno galego tampouco a menciona na relación de lei que di ter previsto aprobar ata o final do presente mandato.