0 Gardados para despois

Feijóo volve prometer a lei de publicidade institucional e desdeña un novo Estatuto

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


É un verdadeiro clásico. Con diferenzas na formulación, cando menos os tres últimos gobernos autonómicos comezaron os seus mandatos incluíndo entre as súas promesas a elaboración e aprobación dunha lei de publicidade institucional, isto é, estipular no marco xurídico autonómico as normas que rexen a elaboración e difusión de publicidade e propaganda oficiais, así como a relación da Xunta cos medios de comunicación. Os dous exemplos máis recentes deste clásico son o pacto de Goberno no que se asentou a coalición de PSdeG e BNG e as reiteradas promesas que, no mesmo sentido, viñeron formulando Alberto Núñez Feijóo e o actual vicepresidente, Alfonso Rueda, ao longo da pasada lexislatura. No inicio do novo mandato o Executivo do PP presenta o seu "calendario lexislativo", as leis que prevé levar adiante, e a de publicidade institucional aparece por enésima vez.

Considerada como "urxente" por Rueda poucos meses despois de que o PP retornase ao poder en 2009 desta volta Feijóo, que presentou o calendario tras a reunión semanal do Consello da Xunta, deulle menos énfase ao anuncio. Ben ao contrario, limitouse a mencionar a norma no medio de arredor dunha corentena de normas. Nomeadamente, esta lei ficou relegada ao último treito da exposición presidencial. "Hai outras leis que entendemos que son necesarias aprobar, como a lei de publicidade institucional, a lei do Consello Consultivo, a Lei do Panteón de Galicia" e tamén outra das que se prevé máis polémica: "a reforma da lei de eleccións ao Parlamento de Galicia para a diminución do número de deputados conforme ao Estatuto de Autonomía", isto é, pasar de 75 a 61 membros do lexislativo galego.

Feijóo segue adiante co seu plan de reducir a composición do Parlamento de 75 a 61 deputados

O devandito Estatuto é, precisamente, o que Feijóo non ten pensado tocar no seu segundo período en San Caetano. Despois de prometelo hai catro anos e manter ata o ecuador da lexislatura que levaría adiante a reforma frustrada en 2007, desta volta o presidente admite o que no seu roteiro non está, en absoluto, abrir este debate. "Neste momento o Goberno non te prevista unha modificación da lei orgánica do Estatuto de Autonomía", recoñece, nun contexto no que, asegura, a súa aposta é "aplicar" a vixente norma fundamental da autonomía.

Prometidos a lei de publicidade e o recorte parlamentario e desdeñada a reforma estatutaria, o resto do paquete lexislativo ten, segundo Feijóo, "dous obxectivos": "non caer na hiperlexislación e primar o cualitativo". Como xa aconteceu nos últimos anos, boa parte da produción de leis do Executivo irá orientado a modificar normas de Gobernos anteriores, aínda que cunha salvidade: desta volta é o propio presidente quen o admite. "Case a metade das corenta leis que temos previsto aprobar nos catro anos consistirán na modernización de textos que leven máis de dez anos de vixencia". Trátase, asegura, de "actualizar as leis", unha vontade que nos máis dos casos se limita a "introducir as modificacións europeas e estatais" que veñen dadas.

Neste contexto, o conservador anuncia normas "de claro contido económico" como a lei de innovación, unha nova lei da minaría, a de cámaras de comercio, a de aforro eficiencia enerxética ou a de economía social. No ámbito social proponse sacar adiante a prometidísima lei de garantías de prestación sanitaria ou a lei de inclusión social -xa anunciada na pasada lexislatura-. Pola banda administrativa, di, chegarán ao Pazo do Hórreo normas como a de "racionalización da administración pública", a do estatuto do empregado público ou unha nova regulamentación do réxime financeiro da propia Administración autonómica.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Dimite a 'número dous' de Beatriz Mato

O Consello da Xunta deste xoves tivo tamén sobre a mesa a dimisión da secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz, ou, o que é o mesmo, a marcha do Executivo da número dous da titular do departamento, Beatriz Mato. Nun período convulso para a consellería, que se dispón a executar o primeiro despedimento colectivo da historia da administración autonómica, Feijóo asegura que a marcha de Ortiz "nada ten que ver con decisións que se poidan formular".

A dimisión, asegura, é "unha decisión persoal de conciliar a vida familiar" por parte da alto cargo, letrada da Seguridade Social de profesión. Feijóo afirma que "hai tempo que nolo comunicou" e o relevo non se produciu ata que "atopamos unha persoa que nos parece que a pode suplir". A súa substitua será María Jesús Lorenzana, "unha asesora xurídica nova, de 31 anos", que é letrada da Xunta "por oposición" dende o ano 2007.