Despois de que o propio Feijóo admitise que “a Xunta non foi capaz de cumprir” coas súas previsións para remitir novas normas ao Parlamento de Galicia, o portavoz popular na Cámara salienta o traballo que alí se fai
O pasado xaneiro o presidente Feijóo admitiu que “a Xunta non foi capaz de cumprir” coas súas propias previsións sobre as novas leis que o Goberno galego prometeu enviar nos últimos anos ao Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación. Pola contra, este luns o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quixo poñer en valor a produción lexislativa da Cámara galega salientando as cinco leis que xa se aprobaron nela no que vai de ano. Tres desas cinco leis xa foran prometidas polo Goberno galego para 2017 e a súa aprobación non chegou ata dous anos máis tarde.
O portavoz parlamentario do PP centrou a súa habitual rolda de prensa dos luns en salientar que “o Parlamento de Galicia é dos que ten máis intensidade de traballo e a oposición máis capacidade de control”. E enumerou as cinco leis aprobadas no que vai de ano: de ordenación farmacéutica, de administración dixital, de patrimonio natural, de rehabilitación e de suplemento de crédito para actuacións prioritarias. Delas, as tres primeiras foron prometidas polo Goberno galego xa para 2017 mentres que a cuarta foi aprobada a comezos deste ano tras ser anunciada para 2018 e a quinta non foi incluída nas previsións lexislativas da Xunta, cuxo presidente adoita gabarse da previsibilidade do seu propio Goberno. O atraso na aprobación desas normas, en liña co dito por Puy, aínda que a súa intervención non semellaba ser crítica co Goberno galego, non é responsabilidade do Parlamento senón da Xunta, que se demorou no envío dos seus proxectos de lei á Cámara para que esta os convertese despois en leis.
A Xunta ten aínda sen aprobar para a súa remisión ao Parlamento dous proxectos de lei prometidos orixinalmente para 2017 e novamente para 2018
Na súa intervención Puy tamén lembrou que “na actualidade, e á espera dos proxectos que o Goberno ten informado que remitirá á Cámara, están en trámite os proxectos de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e o de aproveitamento lúdico das augas termais”. Nos dous casos, as dúas normas foron prometidas pola Xunta para 2018. De feito, a Xunta ten aínda sen aprobar para a súa remisión ao Parlamento dous proxectos de lei prometidos orixinalmente para 2017 e novamente para 2018, o da lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e o da lei de emprego.
En 2018 o galego foi, con só tres leis aprobadas en todo o ano, o parlamento autonómico con menor produción de todo o Estado, empatado con Catalunya
Este luns Puy salientou que, á marxe das leis, na Cámara galega a maioría das iniciativas que se debaten parten da oposición, o que interpretou como unha maior capacidade de control da Xunta por parte do resto de partidos. Segundo dixo, os membros do Goberno galego compareceron “2,3 veces cada día da presente lexislatura”. Todos eses datos levaron a Puy a asegurar que o Parlamento galego é “o que ten máis intensidade de traballo”. Porén, no estrito ámbito lexislativo en 2018 o galego foi, con só tres leis aprobadas en todo o ano, o parlamento autonómico con menor produción de todo o Estado, empatado con Catalunya. Tras constatarse en anos anteriores os sucesivos incumprimentos das súas propias promesas, este 2019 o Goberno galego deixou de facer públicas as súas previsións normativas.
Situación das previsións de novas leis por parte da Xunta
Leis prometidas para 2017 xa aprobadas
- Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía
- Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
Lei 8/2017, do 26 de decembro, de Orzamentos para 2018 - Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas
- Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
- Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica
- Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital
- Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade
Leis prometidas para 2018 xa aprobadas
- Lei 2/2018 de Orzamentos para 2019
- Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas
- Lei de medidas de garantía do abastecemento e calidade da auga en episodios de seca e outras situacións excepcionais (proxecto aprobado pola Xunta para a súa remisión ao Parlamento o pasado 1 de agosto pero pendente de tramitación na Cámara)
- Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais (proxecto aprobado pola Xunta para a súa remisión ao Parlamento o pasado 4 de xullo pero pendente de tramitación na Cámara)
Leis prometidas para 2017 e novamente para 2018 pero aínda non aprobadas
- Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei de emprego
Leis prometidas por primeira vez para 2018 aínda non aprobadas
- Lei de impulso demográfico
- Lei reguladora dos xogos e apostas
- Decreto lexislativo para un texto refundido da lei de cooperativas
Leis aprobadas sen que fosen previstas pola Xunta
- Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2017)
- Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social (impulsada polo grupo do PP, non pola Xunta)
- Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica (impulsada por unha iniciativa lexislativa popular, non pola Xunta)
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2018)
- Lei 3/2018 de medidas fiscais e administrativa (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2019)
- Lei 2/2019, do 9 de maio, pola que se concede un suplemento de crédito para o reforzo de actuacións prioritarias para o ano 2019
Lei aínda en tramitación pola Xunta sen que fose prevista
- Anteproxecto da Lei de ordenación do territorio de Galicia