Un dos grandes titulares da noite electoral do 26M foi o esborralle das mareas municipais nas cidades nas que emerxeran directas ao goberno en 2015: A Coruña, Santiago e Ferrol. Outro, ligado con este, foi a perda de poder urbano do PP, que nun episodio inédito non deu entrado no xogo da alternancia dos gobernos das cidades xa fose por empeorar resultados -A Coruña, Santiago, Ourense-, por non mellorar dabondo -Ferrol, Lugo- ou por afondar nunha desvantaxe sideral -Vigo-. Outro máis, a imposibilidade de regresar ás deputacións que perdera e o que, de consumarse, será un terremoto político de seu: a fin da maioría absoluta dos Baltar en Ourense.
Estes focos de atención, unidos á dinámica estatal, deixaron nun segundo plano o resultado global galego dos dous comicios celebrados en Galicia o 26 de maio, municipais e europeos. Ambos prenderon alarmas na sala de máquinas do PP e deron azos pola banda esquerda, moi especialmente no PSdeG, cara a unha carreira cara á Xunta de inminente saída. Non en van, a porcentaxe de apoio aos conservadores en ambas citas fíxoos retroceder aos tempos da vella Alianza Popular, o partido que Manuel Fraga refundou para convertelo no PP.
O 26M fixo volver prender as alarmas no PPdeG por segunda vez nun mes; o PSdeG superounos en votos nas europeas e quedou a menos dun punto de facelo nas municipais
Un mes despois de que, nas xerais do 28A, o PSdeG fose a forza máis votada en Galicia nunhas eleccións por primeira vez na súa historia -ou, o que é o mesmo, un mes despois de que o PP non tivese tal condición desde que foi fundado-, a historia repetiuse na votación á Eurocámara e estivo a piques de facelo na dos concellos. Os socialistas quedaron case catorce puntos por diante do PP en Galicia nas europeas (35,05% fronte a 29,81% dos votos, segundo o reconto provisional) e foron superados polos de Feijóo nas municipais por unha estreita marxe de menos dun punto (33,35% PP, 32,76% PSdeG).
No caso das municipais o ascenso do PSdeG ten varias fontes. Entre as máis destacadas, a recolleita de voto perdido polas mareas municipais e o éxito de Abel Caballero en Vigo. Estes e outros factores encadrados na vaga iniciada nas xerais catapultounos a niveis de voto na contorna do 35%, inéditos dende os tempos de Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero, pero cunha diferenza: daquela, cando máis preto estiveran do PP tíñano 4 puntos por diante e agora xa o deron superado dúas veces.
Os populares quedan tamén por baixo do nivel de apoio cidadán acadado no que ata agora fora o seu maior devalo dende a vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas de 2009, o ciclo electoral das europeas de 2014 ás xerais de 2015. Daquela quedaran na contorna do 35%, o que na cúpula conservadora se interpretara como un risco real de perder a Xunta toda vez que entre En Marea como coalición -na altura, segunda forza- e o PSdeG superaban o 46% dos sufraxios.
Nos comicios deste 2019 o voto da esquerda superou o 50% e o do PPdeG non chegou ao 35%; o PSdeG regresa a niveis de tempos de Zapatero e Touriño, pero daquela nunca superara o PP
Ese mesmo limiar, do 46%, é o que superaron nas pasadas municipais os votos dos socialistas agregados aos do BNG, que malia descender un chisco con relación aos anteriores comicios locais, si ascende a respecto das galegas de 2016 e as xerais deste mesmo ano. Sumando os das tres grandes mareas ata agora gobernantes na Coruña, Santiago e Ferrol e as candidaturas ligadas a En Marea a porcentaxe achégase ao 50% no conxunto de Galicia. Os sufraxios obtidos polo PSdeG (494.526), o Bloque (187.894), as listas abeiradas por EM (22.289), Marea Atlántica (25.290), Compostela Aberta (10.651) e Ferrol en Común (10.249) chegan a superar os 750.000, mesmo os 760.000 tendo en conta a ascendente Alternativa dos Veciños. Mentres, o PP ficou en 503.000, que chegan a 532.000 sumando a Ciudadanos.
Se atendemos ao 28A, a agregación dos resultados do PSdeG, En Común, En Marea e BNG supera o 55%. A diferenza con relación a hai catro anos é que, fronte a estas sumas da esquerda, o PP non chegou ao 30% nas xerais e nas municipais, sen excesiva competencia viable pola dereita, quedou no 33%.
En eleccións galegas o PP nunca baixou do 40% na media galega coas súas actuais siglas. O seu menor nivel de apoio dende a refundación foi en 1989, un 44% que lle serviu para bater o daquela presidente da Xunta, o socialista Fernando González Laxe, cunha axustada maioría absoluta. A cota máis alta en comicios ao Parlamento logrouna Fraga en 1997, achegándose ao 53% dos sufraxios. Polo momento descoñécese cando os populares porán a proba ese nivel de apoio nos comicios galegos nin se o farán con Feijóo á súa fronte. Fronte ao PP estarán, con toda probabilidade, o socialista Gonzalo Caballero e a nacionalista Ana Pontón. Resta saber tamén como e con quen concorrerán as formacións noutrora agrupadas en torno a En Marea.
Gonzalo Caballero dá por aberto "un novo tempo político no país" porque "a cidadanía dixo 'non' a Feijóo en abril e volveullo dicir en maio"
Estes números, unidos ao poder territorial que gañarán a partir do vindeiro xuño en vilas e cidades -ademais de manter cando menos tres deputacións- levan a dirección do PSdeG a dar por aberto "un novo tempo político no país", en verbas de Gonzalo Caballero. "Estamos moi satisfeitos" porque "a cidadanía galega volveu dicir non a Feijóo nas urnas", afirma o secretario xeral dos socialistas, para quen "o mapa dos resultados" do 26M permite "ver que existe unha maioría social de progreso e de esquerdas" en Galicia. "Dixéronlle 'non' a Feijóo en abril e volvéronllo dicir" e por iso, afirma, "imos traballar arreo para reeditar" o "cambio de ciclo" nas autonómicas que, agás en caso de adianto, se celebrarán en 2020.
Pontón tamén ve "un cambio de ciclo" e di estar convencida de que "comezou a conta atrás do PP" en Galicia
O BNG, pola súa banda, concorda coa análise de que "estamos ante un cambio de ciclo político". Para a súa portavoz nacional, Ana Pontón, os resultados das municipais ratifican o "avance" da súa formación, á que ve en condicións de impulsar un "novo tempo político" e "deixar atrás un decenio nefasto para Galiza". "Comezou a conta atrás do PP e o BNG será protagonista, cun proxecto sólido e unido para o cambio nas próximas eleccións galegas", afirma.
Feijóo, mentres, afirmou nunha primeira valoración que malia ter "máis apoios que o PSOE en Galicia" nas municipais e "máis porcentaxe de votos que o PP" no conxunto do Estado, o resultado do 26M estivo "lonxe de ser o desexado" e "polo tanto, traballaremos arreo para seguir sendo a forza política de referencia dos galegos", afirmou na noite electoral.