"Falar con Cacharro" significou todo durante décadas en Lugo porque o poder personificado era o presidente da Deputación. Gran facedor para uns, cacique para outros, só cedeu o bastón de mando cando o obrigaron as confabulacións do PP que despois perdeu a institución e agora o homenaxea no décimo aniversario da súa morte
"Falar con Cacharro". Durante décadas, na provincia de Lugo estas tres palabras podían significalo practicamente todo. Que un alcalde -do PP, obviamente- lograse un determinado investimento para o seu Concello, que a Xunta de Fraga fixese de vez esta obra, que aqueloutra empresa saíse dun atranco, que as festas de tal parroquia tivesen o esplendor que merecían ou que esta persoa achase un traballo. "Falar con Cacharro", con Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación por Alianza Popular e polo PP (o único que cambiara fora o nome, defendía) entre 1983 e 2007, era a porta a todo iso porque Cacharro era o poder político, institucional e fáctico personificado.
Érao ata niveis nos que o que realmente facía se mesturaba co mito. Co que a xente dicía que podía chegar a facer aquel mandatario con -contan testemuñas directas- mesa fixa diaria (acudise ou non) no daquela un dos mellores restaurantes da cidade da Muralla, La Barra, moi próximo ao Pazo de San Marcos -sede da Deputación- e ao lado do cal estivo aberto durante un tempo unha tenda todo a cen [pesetas] cuxos propietarios decidiran bautizar como Cacharriños, dando lugar a chistes e risos que só se manifestaban polo baixo no Lugo de finais do século XX.
Chegou, efectivamente, a existir un aquel de néboa lendaria en torno ao que para moitos era o gran facedor daquel Lugo: impulsor clave do Campus universitario ou conseguidor de infraestruturas impensables sen a súa man -o Pazo dos Deportes, por exemplo, financiado 100% pola Xunta con case 700 millóns de pesetas-. E, para outros, un dirixente afable no trato máis próximo se o vía conveniente, pero con man de ferro cara a propios e -sobre todo- alleos ou, sinxelamente, un cacique que só cedeu o bastón de mando cando o obrigaron as confabulacións internas impulsadas polo PP que empezaban a dirixir Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, o mesmo que agora, dez anos despois da súa morte, vén de dar en rehabilitalo.
Do 'Evanxeo segundo San Marcos' que rexía Lugo ata hai dúas décadas renegou a cúpula do PP de Feijóo e Rueda cando en 2006 remudaron a Cacharro como candidato á Deputación que acabarían gañando por primeira vez PSdeG e BNG
"Hai 25 anos dicíase na cidade que Lugo se rexía polo Evanxeo segundo San Marcos", ironizaba a mediados do pasado outubro Xulio Xiz, un dos colaboradores dos populares na homenaxe que lle tributaron este 5 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus lucense para, no aniversario do centro, simbolizar que Cacharro foi clave na súa creación e impulso. Ao acto acudiu Rueda canda a actual líder provincial da formación, Elena Candia, antigos cargos e mais familiares de Cacharro.
Dese Evanxeo renegou a dirección galega do partido de vez no verán de 2006. Un ano despois de perder a Xunta e escasos meses despois de substituír a Fraga, Feijóo (presidente) e Rueda (secretario xeral) ratificaron que o candidato a presidir a Deputación lucense tras as municipais de 2007 sería José Manuel Barreiro. O antigo fillo político de Cacharro era, na altura, vicepresidente do PPdeG, cargo creado ad hoc no proceso precongresual no que o principal afán do sector alcumado como do birrete -con José Manuel Romay Beccaría como principal padriño e referente- fora deixar fóra de xogo aos da boina representados por Xosé Cuíña. Nesa lonxitude de onda estaba tamén Cacharro, que non dubidara en enfrontarse con Fraga en innumerables ocasións. Aínda que sempre con "lealdade", reiteraba.
Pero Barreiro non foi presidente da Deputación en 2007. Quen remudou a Cacharro foi o socialista José Ramón Gómez Besteiro á fronte dunha coalición co BNG na primeira vez "dende os romanos" -como gustaba ironizar o actual líder do PSdeG- cun goberno progresista na institución. O impulso dunha esquerda que medraba en moitos municipios, que gobernaba no Concello de Lugo dende 1999 e na Xunta dende 2005 foi clave naquel cambio, pero algúns versículos do Evanxeo segundo San Marcos tamén apuntan a que Cacharro moveu fíos para que non funcionasen tan ben como noutrora certos resortes que lle garantiran a hexemonía electoral ao PP na provincia e, polo tanto, a Deputación durante tantos lustros.
O histórico barón atribuíra a súa saída a confabulacións internas e tamén ligou a conspiracións políticas a 'Operación Muralla', o caso xudicial do que acabou exonerado pouco antes de morrer e que o PP tamén empregou para renegar del e deixalo publicamente só
Perdida a Deputación, Cacharro aínda se permitiu suxerir en público que non desbotaba novas aventuras políticas á marxe dun PP de Lugo que modelara concello a concello pero que, dicía, xa non recoñecía como propio. Facíao mentres afirmaba abertamente que fora vítima de conspiracións internas concretadas por cargos como Barreiro, un "boneco dirixido por control remoto dende Santiago e Madrid", lamentara en declaracións a El Progreso no verán daquel 2007.
Unha conspiración política, consideraba, fora tamén a Operación Muralla, lanzada en 2006 polo daquela fiscal xefe de Lugo (pero non lucense), Jesús Izaguirre, acusando a Cacharro e parte do seu equipo de presuntas irregularidades en obras da Deputación. O histórico barón acabou exonerado meses antes da súa morte en 2015 ao non darse probado que cometese delitos como prevaricación.
Esa operación fora parte do argumentario utilizado polo PP para renegar del ata deixalo publicamente só e mesmo ter conflitos internos para renderlle tributo na hora do seu pasamento. O mesmo PP -mesmo, nalgúns casos, coas mesmas persoas- que na cita deste pasado mércores eloxiou de Cacharro calidades como a "estabilidade", "fiabilidade" ou o "rigor", en verbas de Rueda.
Rueda elévao agora a referente de "estabilidade" e "rigor" e Candia acrecenta que era "sabio, tolerante e bo" para dar por saldada a "débeda" e agradecer que a familia Cacharro evite o "rancor"
Cacharro era "sabio, tolerante e bo", acrecentou Candia. A máxima responsable orgánica do actual PP lucense dá por saldada unha "débeda". Dixo agradecer que a familia do antigo dirixente colaborase no evento e nas súas accións paralelas -unha exposición e un documental- sen "rancores".
O fillo maior, Francisco Cacharro Gosende -actual secretario do Concello de Ourense e antes, coordinador xeral no goberno de Gonzalo Pérez Jácome, entre outros cargos na Administración local-, deu a "ferida" por pechada ante a plana maior dun partido que fantasea con volver gobernar á Deputación e facelo, ademais, coa mesma folgura que nos anos do cacharrismo. O obxectivo, agás unha breve paréntese vía transfuguismo temporal no mesmo 2015-, resísteselles dende que en San Marcos non rexe o Evanxeo.