Lugo: Do primeiro cambio político "dende os romanos" ao conflito do hospital

Vista da Muralla © Turgalicia

RETRATOS DE CIDADE

O actual secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adoita chancear con que en 2007 converteuse no "primeiro presidente socialista" da Deputación de Lugo "dende os romanos". Algo antes, en 1999, Besteiro formaba parte do equipo que protagonizou un cambio que na cidade da Muralla moitos consideraron histórico. Na capital da provincia de Manuel Fraga e Francisco Cacharro Pardo unha coalición de socialistas e nacionalistas case paritaria -7 edís do PSdeG e 6 do BNG- lograba algo que poucos antes podía semellar ciencia ficción: desbancar o PP do goberno local e asentar un equipo progresista no consistorio. Á fronte daquela viraxe tocoulle estar a Xosé López Orozco, profesor de Filosofía do IES Lucus Augusti que se estreaba como candidato socialista á alcaldía e que, quince anos despois, volve optar a revalidar o cargo.

As maneiras profesorais e o certo ton episcopal que o acompañaba axudáronlle a Orozco a asentarse na cidade. Tanto que, despois de catro anos dunha coalición caracterizada pola boa avinza, as urnas ditaminaron que o rexedor socialista puidese gobernar cunha cómoda maioría absoluta ao sumar os tres edís que perderon os seus socios de goberno e outros tres que ata o momento ostentaba o PP, representado daquela na cidade por Manuela López Besteiro, a conselleira á que Fraga enviara á politicamente suicida misión de enfrontarse a Orozco. Nos anos da maioría absoluta o alcalde converteuse en referencia do seu partido en Galicia, e o mesmo se afanaba en tentar facilitar o terreo para o cambio político na Xunta que utilizaba as súas habilidades sociais para presentarlle persoalmente á veciñanza de Lugo a un descoñecido José Luis Rodríguez Zapatero.

Este contexto político foi o sustento de tres lustros nos que a cidade experimentou unha notable transformación, pero nos que tamén agromaron múltiples operacións xudiciais

Este contexto político, acrecentado no devandito 2007 coa saída de Cacharro da Deputación, foi o sustento de tres lustros nos que a cidade de Lugo experimentou un notable cambio, dende os seus accesos á culminación das peonalizacións, dende a creación de novos equipamentos municipais ao nacemento de exitosas festas como o Arde Lucus ou a recuperación de zonas degradadas durante décadas, como a antiga fábrica de FRIGSA, hoxe convertida nunha ampla zona de dotacións deportivas públicas. No entanto, os anos da transformación da cidade foron tamén os do agromar das múltiples operacións xudiciais que, dende os xulgados da praza de Avilés, converteron a Lugo en protagonista de titulares nada agradables.

A sórdida operación Carioca, que destapou unha escura trama de prostitución, a operación Campeón, que derrubou ás bravas a imaxe de quen era o empresario de maior éxito da cidade, e, sobre todo, a Operación Pokémon, aínda máis que aberta, convulsionaron a vida política e social da vella urbe romana. Durante moitos meses en Lugo falouse máis de teléfonos picados que do polbo do San Froilán e a desconfianza cundiu en moitas capas da vida política, social e empresarial. Polo camiño caeron referencias da política local como o peculiar Francisco Fernández Liñares, ex home forte do goberno local que recoñeceu ante a xuíza o cobramento de comisións ilegais, e foi imputado xudicialmente o propio alcalde no caso Campeón -imputación sustentada na declaración do presunto líder da trama e xa arquivada- e no Pokémon, no que confía ser igualmente exonerado, tal e como reiterou hai poucas semanas nunha entrevista neste diario

O conflito do hospital

O ciclo político aberto en Lugo en 1999 estivo a piques de ter o seu punto e final en 2011. Os avatares político-xudiciais, o desgaste de doce anos de goberno e a erosión que os últimos compases do Goberno Zapatero provocaba en calquera candidato socialista compuxeron un cóctel que lle devolveu ao PP de Jaime Castiñeira e José Manuel Barreiro a primacía na corporación municipal. No entanto, o pacto entre PSdeG e BNG permitiulle a Orozco manter o bastón de mando tras un período electoral no que Alberto Núñez Feijóo lanzou un órdago que despois tornaría en lastre: a inauguración, por todo o alto, do agardadísimo novo hospital.

O 26 de febreiro daquel ano, a tres meses das eleccións, o presidente da Xunta descubriu a placa inaugural do novo recinto hospitalario. Chamouse Lucus Augusti, optando así para nomealo polos devanditos romanos que disque non coñeceran goberno de esquerdas en Lugo e non por Rafael de Vega, o médico asasinado polos franquistas que proclamou a II República na cidade, como pedían varios colectivos lucenses. Naquel acto solemne Feijóo gabouse do "esforzo contrarreloxo" do seu equipo para pór en marcha o complexo que substituía o vetusto Hospital Xeral e prometeu a posta en marcha no HULA dos servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear. "Os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", dixo.

A promesa lanzada por Feijóo en 2011 pasou a ser a principal lousa do PP lucense

Aquela promesa pasou a ser, co tempo, a principal lousa do PP lucense. Catro anos despois do acto inaugural o servizo de hemodinámica, o que atende infartos, só funciona en horario de oficina -de luns a venres, de 8 a 3- e a radioterapia e a medina nuclear seguen pendentes dunha alargadísima licitación. Polo camiño houbo unha iniciativa lexislativa popular que o PP recortou no Parlamento e medrou a indignación na plataforma veciñal organizada para reclamar os servizos pendentes, a mesma que o día 21, a tres días das eleccións, sairá á rúa nunha manifestación que se prevé multitudinaria baixo o lema "que non che rouben o corazón".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.