Preacordo para descentralizar Medicina: UDC e UVigo terán unidades docentes

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA Xunta

Fumata branca. Polo momento. A Xunta e os reitores das tres universidades galegas alcanzaron un preacordo para a descentralización do grao de Medicina que se imparte na Universidade de Santiago (USC). Logo de meses de debates, disputas e diferenzas varias, as universidades da Coruña e de Vigo pasarán a contar con cadansúas unidades docentes —que se suman á tradicional de Compostela—, polo que cada hospital quedará vinculado ás súas respectivas universidades e a UDC e a UVigo poderán elixir un mínimo do 50% do seu novo profesorado. 

Os tres reitores e a Xunta anuncian un preacordo para a descentralización de Medicina en tres anos

O pacto supón que A Coruña e Vigo deixen en suspenso a petición forman que ambas as dúas fixeran para implantar a titulación de Medicina nos seus campus. Con todo, a UDC, como xa advertira nos últimos días, só apraza unha demanda que non retira. "Adíase e o documento ten que recoller as condicións na que esa proposta poderíase, máis que resucitar, poñer enriba da mesa", aclarou tras o anuncio do preacordo Ricardo Cao, reitor da institución coruñesa, que insistiu: "Iso non significa que non sigamos traballando nisto". "O acordo atrasa esa posible solicitude de titulación", engadiu Manuel Reigosa, o seu hómólogo na UVigo.

Facultade de Medicina, en Santiago de Compostela CC-BY-SA USC

Na proposta que a UDC lanzou esta mesma semana xa adiantaba a súa intención de suspender a súa demanda de título propio sempre que se cumprise o acordado e mentres non se pretendese implantar outra facultade de Medicina en Galicia, sinalando así posibles intencións parte dunha universidade privada. 

A Coruña e Vigo pasarán a contar con cadansúas unidades docentes, que se suman á de Comopstela, e cada hospital quedará vinculado ás súas respectivas universidades

O acordado este xoves supón que as tres universidades presentarán un "documento único" ao grupo de traballo que pula pola descentralización de Medicina, que se reunirá a semana vindeira. Nel establécese unha das condicións claves polas que pelexaban as universidades da Coruña e Vigo, en especial a UDC. As unidades docentes propias supón que moitos médicos e investigadores do CHUAC poidan no futuro exercer como docentes tendo as acreditacións requiridas, algo que agora non era posible. 

Ademais, como destacou Cao, supón que se asegure a "vinculación única de cada hospital á súa universidade territorialmente próxima, o mantemento das condicións dos institutos de investigación sanitaria das tres universidades xunto cos hospitais correspondentes". 

A descentralización levarase a cabo nos tres últimos cursos de grao (4º, 5º e 6º) e empezaría xa o vindeiro curso para completarse en tres anos, xa no 2028-29. Santiago asumirá o 50% da docencia teórica e práctica, sobre uns 200 alumnos, mentres que Vigo e A Coruña, a outra metade, arredor dun cento para cada unha. Ademais, as unidades docentes estarán compostas por persoa das tres universidades. 

Con todo, o cumprimento do acordado revisarase cada ano, unha condición tamén moitas veces reclamada pola UDC, quen deu lugar ao debate sobre Medicina logo de que o pasado mes de maio lanzara a súa intención de implantar o título propio en 2027

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA Xunta

Cao aclara que a UDC "adía" a súa demanda de título propio con este acordo, que "non significa que non sigamos traballando niso"

Xustificaba o seu reitor a iniciativa no feito de que o anterior acordo de descentralización da docencia clínica, aprobado hai xusto unha década, fora "aplicado moi timidamente" na maioría dos puntos e non cumprido noutros moitos. Porque mentres en 6º curso a descentralización foi total, nos outros dous cursos foi moi escasa. 

A cousa muda agora, malia que hai só unhas semanas había posturas que parecían difícil de moverse. "Estou seguro de que ningún dos catro que estamos aquí estamos contentos ao 100%, pero si no global", resumiu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que recoñeceu que todas as partes se viron obrigadas a ceder algo. 

"Os atrancos que tiñamos vannos permitir presentar un documento único e consensuado, que está baseado na formación de unidades docentes, tanto na Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago. Permitirá que haxa profesorado distintas categorías contratado polas universidades galegas", expresou Manuel Reigosa, reitor da UVigo. 

"Paso claro para a descentralización"

"O importante era buscar a mellor solución para a formación de médicos en Galicia, coa implicación de todo o sistema sanitario de Galicia, de todos os hospitais, e tamén das outras universidades, para a mellor formación do noso estudantado", engadiu Antonio López, reitor da UDC, que cualificou o preacordo dun "paso claro para a descentralización, creando dúas novas unidades docentes". Tamén avanzou que o texto acordado ten unha "cláusula de saída": non momento no que se incumpra ábrese a opción de titulacións propias na Coruña ou Vigo.

Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo © Cedida por Vigoé

Iso ó que queda agora: que se cumpra o acordado nun documento que aínda terá que ser ratificado por cada universidade. "Dialogar ata a extenuación, dixen hai meses; estamos dando un exemplo diso e de chegar a acordos", concluíu Cao sobre unha polémica aberta na pasada primavera, que propiciou un debate tan rico como inédito e que xa ten unha solución, polo menos temporal. Todos perden algo, pero todos gañan

A descentralización que parecía imposible chegou, culminando boa parte das expectativas da UDC e da UVigo, que nestes meses de tirapuxas encetaron de maneira oficial o proceso para a implantación da súa propia facultade. Primeiro desde A Coruña, que abriu unha espita pola que entrou tamén Vigo co apoio entusiasta dos respectivos alcaldes. Unha demanda que non seguirá adiante ata, como mínimo, 2028, tal e como desexaban Xunta e USC. Sempre a expensas de que se cumpra co pacto. Continuará. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.