A esquerda chama a evitar a "axenda ultra" e o PP sinala a "corrupción" no debate da TVG ás 9:30 da mañá

Rego, Conde, Otero e López, no debate moderado por Marta Darriba na TVG ás 9:30 da mañá CC-BY-SA TVG

PSOE, Fronte Ampla e BNG alertaron da "involución democrática" e en "recorte de dereitos" que suporía a chegada dun goberno de PP e Vox a España e reivindicaron o seu labor no Congreso —ou no executivo de coalición— a favor das clases populares e de Galicia fronte á "deriva" dun Partido Popular ao que reprocharon a asunción da "axenda ultra". 

Francisco Conde (PP) centrou as súas intervencións nas críticas á "corrupción" do PSOE e acusou a BNG e Fronte Ampla de "apoiala"

No debate organizado pola TVG este luns ás 9:30 da mañá, o cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo, Francisco Conde, chamou a evitar o "bochorno" de continuar cun goberno progresista liderado polo PSOE no Estado e centrou boa parte das súas intervencións en criticar a "corrupción" dos socialistas "apoiada polo BNG e a Fronte Ampla". "O único medo que hai é a este goberno corrupto", respondeu ante a alerta e as críticas do resto dos partidos aos acordos e pactos da súa formación coa extrema dereita, sobre os que non respondeu. "Só queda [por caer] o cabecilla", engadiu, en referencia a Pedro Sánchez. 

Tampouco cando o cabeza de lista do Bloque pola Coruña e deputado na pasada lexislatura, Néstor Rego, lembrou unhas antigas declaracións de Núñez Feijóo advertindo de que nunca pactaría con Vox porque é un partido que está contra Galicia. O representante nacionalista alertou do ataque á igualdade, da prohibición do galego, do recorte das pensións ou da conxelación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) no caso da chegada das dereitas ao Goberno de España, nunha advertencia que compartiron PSOE e Fronte Ampla, que tamén denunciaron con firmeza o "machismo" de Vox e as súas consecuencias, unha crítica á que respondeu Conde cunha intervención que amolou o resto de participantes. 

"A muller está sendo manoseada polo PSOE e os seus socios independentistas", dixo o que fora conselleiro da Xunta de Galicia, entre os reproches da número un polo PSdeG ao Congreso, Patricia Otero, que defendeu a "reacción" do PSOE ante os casos de corrupción e que alertou tamén da posible derrogación da lei do aborto ou da de eutanasia. "Non fai falta que veña Vox ao debate porque as súas propostas xa as defende o PP", dixo a que foi deputada socialista nesta última lexislatura, que acusou a Conde de "machismo" a través das súas intervencións no debate e que avisou os populares de que Vox os acabará por "devorar". 

Patricia Otero (PSdeG) cre que a presenza de Vox no debate non era necesaria porque "as súas propostas xa as defende o PP"

Pola súa banda, o voceiro da Fronte Ampla e candidato da formación ao Senado por Pontevedra, Paulo Carlos López, advertiu da "sombra verde" que ten o PP, en referencia a Vox, e alertou do "partido ultra" no que se está a converter o PP da man dunha formación "que quere prohibir o galego", recorta dereitos e difunde "discursos de odio". Unha acusación na que coincidiu con Rego, do BNG, que lembrou que ambas formacións xa pactan mesmo para ir aos comicios e destacou a importancia de evitar "a axenda ultra, racista, xenófoba e negacionista do cambio climático e da violencia machista". 

Pero o debate foi moito máis aló de advertencias futuras. No eido da vivenda, Conde centrou o problema na "lamentable" política levada a cabo polo Goberno de España e na súa "incompetencia" nos últimos oito anos, que trouxo como resultado, dixo, o incremento do prezo nos alugueiros e a "condena a unha xeración de mozos a non poder acceder a unha vivenda digna". Tamén criticou o "intervencionismo" e unha suposta "protección para os ocupas" e incluíu entre as medidas da súa formación "a defensa dos propietarios". 

Conde critica o "intervencionismo" do Goberno de España en materia de vivenda, mentres PSOE e Fronte Ampla acusan o PP de "boicotear" a lei de Vivenda e o BNG pide medidas máis valentes

Desde o resto de partidos, todos lembraron as competencias autonómicas en vivenda e, polo tanto, da Xunta Embed   Previsualizar delete_forever swap_vert presidida polo PP en Galicia, á que acusaron de "boicotear" as políticas levadas a cabo polo Goberno de España, como as zonas de mercado residencial tensionado, e "poñer alfombras vermellas aos fondos voitre" e facilitar a expansión das vivendas de uso turístico. E Fronte Ampla e Bloque apostaron por medidas máis contundentes para afrontar o problema. 

Desde o BNG, pola súa banda, lembraron as "insuficientes medidas" por parte do Goberno de España e "no último minuto logo dunha indignación moi grande", pero advertiu tamén de que o balance dos populares en materia de vivenda en Galicia foi "desastroso": "15 vivendas de alugueiro social entregadas entre 2015 e 2022 e cinco vivendas protexidas en 2024", lembrou Rego. 

En materia de prezos ou laboral, o representante do PP acusou o goberno de Sánchez de "facer caixa coas familias" e apostou pola redución masiva de impostos tras criticar a suba da inflación e a carestía da vida, mentres que desde o PSOE reivindicáronse as medidas para paliar os efectos das guerras "provocadas polos amigos do Partido Popular e de Vox", en referencia a Trump e Netanyahu. O BNG cre que non se fixo o suficiente ao non terse topado os prezos dos combustibles nin de servizos básicos ou por non reducir o IVE de produtos esenciais. 

Rego ve "nerviosos" a PSdeG e Fronte Ampla polo "avance do BNG" pero pide "non equivocarse de inimigo": "O gran reto é evitar que o PP poida gobernar cos seus socios de Vox"

Ademais, tanto Patricia Otero como Paulo Carlos López reivindicaron a reforma laboral e a suba do SMI, lembrando o representante da Fronte Ampla ao PSOE que boa parte das medidas das que presume os socialistas foron levadas a cabo grazas ao impulso de Sumar. 

Foi aquí onde o PSdeG e a Fronte Ampla criticaron o BNG por non ter apoiado a reforma laboral "que máis emprego creou en Galicia e no Estado" e que mellorou a estabilidade, ao tempo que Rego defendíase asegurando que non se derrogou por completo a norma, tal e como se comprometera, de aí o seu rexeitamento. 

"As forzas que forman o Goberno de España están nerviosos polo avance do BNG", asegurou Rego que, no entanto, dixo que non ía "perder tempo" porque a súa formación "non se equivoca de inimigo": "O gran reto é evitar que o PP poida gobernar cos seus socios de Vox e a involución política". 

O representante nacionalista aproveitou para reivindicar o labor do BNG no que ten que ver coa lei para a transferencia da AP-9, que tamén reivindicaron PSOE e Fronte Ampla. As tres formacións lembraron a Francisco Conde a responsabilidade da súa formación e do goberno de Aznar na prórroga da concesión da autoestrada e no pagamento das peaxes e acusárono de "mentir" cando alertou de que esa posible transferencia podía acabar pasando factura económica á Xunta. "Está especificado na lei que non, non minta", advertíronlle. 

Conde, pola súa banda, culpou o goberno central dos malos resultados do informe PISA no ensino, da situación da sanidade pola folga médica ou de que esteamos "sen noticias" do tren de proximidade, ademais de advertir da "paralización de investimentos e infraestruturas" do Estado en Galicia. 

Néstor Rego aproveitou tamén o debate para lembrarlle a Francisco Conde, que fora conselleiro de Economía na Xunta, polo "pacto secreto con Altri" que leva, dixo, "a súa sinatura". "Ten a oportunidade de explicalo aquí", ofreceulle. Pero o representante do PP non respondeu. 

Críticas ao "control" e "manipulación" da TVG

O debate non obviou o conflito que se vive desde hai anos nos medios públicos. A representante socialista luciu unha chapa de Defende A Galega, colectivo de persoal que loita contra a manipulación da TVG e da Radio Galega, mentres que o portavoz de Sumar mandou "unha aperta" aos e ás traballadoras antes sequera de comezar a súa intervención. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. foi máis aló e censurou o horario e a data elixida para este debate. 

"Ningunha televisión pública pon un debate electoral un luns ás 9:30 da mañá", denunciou Rego, que cre que a decisión evidencia o interese do PP de "ocultar" os discursos das forzas políticas a través dos medios de comunicación que "controla" e ao través dos que "manipula" a información. Por iso, amosou a súa "solidariedade" co persoal da TVG e da Radio Galega. 

A moderadora, Marta Darriba, aproveitou a crítica para lembrar que a cidadanía "pode recuperar o debate" a través da plataforma web da corporación dos medios públicos e velo noutro momento do día. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.