Rueda transloce o temor dos populares a Vox e preséntao como "salvapatrias que veñen de fóra" fronte aos que di que o PPdeG segue a representar "á maioría dos galegos"
"Coñezo Galicia e sei o que necesita, pedino como presidente da Xunta, prométoo como candidato e fareino como presidente do Goberno de España". Iso proclamou este sábado o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, en Santiago, nun pavillón do Sar a rebentar, como corresponde ao acto central -e pode que único- en Galicia de quen foi presidente da Xunta durante 13 anos.
Nunha intervención que realizou principalmente en castelán, Feijóo arrancou en galego para xustificar que "antes de pedirlle nada ao resto de España tiña que vir a Galicia, non só a dar as grazas, veño a comprometerme, como fixen sempre" porque "a palabra dun presidente ten que ter valor". E a continuación enumerou varios deses compromisos, como que no seu goberno "non volverá haber machismo", "non volverá haber incompetentes" ou "non volverá haber soberbia". Tamén asegurou que "non volverá haber corrupción, no Goberno de España haberá limpeza", e avanzou que "no primeiro consello de ministros haberá unha auditoría".
Feijóo preséntase como exemplo de "rigor", "xestión" e "experiencia"
Feijóo tamén enumerou todos os postos políticos que tivo tanto na Xunta como no Estado e presentounos como exemplo de bo facer. "España necesita rigor, e o teño; España necesita xestión, e a teño; España necesita experiencia, e a teño; e chámase Galicia", proclamou.
Canto a políticas concretas, Feijóo avanzou que no seu goberno as competencias en materia de vivenda estarían "nunha vicepresidencia" porque é unha prioridade. Tamén asegurou que garantiría a "seguridade nas rúas". E preguntouse "onde están os cartos" de España, para repetir que el non pode dicir á cidadanía que non terá que esforzarse.
Como vén sucedendo nos últimos actos deste tipo de Feijóo en Galicia, o popular rematou a súa intervención transmitindo novamente emoción coa voz rota. Foi así como lembrou cando se fixo coa dirección do PPdeG hai dúas décadas rodeado de xente como Alfonso Rueda e outros colaboradores "que eran máis novos". E foi transmitindo esa emoción polo paso do tempo como dixo que viña a este mitin en Galicia "a pedir traballo" como presidente de España. E rematou cun "viva Galicia! e viva España!".
Na súa intervención previa o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu "un goberno que coñeza o rural, a nosa costa, as nosas xentes" e asegurou, dirixíndose a Feijóo, que "imos esixirte como ao que máis". O líder dos populares galegos criticou os "muros" do PSOE e ao BNG por pactar cos socialistas sen esixirlles que cumpran o pactado. Pero foi máis duro, sen citalo, con Vox, formación á que se referiu como "salvapatrias que veñen de fóra e levan anos sen conseguir representación en Galicia". Fronte a eles, e ante as enquisas que lles dan un constante crecemento a costa dos populares, Rueda asegurou que "aquí está o PP de Galicia para representar á maioría dos galegos".
Rueda, que interveu principalmente en galego, pasou puntualmente ao castelán para "pedir a España" que confíe en Feijóo. "Nunca se van arrepentir, como nunca nos arrepentimos en Galicia", dixo.
O mitin comezouno o presidente do partido na Coruña, Diego Calvo, quen centrou a súa intervención en dar por feita a corrupción xeral no Goberno de España e no PSOE, dos que dixo que mesmo teñen "como boa organización criminal, casos que afectan á familia". Calvo dixo que o 29N vai de "escoller entre a decencia e a delincuencia" e lembrou as catro maiorías absolutas de Feijóo en Galicia como aval da súa xestión, da que dixo que "nunca defraudou".
A ex-conselleira Fabiola García, candidata pola Coruña, preguntouse "quen contribúe máis", se "un colombiano, un dominicano ou un venezolano" que traballou no día de folga "ou os piquetes da CIG que querían romperlle o local"
Tras Calvo subiu ao escenario Fabiola García, ex-conselleira de Política Social, cargo que deixou para ser candidata ao Congreso pola Coruña. García lembrou que no seu anterior cargo estivo oito anos e nel aprendeu "que ás persoas maiores non se lles mete medo" e son "moito máis listas que os socialistas que pretenden utilizalos e amedrentalos". Tamén se pregunto "quen contribúe máis" á sociedade, se "un colombiano, un dominicano ou un venezolano que este mércores na folga levantou a persiana e traballou ou os piquetes da CIG que querían romperlle o local". Moi poucos asistentes aplaudiron tras enumerar García as nacionalidades estranxeiras fronte ás moito máis numerosas ovacións cando a frase culminou coa crítica ao sindicato.
O secretario xeral do PP, Miguel Tellado, foi o terceiro orador, xusto antes de Rueda e Feijóo. A este presentouno Tellado como "un home bo, unha persoa responsable e decente". Pero o número 2 do PP centrouse fundamentalmente en criticar ao PSOE. "Pedro Sánchez e Begoña convertéronse nos Kirchner de España, fáltalles a pulseira domiciliaria pero todo se andará", dixo.
O mitin deste sábado contou con buses desprazados de toda Galicia para encher un pavillón do Sar en cuxas bancadas caben algo máis 5.000 persoas e que ademais tiña o campo de xogo tamén completo, o que permitiu á organización cifrar en 8.000 os asistentes. Música a todo volume, pipocas gratis e bandeiras galegas e españolas -máis das primeiras- repartidas pola organización puxeron o son e a cor a un mitin no que se proxectaron varios vídeos presentando a Feijóo como superheroe ou cunha muller pedindo en galego poder "camiñar segura pola túa rúa". Tras Feijóo, o Sar acollerá o vindeiro mércores tamén o acto central en Galicia de Pedro Sánchez. A el deixoulle Rueda un reto: "Aquí lle queda este pavillón a ver se é quen de enchelo".