Os plans de Vox se goberna con Feijóo: recentralización, antifeminismo, negacionismo climático e deportacións

Santiago Abascal, durante un acto na Coruña Dominio Público Vox

Se a maioría das enquisas acertan, PP e Vox gobernarán España nos vindeiros catro anos. O líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, xa advertiu de que se non consegue a maioría absoluta completaríaa coa extrema dereita, que segundo as últimas sondaxes tería un importante incremento en votos e escanos, achegándose cada vez máis ao seu socio e gañando peso de cara ás súas futuras exixencias nun hipotético executivo de coalición entre a dereita e os ultras.

Vox reduce ao mínimo o programa e avoga por un programa económico ultraliberal, eliminar dereitos a migrantes, recentralizar o Estado ou acabar coas leis contra a violencia machista e a crise climática

Non serán doadas de asumir, tendo en conta as propostas que Vox vén de detallar no seu programa electoral, publicado este pasado xoves. Un documento, con todo, moito máis curto e esquemático que o das eleccións xerais de 2023, con case o triplo de páxinas e un maior detalle en aspectos que agora a ultradereita obvia ou pasa por riba. 

O partido de Santiago Abascal avoga por varias medidas para deixar sen dereitos sociais as persoas estranxeiras indocumentadas e restrinxir ao máximo os das migrantes regularizados. Tamén promete desmontar a estrutura legal impulsada durante anos para a igualdade de xénero, eliminar as normas que loitan contra os efectos da crise climática, "superar" a Lei de Memoria Democrática ou acurralar máis o galego no ensino e na administración pública. Todo cunha marcada axenda ultraliberal no económico e de defensa da "identidade nacional española" única e unitaria no cultural, pero sen atacar o Estado autonómico como si facía claramente hai tres anos. Agora, nin tan sequera se refire ás autonomías. 

Reunión do comité executivo de Vox Dominio Público Vox

Así, no ensino, Vox aposta por establecer un número máximo de "alumnos procedentes doutras culturas ou con dominio insuficiente do español" e crear "aulas específicas de nivelación" para o estudantado que se "incorpore tarde ao sistema español" e poidan "alcanzar o nivel requirido antes de integrarse na súa clase, sen frear os seus compañeiros". As aulas orientadas á rapazada para que adquira un nivel básico na lingua vehicular e poder seguir as clases xa existen, pero a ultradereita vai máis aló ao falar do "nivel requirido" como condición para non permanecer excluído, sen aclarar se se refire só ao idioma ou a outras competencias.

Vox propón cotas para alumnado "doutras culturas" nas aulas, derrogar a LOMLOE, recuperar a reválida ou unha 'selectividade' e un currículo escolar único en toda España

Ademais, tamén no ensino, Vox reclama "prioridade nacional para escoller centro para fillos, na concesión de axudas e subvencións educativas e para o acceso a prazas de gardería, bolsas comedor ou bolsas transporte". En definitiva, relegar a poboación estranxeira, ademais de prometer a "libre elección de centro educativo en todos os niveis" para as familias e poñer "fin aos menús halal nos colexios". 

Entre outras cousas, a ultradereita propón a "eliminación dos contidos ideolóxicos alleos ás materias académicas" e a derrogación da LOMLOE, pero tamén a recuperación das reválidas e que a proba de acceso á universidade sexa única en todo o Estado. Neste eido, a aposta é clara pola recentralización educativa, a "unificación dos currículos" en toda España. "Fin ás diferenzas nos contidos curriculares", expresa Vox, que tamén fai unha clara defensa do castelán e advirte que, se chega ao goberno, "garantirase a educación en español en todo o territorio nacional", sen facer alusión ningunha a calquera outra lingua do Estado. 

Tamén en relación cos idiomas, no eido sanitario Vox avoga por "garantir que o descoñecemento das linguas rexionais non sexa en ningún caso impedimento para o acceso por oposición a prazas de persoal sanitario nin un prexuízo para os pacientes". En definitiva, obviar o requisito de coñecer o galego para poder traballar no Sergas. Ademais, a formación de Abascal avoga por unha "tarxeta sanitaria única en toda España". 

"Unidade nacional" e tauromaquia

No ámbito cultural, pola súa banda, sen excesivas fonduras Vox aposta pola "promoción da cultura nacional" e a "difusión da historia común española", ademais da "defensa da tauromaquia e a promoción da difusión da arte taurina", así como das actividades arredor dela. Tamén no ámbito deportivo reclama "reforzar a unidade nacional fronte ás cesións ao separatismo". 

Neste eido, insiste en protexer "as tradicións relixiosas e populares de España" e aumentar as penas polas "ofensas e ultraxes a España e aos seus símbolos". 

Santiago Abascal, nun acto na Coruña Dominio Público Vox

Malia que nalgún tema Vox obvia detallar medidas, a ultradereita non agocha as súas intencións en canto ás persoas migrantes. "Nin un máis", aclara xa no inicio do programa. Aposta por evitar a regularización de calquera persoa que entre de maneira ilegal en España, "endurecer" os requisitos para nacionalizarse, "suprimir" o arraigo como condición para obter a documentación, expulsión de que "non contribúa ou viva de subsidios" e deportación de quen pretenda "impoñer costumes, hábitos ou culturas alleas ao noso modo de vida ou incompatibles co respecto á dignidade das mulleres". 

Vox quere poñer fin á sanidade universal e excluír a inmigración do sistema "agás casos de urxencia grave"; como solución ao problema da vivenda opta polo "control férreo de fronteiras"

Vox tamén aposta pola "devolución" dos menores non acompañados (aos que denomina MENAs), deixar sen subvención ás ONG que axudan as persoas migrantes e excluír as persoas estranxeiras en situación ilegal de calquera atención sanitaria "agás casos de urxencia grave". O fin da universalidade. Tamén limitar o Ingreso Mínimo Vital a españois e españolas. 

Mesmo como solución para o problema da vivenda, a medida fundamental pola que aposta Vox e polo "control férreo de fronteiras", ademais de avogar por "casas para os españois", prohibir arrendar casas a "inmigrantes ilegais", derrogar a lei de vivenda, liberalizar solo e "suprimir trabas" legais para poder construír máis, ademais de aplicar "man dura contra a okupación e a inquiokupación". 

Porque no eido económico, Vox aposta por desregular e por unha "baixada masiva" de impostos para "protexer os españois do inferno fiscal e burocrático que impide a prosperidade". Así, aposta por baixar o IRPF, o tipo reducido e xeral do IVE, o imposto de sociedades, os gravames á enerxía eléctrica e unha "revisión e redución sistemática" de todos os impostos e taxas. 

Vox avoga por unha "baixada masiva" de impostos e por reverter toda a lexislación para paliar os efectos da crise climática

Por outra banda, Vox quere dar vía libre á minería, aposta pola enerxía nuclear e por "suspender a aplicación en España de acordos internacionais que impiden o noso desenvolvemento produtivo e a prosperidade". Por suposto, no programa xa advirte da reversión de todas as normativas que teñan que ver con medidas para contrarrestar ou paliar os efectos da crise climática e todas aquelas que emanen do Pacto Verde Europeo ou da Axenda 2030. Negacionismo climático en detalle e no programa. 

Tamén propón Vox derrogar toda a lexislación laboral "de Sánchez" por, segundo os ultras, ter "agravado a precariedade, desincentivado a contratación e empeorado unha situación xa insostible". Ademais, fai unha aposta clara por fomentar aínda máis a industria do turismo. 

Ningunha lei contra o machismo

En canto a feminismo e violencia machista, Vox avoga por botar abaixo a maioría do engrenaxe normativo construído nas últimas décadas contra esa lacra e pola igualdade entre homes e mulleres. Anuncia que derrogará a lei integral contra a violencia de xénero ou a de liberdade sexual ou sistemas como os das pulseiras antimaltratadores e obvia referirse ao machismo en caso ningún. 

Reunión do comité executivo de Vox Dominio Público Vox

A formación ultra avoga por "derrogar as leis que criminalizaron os homes e desprotexeron as mulleres" e denuncia que as leis de xénero "non contribuíron a protexer as mulleres" senón a "disparar o dispendio" ou "beneficiar e soltar violadores e criminais sexuais". 

A ultradereita propón botar abaixo toda a lexislación contra a violencia machista e pola igualdade de xénero construída nas últimas décadas

Asegura que se deben "reverter as consecuencias nefastas de todas as normas que abandonaron as verdadeiras vítimas e engadiron outras novas", ademais de aludir ao "fenómeno crecente das denuncias falsas".  

Por suposto, Vox tamén aposta por "superar" a Lei de Memoria Democrática por "danar a convivencia e dividir e enfrontar españois tratando de impoñer unha verdade oficial", di en referencia ao franquismo e ao réxime fascista que non cita. 

Por outra banda, e aínda que non cita a palabra aborto, Vox é claro abondo ao apostar pola "defensa do dereito á vida desde a súa concepción ata a morte natural" e pór fin á "cultura da morte". Tamén defende a caza como "actividade esencial" e entre as medidas para loitar contra os incendios advirte de "restricións ambientais que obstaculizan os labores de prevención e aproveitamento forestal" e do "endurecemento das penas aos incendiarios". Nada di do impacto da crise climática no lume forestal, cada vez máis perigoso e incontrolable. 

"Limpar RTVE"

Por último, e no que ten que ver cos medios públicos, pide "limpar RTVE de comisarios políticos, acabar co dispendio e poñela ao servizo dos españois" a través dunha "reforma integral" para que a radio e a televisión pública "presten  un verdadeiro servizo público informando con obxectividade e pluralidade", tras advertir da "deriva censora do goberno de Sánchez". 

Nada di, desta volta, das televisións autonómicas. No programa de 2023, Vox propoñía dar o primeiro paso para o seu peche por servir como "altofalantes do odio a España co diñeiro de todos, fontes de dispendio e instrumentos ao servizo de cada goberno rexional". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.