Vox non pasou en Santiago (e o PP olla por se pasa)

Concentración para impedir o mitin de Vox en Santiago este 21 de setembro CC-BY-NC-SA Coordinadora da Mocidade Socialista

O mitin organizado por por Vox no centro sociocultural do barrio compostelán de Santa Marta para este pasado luns, 21 de setembro non puido celebrarse. A convocatoria antifascista de "concentración democrática e pacífica" dunha vintena de grupos políticos e sociais (dende organización políticas xuvenís como Galiza Nova ou a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) ata colectivos estudantís ou de apoio a persoas migrantes, entre outros) logrou o seu obxectivo e o presentado polo partido de extrema dereita como "gran acto público" de "inicio do curso político" acabou suspendido.

Unha vintena de grupos políticos e sociais logran xuntar un milleiro de persoas para impedir o mitin programado pola formación de extrema dereita nun centro sociocultural da capital galega

Un peche nas horas previas no interior do centro e, sobre todo, unha concorrida manifestación durante a tarde que chegou a xuntar en torno a un milleiro de persoas propiciou a cancelación. Os dirixentes ultradereitistas, encabezados por un eurodeputado canda outros responsables territoriais do partido, aseguraron estar dispostos a manter o mitin no exterior do centro, se ben acabaron limitándose a proclamar diversas consignas -contra as persoas migrantes en Ceuta, sobre a españolidade de Galicia ou, simplemente, "yo soy español"- entre apupos da concorrencia e con escolta de axentes antidisturbios da Policía Nacional.

Mobilización ante CSC de Santa Marta, en Santiago, para impedir un mitin de Vox, este 21 de setembro. Imaxes divulgadas polo partido nas redes sociais

Eses mesmos axentes acabaron realizando varias cargas na fin da protesta, cando se produciron tirapuxas verbais entre manifestantes e partidarios de Vox. Tras o éxito os grupos promotores celebraron que a "respostas antifascista" lograse que Vox "non pasase" por onde pretendía na capital galega. "Orgullo da resposta da mocidade galega", expresou o BNG; "dicía Vox que hoxe era o seu comezo de curso, nós dicimos que este é o curso do antifascismo, fóra fascistas das nosas rúas", apuntou a CMS a través das redes sociais. 

Vox, pola súa banda, deu en responsabilizar da manifestación e da propia cancelación do seu mitin á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG) e á Policía Local compostelá. Tamén ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.

Defensa e temores do PPdeG

A manifestación e cancelación do evento da organización de extrema dereita tamén foi reprochada polo PPdeG. A través da súa conta en X a secretaria xeral da formación, Paula Prado, considerou que "o que aconteceu foi unha sabotaxe á liberdade de expresión". "Independentemente das ideas, dende o PPdeG defenderemos sempre a democracia. Mentres, o BNG segue amosando a súa cara máis radical, tamén a máis verdadeira", considerou a número dous de Alfonso Rueda.

Este pronunciamento da formación que sustenta o Goberno galego prodúcese nun contexto de ascenso demoscópico de Vox no conxunto do Estado que o PPdeG detecta tamén en Galicia. Con menor intensidade que noutros lugares, pola propia implantación dos populares e polo punto de partida actual do partido de extrema dereita, que o pasado ano quedou sen a única representación institucional que lograra ata agora en Galicia, unha concelleira en Avión que decidiu abandonar e pasar a edil non adscrita. Pero existente.

O PPdeG critica o acontecido unha como "sabotaxe á liberdade de expresión" que atribúe ao BNG mentres o ascenso demoscópico de Vox ocupa e preocupa á formación que sustenta o Goberno galego

Paradoxalmente, as tendencias de voto ás que Alberto Núñez Feijóo se encomenda para tentar chegar á Moncloa en 2027 -un ascenso de Vox que compense o seu propio estancamento e dea lugar a unha maioría absoluta das dereitas no Congreso que o invista presidente- levan insertas preocupacións para o PPdeG. Porque o que pode levar os populares ao Executivo central pode erosionalos en Galicia.

Isto sucede tanto por votos á extrema dereita que acaben ou non converténdose en escanos ao Congreso como por sufraxios nas municipais que lles compliquen ou impidan o acceso a alcaldías ou deputacións. Ou, sobre todo, por unha irrupción nas eleccións galegas que poida acabar facendo perigar a placidez da maioría absoluta. 

Esas tendencias, admiten en privado dirixentes destacados, ocupan e preocupan no PPdeG mesmo máis que potenciais ascensos do BNG, actual primeira forza no espectro da esquerda, e xa condicionan decisións e posicións públicas do partido e da Xunta en ámbitos especialmente proclives ás guerras culturais da extrema dereita, tales como acollida e dereitos das persoas migrantes, o agro, a caza ou a identidade e a lingua galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.