Na presentación do Barómetro de Emocións Políticas de España, realizado polo Equipo de Investigacións Políticas (EIP) da USC, Nieves Lagares destacou que “a política do noso tempo é unha política emocionada e non vai volver atrás”
O Equipo de Investigacións Políticas (EIP) da USC presentou este venres un avance do Barómetro de Emocións Políticas de España, un estudo piloto que analiza a compoñente afectiva da relación da cidadanía coa política, coas institucións, con España e cos medios de comunicación.
Os resultados foron dados a coñecer por Nieves Lagares Díez, directora do EIP e profesora titular de Ciencia Política da USC, acompañada polo profesorado titular da USC Miguel Anxo Bastos, Erika Jaráiz Gulías e María Pereira López. Na presentación Nieves Lagares destacou que “a política do noso tempo é unha política emocionada e non vai volver atrás”, explicando que "a política non vai só do que se pensa ou do que se decide. A política séntese, e aquilo que sentimos condiciona o que percibimos e a importancia que lle concedemos. Non é só o que somos, é o que sentimos".
Pedro Sánchez concentra o maior nivel de emoción "positiva", cun 39,1%, pero tamén o maior nivel de emoción "negativa", cun 76,2%
O traballo de campo realizouse entre o 9 de xuño e o 4 de xullo de 2026, cun total de 600 entrevistas. O Barómetro de Emocións Políticas de España terá dúas medicións anuais. A seguinte onda realizarase en novembro.
No estudo destácase que o 95,3 % das persoas enquisadas manifesta polo menos unha emoción -positiva ou negativa- cara a algún dos liderados políticos analizados: Pedro Sánchez (88,6%), Alberto Núñez Feijóo (78,5%), Santiago Abascal (83,8%) e Yolanda Díaz (74,4%).
Os responsables do estudo fan fincapé nas maiores emocións que espertan Sanchez e Abascal, en relación con Núñez Feijóo e Díaz. destacando que "os líderes máis emocionais teñen unha maior capacidade para chegar á cidadanía" e explicando que "aos líderes menos emocionais cústalles máis establecer esa conexión, aínda que isto non significa que non poidan gañar unhas eleccións. Significa que deben compensalo cunha estratexia baseada nas propostas, nun perfil máis técnico".
Nieves Lagares destaca que "os españois non teñen medo aos políticos en xeral. Teñen medo a Abascal. O medo non aparece instalado de forma xeral na sociedade española, pero si alcanza unha intensidade claramente diferencial no caso do líder de Vox".
No primeiro estudo demoscópico realizado polo equipo en 2011, as respostas ás preguntas sobre emocións non chegaban ao 45% e na actualidade achégase ao cen por cen. "Houbo momentos nos que a cidadanía sentía emocións, pero non as expresaba. Agora asistimos a unha explosión da expresión do que se sente", destacou Lagares.
No estudo destáca que "os líderes activan emocións positivas e negativas ao mesmo tempo" e que nos catro casos analizados as respostas negativas superan ás positivas. Pedro Sánchez concentra o maior nivel de emoción "positiva", cun 39,1%, pero tamén o maior nivel de emoción "negativa", cun 76,2%. En Yolanda Díaz os valores son do 36,2% e do 51,6%, respectivamente. En Alberto Núñez Feijóo son do 37,5% e do 58,6%, mentres que Santiago Abascal rexistra un 27,8% de emocións positivas e un 68% de negativas.
O estudo preguntou tamén polos sentimentos que esperta España entre a poboación. O orgullo é a emoción máis estendida, cun 78,8%, seguida moi de preto pola preocupación, cun 72,3%
No traballo analízanse ademais cinco emocións concretas: orgullo, tranquilidade, enfado, preocupación e medo. Pedro Sánchez obtén o valor máis alto en orgullo, cun 24%, pero tamén en preocupación, cun 61,6%, e en enfado, cun 59,3%. O dato máis singular aparece no medo. Esta emoción chega ao 43% no caso de Santiago Abascal, e en cambio presenta valores moito máis reducidos nos demais: o 22,7% de Pedro Sánchez, o 18,9% de Alberto Núñez Feijóo e o 12,1% de Yolanda Díaz.
Nieves Lagares destaca que "os españois non teñen medo aos políticos en xeral. Teñen medo a Abascal. O medo non aparece instalado de forma xeral na sociedade española, pero si alcanza unha intensidade claramente diferencial no caso do líder de Vox".
En Galicia, o 79% expresa orgullo cara a España e o 45,2% manifesta enfado, cifras moi próximas á media estatal, aínda que tres puntos por riba do caso do enfado
O estudo preguntou tamén polos sentimentos que esperta España entre a poboación. O orgullo é a emoción máis estendida, cun 78,8%, seguida moi de preto pola preocupación, cun 72,3%. A tranquilidade acada o 53,6%, o enfado o 42,2% e o medo o 23,4%, podendo dar as persoas entrevistadas varias respostas de forma simultánea.
A distribución autonómica amosa grandes diferenzas, pois o sentimento de orgullo móvese entre o 44,% do País Vasco e o 94,9% de Castela e León; de igual xeito o sentimento de enfado vai do 28,6% de Canarias ao 60% de Illas Baleares. En Galicia, o 79% expresa orgullo cara a España e o 45,2% manifesta enfado, cifras moi próximas á media estatal, aínda que tres puntos por riba do caso do enfado.
No traballo analizáronse igualmente os sentimentos que espertan na poboación os medios de comunicación, cun 80,8% de respostas negativas fronte a só un 6,2% de respostas positivas. A desconfianza é o sentimento máis citado, cun 26,3% das respostas, seguida da tristeza, cun 20,1%, e do enfado, cun 18,3%. A confianza queda reducida ao 3,7% das persoas entrevistadas.