O vicepresidente Carlos Cuerpo asume o despacho ordinario dos asuntos de Transportes e afronta a saída tamén do ata agora presidente de Adif, Luis Pedro Marco de la Peña, tras dous anos nun cargo con pouca estabilidade na última década
Tras a dimisión o martes a última hora do ministro de Transportes, Óscar Puente, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, encargou este mércores pola mañá o despacho ordinario dos asuntos dese ministerio ao vicepresidente primeiro e ministro de Economía, Carlos Cuerpo. E este mesmo mércores pola tarde quedaba descabezado tamén Adif, coa saída do seu ata agora presidente, Luis Pedro Marco de la Peña, tras dous anos nun cargo con pouca estabilidade que agora agarda polo seu sétimo presidente en dez anos. Unhas saídas que se producen a menos dun mes dunhas eleccións xerais do 29N que á súa vez poden provocar aínda máis cambios no sector.
En 2016 xa houbo unha certa revolución no sector ferroviario. A ata daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, deixou o cargo para ser presidenta do Congreso tras as eleccións xerais de xuño daquel ano, pero aínda pasarían catro meses ata que Mariano Rajoy volveu ser investido presidente. Durante ese tempo non houbo ministro de Fomento senón que a xestión dos asuntos dese ministerio foille encargada ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, que fora secretario de Estado de Infraestruturas.
O novo ministro sería, xa en novembro de 2016, Íñigo de la Serna, que entre as primeiras decisións que tomou estivo a de substituír á fronte de Adif ao ata daquela presidente, Gonzalo Ferre, que levaba no cargo case catro anos. Esa remuda chegou no ano en que a Comisión Europea decidiu facer público, malia as manobras ao máis alto nivel do Goberno de Rajoy para evitalo, un duro informe sobre o accidente de Angrois de 2013. Sinistro sobre o que Ferre, no cargo cando ocorreu, rexeitaba que Adif tivese ningunha responsabilidade, en contra do que agora vén de constatar a xustiza.
Desde aquela remuda de Ferre a presidencia de Adif non tivo máis de tres anos seguidos de estabilidade. O seguinte presidente foi Juan Bravo Rivera, veterano alto cargo do PP madrileño, que ata aquel momento era conselleiro delegado do Metro de Madrid tras ser subsecretario de Xustiza, conselleiro na Comunidad de Madrid e concelleiro nesa cidade.
Bravo estivo ano e medio no cargo, ata a moción de censura de Sánchez contra Rajoy en xuño de 2018. Foi substituído pola galega Isabel Pardo de Vera, que foi a que máis tempo durou no cargo durante a última década, tres anos, ata que á súa vez foi ascendida a secretaria de Estado de Transportes. Tras ela chegou María Luisa Domínguez, presidenta durante dous anos e medio, ata que en decembro de 2023 o novo ministro Óscar Puente a substituíu por Ángel Contreras. Pero Contreras non duraría nin un ano, cesado en setembro de 2024. Foi nese momento cando chegou Luis Pedro Marco de la Peña, que leva dous anos no cargo ata a súa saída agora tras o accidente de Urda. Adif agarda así polo seu sétimo presidente en dez anos.