O novo sinistro na alta velocidade fai resucitar mentiras como que o de Santiago non foi dese tipo ou que o despiste do maquinista foi a súa única causa
O novo accidente catastrófico na alta velocidade ferroviaria en Urda (Toledo) está facendo resucitar todo tipo de mentiras que apareceron tras o accidente de Angrois de 2013. Son loiadas que poden ser desmontadas con documentos oficiais, como que o accidente de Angrois, a diferenza dos de Urda ou Adamuz, non foi de alta velocidade, que o despiste do maquinista do Alvia foi a única causa do accidente de Santiago ou que a Xunta non tivo nada que ver coa investigación de Angrois.
Loiada: "O accidente de Angrois non foi de alta velocidade"
Tras o accidente de Angrois o Goberno de Mariano Rajoy e desde a Xunta o daquela presidente, Alberto Núñez Feijóo, esforzáronse en asegurar que non fora un sinistro "da alta velocidade". Feijóo mesmo atribuía esa consideración a supostos "intereses económicos" por prexudicar internacionalmente á alta velocidade española. Porén, desde aquela vén quedando claro en diversos documentos oficiais que en Angrois descarrilou un tren de alta velocidade nunha liña de alta velocidade.
A Axencia Ferroviaria Europea constatou xa en 2016 que o de Angrois fora un accidente de alta velocidade, e así foi analizado sempre na causa xudicial
A Axencia Ferroviaria Europea foi o organismo que máis clara deixou a cuestión. En 2016, ao desmontar a investigación técnica que fixera a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, que apuntara ao despiste do maquinista como principal causa do sinistro, a axencia europea publicou diversos documentos nos que analizou a cuestión. O tren Talgo S-730 era un tren de alta velocidade que operaba coa marca comercial Alvia. Non era a marca comercial AVE, pero igualmente era un tren de alta velocidade.
O descarrilamento, ademais, foi no punto de conexión entre a liña de alta velocidade Ourense-Santiago e a rede convencional. Pero como como constatou a xustiza, que en todo momento o analizou como de "alta velocidade", a clave do sinistro foi a configuración das medidas de seguridade desa liña de alta velocidade pola que o tren circulaba a 200 quilómetros por hora.
Loiada: "O despiste do maquinista foi a única causa do accidente de Angrois"
A xustiza só puido condenar o maquinista pero constatou eivas de seguridade na liña Ourense-Santiago sen as que non se produciría o accidente
A sentenza final firme da causa xudicial polo accidente de Angrois condenou como único culpable penal ao maquinista do tren, pero deixou constancia de que na liña había eivas de seguridade sen as que non se produciría o sinistro. A xustiza non puido atribuír responsabilidade penal ao único cargo de Adif que chegou a xuízo, pero constatou o "impacto que para a seguridade na circulación" supuxo que se desconectase o sistema de control da velocidade ERTMS -similar ao LZB da liña Sevilla-Madrid- sen analizarse o risco.
Aínda este pasado setembro a maxistrada que xulgou o caso deixaba por escrito, ao pronunciarse favorablemente sobre a petición de indulto do maquinista, que "na gravidade do resultado producido concorrían", xunto coa neglixencia do condutor, "outras circunstancias atinentes á deficiente sinalización do treito en que se produciu o descarrilamento e de medidas de seguridade que diminuirían o risco".
Loiada: "Apartaron o xuíz que investigaba a altos cargos de Adif"
Nos primeiros meses da investigación do accidente de Angrois chegaron a estar imputados varias ducias de altos cargos e técnicos de Adif, pero foron quedando progresivamente á marxe do caso ata rematar xulgado só o ex-director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, finalmente absolto o pasado xaneiro. Houbo quen relacionou esa redución do número de acusados co feito de que un ano despois do sinistro o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, deixase o caso e fose substituído por outro, Andrés Lago Louro, atribuíndo esa mudanza a unha suposta decisión política.
A realidade foi que o propio Aláez pedira deixar o xulgado no que traballaba por motivos persoais, algo que quería facer mesmo antes de que sucedese o accidente. Despois o seu substituto, Lago Louro, chegou a propoñer que se xulgase só ao maquinista, pero a Audiencia Provincial da Coruña fíxoo rectificar e acabou sendo xulgado tamén o cargo de Adif. Lago Louro é desde hai dous anos presidente do Consello Consultivo de Galicia, nomeado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Dun ou doutro xeito, ata 11 xuíces ou xuízas e dous fiscais se pronunciaron sobre o accidente de Angrois durante 13 anos
Durante a instrución tamén houbo un cambio de fiscais. O primeiro que se encargou do caso, Antonio Roma, que evitou pescudar nas causas máis alá do erro do maquinista, solicitou e obtivo en 2017 un posto internacional de cooperación xudicial. Foi substituído por Mario Piñeiro, que mudou a actitude do seu predecesor e pasou a ser moi activo durante a fase final da instrución, chegando a pedir catro anos de cadea para o cargo de Adif. Porén, Piñeiro rematou o xuízo retirando a acusación e pedindo a absolución do cargo de Adif e a condena só do maquinista. Un ano despois, Piñeiro era ascendido a fiscal do Tribunal Supremo e a xefatura da fiscalía en Santiago volvía ser ocupada por Antonio Roma, o primeiro fiscal, quen hai unhas semanas apoiou o indulto para o maquinista.
En total, dun ou doutro xeito, ata 11 xuíces ou xuízas e dous fiscais se pronunciaron sobre o accidente de Angrois durante 13 anos.
Loiada: "A Xunta non tivo nada que ver coa investigación"
A Xunta designou 'a dedo' dous dos tres peritos clave no xuízo de Angrois
O cambio de xuíz instrutor non se debeu a manobras políticas, pero si houbo interferencias da Xunta nas peritaxes. A administración autonómica, responsable de dotar á Xustiza dos medios materiais necesarios para o seu traballo, designou 'a dedo', sen ningún tipo de expediente administrativo de selección, a dous dos tres peritos xudiciais do caso. Dous técnicos da propia Xunta sen experiencia previa en materia ferroviaria.
Tras o accidente o primeiro xuíz instrutor pediu aos colexios profesionais de enxeñarías de Camiños, Industrial e Telecomunicacións que lle formulasen cada un unha terna dos seus mellores profesionais para realizar as peritaxes xudiciais sobre as vías, o tren e os sistemas de seguridade, respectivamente. De cada terna o xuíz elixiu por sorteo un profesional e encargoulles analizar as causas do accidente desde as súas respectivas áreas de coñecemento en materia ferroviaria. Pero nese momento, ao coñecer a Xunta, como encargada de dotar á xustiza dos recursos para o seu funcionamento, que os peritos de Camiños e Industrial elixidos por sorteo propuxeran orzamentos para realizar os seus traballos de 800.000 e 600.000 euros, comunicou ao xulgado que o procedemento para elixir a eses expertos debía ser outro.
Esgrimindo unha normativa previa en materia de xustiza gratuíta e dotación de medios periciais aos xulgados, a Xunta díxolle ao xuíz que debía comprobar se entre o persoal público da propia administración, funcionarios aos que como tales se lles presupón independencia, había alguén que puidese realizar o traballo antes de encomendarllo a profesionais privados alleos. E por esa vía a Xunta elixiu dous funcionarios propios, o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira Rifón e o Industrial José Manuel Lamela Rivera, que segundo os currículos que eles mesmos remitiron ao xulgado non eran expertos en materia ferrivaria.
A Xunta non foi quen de atopar un funcionario que puidese designar para a peritaxe en materia de Telecomunicacións, así que se mantivo o xa elixido por sorteo polo xulgado de entre os propostos por ese colexio profesional, César Mariñas, este si con ampla experiencia en tecnoloxía ferroviaria e cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros.
Unha investigación de Praza.gal desvelou que nos expedientes oficiais para a designación por parte da Xunta dos seus dous funcionarios como peritos xudiciais non quedou constancia escrita de ningún proceso formal de selección interna, convocatoria aberta dos posibles empregados públicos mellor preparados ou valoración dos currículos, experiencia e especialización das dúas persoas finalmente elixidas.