“Tiña que garantir que a liña era segura. Non o era”, di o escrito da acusación pública sobre o daquela director de Seguridade na Circulación, ao que considera autor do accidente en similar grao que o condutor
“Tiña que garantir que a liña era segura. Non o era”. Así se pronuncia no seu escrito de acusación o fiscal do caso Angrois sobre o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, despois de que a Audiencia Provincial da Coruña veña de avalar o remate da instrución do accidente con ese cargo e co maquinista, Francisco José Garzón, como acusados en similar grao de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 delitos de lesións e un delito de danos. Tras ese paso, as partes implicadas foron instadas a presentar os seus escritos de acusación de cara á apertura do xuízo oral, que fontes xudiciais sitúan nalgún momento do próximo ano, nove anos despois do sinistro do 24 de xullo de 2013.
O fiscal, Mario Piñeiro, substituíu en 2017 ao anterior encargado do caso, Antonio Roma, que só vía responsabilidade no maquinista, que se despistara ao recibir unha chamada telefónica do interventor do tren e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Porén, neste tempo novas probas levaron ao instrutor, avalado pola Audiencia Provincial da Coruña, a considerar que Adif non analizara e paliara como obrigaba a normativa o risco que alí había dun exceso de velocidade por erro humano do condutor sen que ningún sistema automático o impedise.
Segundo o escrito do fiscal, Cortabitarte, “na súa condición de director da Dirección de Seguridade de Adif infrinxiu o deber que ostentaba polo seu status dentro de Adif, como o máximo responsable de dita dirección, que tiña o deber de xestionar e mitigar os riscos por exceso de velocidade non cubertos polo propio sistema de protección da liña e do tren. En definitiva tiña que garantir que a liña era segura. Non o era. A LAV082 [liña de alta velocidade Ourense-Santiago] era altamente vulnerable no treito en que se produce o accidente ao erro humano, e a fonte de perigo extrema ante o cambio significativo de velocidade e a curva”.
O fiscal, segundo que ten o caso e despois de que o anterior só vise responsable o maquinista, di que este "quebrantou as mínimas reglas de atención e profesionais que lle son esixibles", pero considera "previsible" o seu erro e culpa ao cargo de Adif de non evitalo
O fiscal asegura que a conxunción en Angrois do remate da liña de alta velocidade, a curva, a redución significa de velocidade que se requiría e o erro humano “forman un conxunto de risco único nesta liña”, un risco que “nin se avaliou nin se xestionou para convertelo nun risco tolerable, establecendo unha elemental barreira de protección ante o previsible erro do maquinista no treito do accidente, único punto da vía no que existía o problema do control do exceso de velocidade”.
Sobre o papel do maquinista, o fiscal di que “nos 100 segundos en que permanece nunha conversa extensa e relativa a unha circunstancia que non implicaba urxencia” o tamén acusado “non realizou a correspondente redución de velocidade nos 5.540 metros recorridos, en quebranto das mínimas reglas de atención e profesionais que lle son esixibles”.
O escrito de acusación do fiscal pide para os dous acusados catro anos de prisión, con inhabilitación especial polo mesmo tempo para a profesión de maquinista para Garzón e, no caso de Cortabitarte, para “calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias”. Tras o accidente, ao rematar a sua baixa laboral Garzón foi trasladado a outras tarefas nun taller de Renfe mentres que Cortabitarte, malia as peticións recorrentes da plataforma de vítimas, seguiu ocupando postos de libre designación dentro da estrutura de Adif. O actual ministro de Transportes, José Luis Ábalos, xustificouno en que xa non está ligado coa seguridade ferroviaria.