Fronte á “cacería do Goberno ao maquinista” denunciada pola plataforma de vítimas, a Audiencia da Coruña considera, como antes outros maxistrados, que as probas achegadas permiten acusar tamén a un cargo de Adif
Tras o accidente de Angrois de hai case oito anos, cos vagóns aínda nas vías, quen se atrevese a poñer en dúbida a versión de que o maquinista fora o único responsable do descarrilamento do tren Alvia estaba a poñer en risco o negocio internacional da industria da alta velocidade española. Así o facían ver desde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao daquela secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, despois ministro de Xustiza e Fomento. A do despiste do maquinista, que non freou a tempo, segue a ser a versión oficial establecida un ano máis tarde pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes sobre o accidente daquel 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.
Pero nestes case oito anos que pasaron desde aquela, esa versión, que a plataforma de vítimas do sinistro considera que foi “unha cacería do Goberno ao maquinista”, xa foi posta en dúbida por sete xuíces, un fiscal e a Unión Europea. Á espera do que poida decidirse sobre a responsabilidade penal no xuízo e nos recursos posteriores, investigar máis alá do maquinista e evidenciar as decisións que rebaixaron a seguridade da liña e do tren, vén facendo ver a xustiza, non era unha tolemia.
Este xoves a sala sexta da Audiencia Provincial da Coruña avalou a proposta do xuíz instrutor, apoiada polo fiscal, de rematar a instrución do caso e que poida ser xulgado polo ocorrido non só o maquinista, Francisco Garzón, senón tamén o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, cargo a dedo con PSOE e PP que sempre negou que as súas decisións se debesen a presións políticas. Segundo a investigación, se o primeiro se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, o segundo non analizou como obrigaba a normativa o risco que alí había dun exceso de velocidade por erro humano do condutor. Unhas sospeitas, as existentes sobre as eivas de seguridade permitidas por Adif, ás que se foron sumando progresivamente varios xuíces.
Un informe crítico da Axencia Ferroviaria Europea foi determinante para poñer o foco en Adif e non só no maquinista
O primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez Legeren, xa apuntou a Cortabitarte e outros moitos directivos e técnicos de Adif, pero a Audiencia da Coruña levantou aquelas imputacións. O segundo xuíz instrutor que o substituíu, Andrés Lago Louro, tampouco viu inicialmente responsabilidades máis aló do maquinista, pero tres anos despois do accidente, en maio de 2016, a mesma Audiencia da Coruña, cun tribunal formado polos maxistrados Ángel Pantín Reigada, José Gómez Rey e María del Carmen Martelo Pérez, pediu ao instrutor reabrir o caso e investigar máis alá da actuación do maquinista. En concreto, o xeito en que Cortabitarte analizara os riscos existentes na curva de Angrois cando autorizou poñer en servizo a liña ferroviaria en 2011 sen o sistema de control constante da velocidade instalado na curva e cando en 2012 permitiu que o sistema se desconectase tamén a bordo dos Alvia.
Nesa investigación de como Adif avaliara os riscos de Angrois foi determinante un informe crítico da Axencia Ferroviaria Europea, que acabou provocando a imputación de Cortabitarte por parte do segundo xuíz instrutor en marzo de 2017, avalada tres meses despois na Audiencia da Coruña por un tribunal no que un novo maxistrado, Alejandro Morán Llordén, substituía a Martelo Pérez.
Finalmente o xuíz instrutor concluíu que hai probas suficientes para xulgar a Cortabitarte ao mesmo nivel que o maquinista como responsables os dous de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia. E despois de que o primeiro fiscal do caso, Antonio Roma, insistise en non investigar máis que ao maquinista, o segundo fiscal que se fixo cargo da instrución, Mario Piñeiro, respaldou a proposta do xuíz fronte ás peticións dos acusados de ser exculpados e as das vítimas para que se ampliasen as imputacións a outros cargos. A proposta foi avalada esta semana novamente pola sala sexta da Audiencia da Coruña, composta agora igualmente polos maxistrados Pantín Reigada e Gómez Rey pero cun novo maxistrado completando a terna, César González Castro, o sétimo que se pronuncia sobre o caso.
Mentres isto pasaba nos tribunais, no eido político non foi ata setembro de 2018 que un ministro de Fomento ou Transportes, o socialista José Luis Ábalos, chegado ao posto poucos meses antes, pediu perdón ás vítimas “en nome deste Goberno”. En febreiro de 2019 faríano tamén os ministros cando se puxeron en servizo a liña ferroviaria, o socialista José Blanco, e o tren Alvia, Ana Pastor, que na comisión de investigación política que se abriu no Congreso pero nunca emitiu conclusións dixeron non ser coñecedores das decisións sobre a seguridade de Angrois pero lamentaron se as súas actuacións tras o accidente engadiron dor ás vítimas.
Malia que a UE vén pedindo a España desde hai máis de dous anos unha nova análise técnica do accidente, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios do ministerio vén negándose e mantén a versión oficial que apunta só ao maquinista
Aquelas comparecencias no Congreso tamén serviron para que os responsables da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento teimasen en manter as súas conclusións oficiais sobre o sinistro de que este se debera só ao despiste do maquinista. Esa investigación técnica oficial exculpatoria de Adif e Renfe influíu nos primeiros compases da investigación penal, ata o punto de que un dos supostos peritos xudiciais independentes plaxiou varias partes do informe da CIAF.
Porén, a Axencia Ferroviaria Europea, ao tempo que puña en evidencia as eivas da análise de riscos de Angrois, tamén invalidaba a investigación da CIAF pola falta de independencia dos seus membros, nomeados por Fomento, e por non querer pescudar máis alá do maquinista. A Comisión Europea vén reclamando desde aquela a España que cumpra coa normativa comunitaria e faga unha investigación técnica independente e a fondo do sinistro, pero Fomento di que a CIAF agora xa si é independente e polo tanto xa non pode darlle ese tipo de ordes. E a CIAF insiste en que non considera necesario reabrir a investigación.
Oito anos despois a única conclusión oficial sobre o sinistro de Angrois segue a ser aquela que estableceron os investigadores de Fomento de que a causa do accidente foi un exceso de velocidade “por non respectar o persoal de condución o establecido”.