Imputado o ex-xefe de seguridade de Adif por homicidio e lesións no accidente de Angrois

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, nun cartel de protesta das vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

O xuíz cita como investigado a Andrés Cortabitarte, o cargo da empresa pública que non avaliou o risco da curva malia autorizar previamente que se desconectase o sistema de freado automático nos trens

“Tendo coñecemento de dita situación de risco [...] non consta que fixese ou ordenase medida ningunha destinada a avaliar e xestionar dito risco [o que] o fai en principio responsable a título de autor dos delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave en que finalmente se concretou dito risco tras producirse o descarrile do tren Alvia o pasado 24 de xullo de 2013”. Con esta argumentación o xuíz instrutor do accidente de tren de Angrois chama a declarar como investigado -antiga imputación- a Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade de Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, como responsable do sinistro, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas.

No sinistro da curva de Angrois o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, tamén imputado polos mesmos delitos, despistouse e descarrilou ao non frear a tempo antes da primeira curva de entrada a Santiago sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste, o que xeraba un elevado risco de accidente. Logo de que o segundo xuíz instrutor que ten a causa, Andrés Lago Louro, tentase pechala e xulgar só ao maquinista, a Audiencia Provincial da Coruña ordenoulle o pasado maio reabrila e analizar mellor se Adif tratara como debía o risco existente na curva. Agora, logo de recibir varias peritaxes, o instrutor considera “evidenciado” que esa “análise integral do risco” era “necesaria” e “non se fixo” e atribúe a Cortabitarte esa responsabilidade como director de Seguridade. Por iso, a través dun auto con data do pasado venres e comunicado este luns ás partes, cítao a declarar no xulgado de Santiago o día 23 deste mes de marzo ás dez da mañá.

"Existen indicios suficientes para estimar que, polo menos por parte de Adif, non se fixo todo o posible para mitigar o risco que finalmente desembocou" no accidente, di o xuíz

“Existen indicios suficientes para estimar que, polo menos por parte de Adif, non se fixo todo o posible para mitigar o risco que finalmente desembocou no resultado finalmente producido”, di agora o xuíz no auto, para quen “Adif non cumpriu co dito deber tolerando a exportación de dito risco ao maquinista sen efectuar unha previa valoración integral da liña que protexese aos usuarios fronte ao posible erro humano, o que, en termos de contribución causal ao resultado finalmente producido, equipara dito incumprimento á imprudencia do maquinista que tiña o deber de conxurar e/ou mitigar”.

Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada por Cortabitarte

Cortabitarte non só era o máximo responsable de supervisar esa análise de riscos que peritos e xuíz botan en falta sobre a curva de Angrois, senón que el mesmo estivo implicado en decisións que, segundo os peritos, incrementaron eses riscos. Un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, el mesmo autorizara en persoa desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque ás veces fallaba e provocaba demoras dos trens.

Cortabitarte autorizou en 2012 desconectar o sistema de freado automático a bordo dos trens porque ás veces fallaba e provocaba atrasos

A súa autorización emitiuna durante unha fin de semana e deixando toda a responsabilidade do freado en mans dos maquinistas, xa que o sistema convencional de control puntual da velocidade, o ASFA, non estaba alí programado para actuar sobre un exceso de velocidade como o ocorrido no accidente. Cortabitarte tamén era o responsable do departamento de Seguridade cando, durante a construción do AVE Ourense-Santiago previa á súa inauguración en decembro de 2011, Adif decidiu non instalar o ERTMS nas vías en toda a liña senón só ata catro quilómetros antes da curva de Angrois. Foi esa outra decisión que segundo os peritos tamén incrementou o risco, aínda que o ERTMS tería detido igualmente o tren de estar dispoñible nel xa que o freado se activa a esa distancia se o maquinista non o fai.

Cortabitarte fora imputado previamente polo primeiro xuíz instrutor da causa, xunto con outra vintena de directivos e técnicos de Adif. Porén, todos se negaran a declarar e a Audiencia da Coruña retirara aquelas imputacións por consideralas xenéricas e carentes de probas suficientes, pero matizando que, de concretarse estas, Cortabitarte sería a figura á que apuntar e non o resto daqueles imputados, que non serían coñecedores das características de seguridade da liña. Así o fai agora o segundo xuíz instrutor.

Por outra banda, como director de Seguridade, Cortabitarte está tamén imputado por outro accidente ocorrido en Arévalo (Ávila) en 2010, no que un maquinista morreu cando o seu tren chocou por detrás contra outro logo de que fallase un semáforo no que Adif estaba a realizar probas. Cortabitarte deixou o departamento de Seguridade de Adif poucas semanas antes do accidente de Santiago, pero foi recolocado noutros cargos de libre designación da empresa pública, que o defendeu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.